Milleiros de persoas saíron á rúa cos principais sindicatos galegos neste Primeiro de Maio para clamar por mellores salarios, vivenda accesible, democracia e contra a guerra nunha nova xornada de reivindicación da clase traballadora que serviu tamén para cargar contra o plan da Xunta para controlar as baixas e ampliar o poder das mutuas.
Os sindicatos clamaron contra a "criminalización" dos traballadores que enferman polo plan para controlar baixas
A iniciativa impulsada polo presidente Rueda no último debate de política xeral no Parlamento levou a que este Día Internacional da Clase Traballadora puxese de acordo a sindicatos e formacións de esquerda para criticar a "criminalización" que, ao seu ver, a Xunta fai dos e das traballadoras que enferman.
No caso da CIG, trasladou a súa manifestación principal polo Primeiro de Maio a Lugo "en resposta á deriva autoritaria do PP" tras o anuncio da polémica moción de censura na cidade, que se votará a vindeira semana. CCOO e UGT, pola súa banda, centraron os actos principais na Coruña, nunha nova mobilización conxunta. Ademais, ducias de cidades e vilas acolleron marchas dos principais sindicatos, pero tamén as houbo da CUT ou da CNT en varias localidades.
As mobilizacións viñeron marcadas polo rexeitamento á guerra e pola chamada a enfrontar o auxe da extrema dereita e das súas políticas contra a clase traballadora
Foron, todas elas, mobilizacións marcadas pola incerteza económica global provocada polos conflitos bélicos e polo rexeitamento ás guerras, ao "imperialismo" ou ao "fascismo". A advertencia sobre a necesidade de enfrontar o auxe da extrema dereita e das súas políticas contra o estado de benestar e as clases traballadoras foi tamén protagonista dunhas marchas que uniron ás tradicionais demandas laborais a dunha vivenda digna e políticas para intervir o mercado inmobiliario.
Tampouco faltaron esas críticas á Xunta pola súa "campaña de criminalización e culpabilización" dos e das traballadoras que enferman e solicitan a baixa. .
"Negar o dereito á saúde"
Desde Lugo, e baixo o lema Contra o imperialismo, paz e soberanía. Na Galiza, traballo digno e dereitos, a CIG advertiu da deriva autoritaria do PP por ter "relación directa co actual medre do fascismo" por "actuar como Vox, compartindo programas pero competindo polo voto", tal e como asegurou o se secretario xeral, Paulo Carril, que cualificou de "indigna e inaceptábel" a moción de censura prevista na cidade da Muralla.
Alí, milleiros de persoas manifestáronse coa CIG, que lembrou tamén o anuncio da Xunta dun "plan para o control e a criminalización das baixas médicas", que busca "culpabilizar a clase traballadora por caer enferma, negando o dereito á saúde para darlle máis poder ás mutuas, mentres se desmantela a sanidade pública".
Ademais, a central nacionalista demandou con urxencia "un plan de choque ante o medre da carestía da vida" e criticou que UE e España "asuman con obediencia as ordes de incrementar o gasto militar para alimentar a máquina da agresión imperialista".
A CIG reclama un "plan de choque ante o medre da carestía da vida"; CCOO e UGT, o aumento dos soldos para "vivir con dignidade" e un "reforzo dos servizos públicos"
Así, Carril pediu que estas contías "se destinen á protección social, a intervención e control público en sectores estratéxicos como o da enerxía, a alimentación, a vivenda ou a mobilidade, subir o SMI até os 1.374 euros mensuais, aprobar unha renda de inserción laboral e social; a prohibición dos desafiuzamentos, a conxelación das rendas do alugueiro e das hipotecas variábeis e que non se apliquen as subas de xuros, e a disposición dos sectores máis necesitados de todas as vivendas da SAREB".
Na Coruña, na manifestación central de CCOO e UGT baixo o lema Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia, unhas 4.000 persoas segundo os sindicatos reclamaron un aumento dos soldos para "vivir con dignidade" e reclamaron "dereito á vivenda", máis seguridade laboral e o "reforzo dos servizos públicos".
Tamén se demandou a redución da xornada laboral e desde as centrais convocantes advertiuse de que "non se vai aceptar a criminalización dos traballadores e traballadoras galegas", en relación ao devandito anuncio da Xunta tras sinalar o seu presidente o —presuntamente— elevado absentismo laboral no país.
Nesta marcha estiveron presentes a secretario xeral de CCOO Galicia, Amelia Pérez, e o seu homólogo de UGT, Cristóbal Medeiros, ademais do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ou o líder de Sumar Galicia, Paulo Carlos López.
Pontón acusa a Rueda de "criminalizar a quen se pon enfermo e non actuar contra a sinistralidade laboral"; Besteiro advirte dunha dereita "que quere botar abaixo o estado de benestar"
O líder dos socialistas galegos advertiu antes da manifestación que en Galicia "trabállase o mesmo que no resto do Estado, pero cóbrase menos" e reivindicou "salarios dignos e vivenda accesible" para a cidadanía. Ademais, chamou a defender as conquistas sociais froito "da loita da clase traballadora" fronte a unha dereita e unha ultradereita “que queren botar abaixo o estado de benestar”.
Na mesma cidade, pero na marcha da CIG, estivo presente a portavoz nacional do BNG, Ana Ponton, que destacou este Primeiro de Maio como "o día para defender a clase traballadora ante ameazas como o plan do PP contra as baixas". A líder nacionalista acusou a Alfonso Rueda de "criminalizar a quen se pon enfermo e non actuar contra a sinistralidade laboral, a fraude das horas extra ou o colapso da sanidade", tras destacar que Galicia "é a segunda comunidade autónoma con menos baixas de todo o Estado".