As críticas ao control das baixas pola Xunta irrompe nun Primeiro de Maio marcado pola incerteza global

Mobilización do metal en Vigo, nunha marcha convocada por CIG, CCOO e UGT CC-BY-NC-SA CIG

Dereitos, traballo digno, vivenda, democracia e rexeitamento á guerra, ao imperialismo e ao fascismo. Son as demandas que os principais sindicatos galegos fan este ano nun Primeiro de Maio marcado pola incerteza económica global ante os conflitos bélicos. Un Día Internacional da Clase Traballadora no que en Galicia se ergue tamén con forza outra reivindicación, logo de que o presidente da Xunta puxese no albo o persoal de baixa: a non "criminalización" dos e das traballadoras, medidas reais contra a alta sinistralidade e unha nova lexislación de prevención de riscos laborais. 

Foi hai menos dun mes cando Alfonso Rueda usou parte do seu discurso no debate de política xeral no Parlamento para anunciar un maior control das baixas laborais por parte da Xunta e o "reforzo" do papel das mutuas para que dean máis altas. Fíxoo tras advertir de que "cada día non van traballar 70.000 persoas en Galicia por estaren de baixa" pero sen facer alusión á elevada sinistralidade laboral que sofren as persoas traballadoras en Galicia. 

O plan provocou as protestas sindicais. A CIG mobilizouse contra a Xunta acusándoa de "responsabilizar a clase traballadora das baixas laborais, criminalizando as ausencias e buscando culpabilizar as persoas por enfermar, para seguir recortando dereitos, afianzando as competencias das mutuas e a privatización da sanidade pública". 

O anuncio da Xunta de aumentar o control das baixas fixo que o 1º de Maio virase tamén nun berro sindical contra a "criminalización e culpabilización" da clase traballadora

“A saúde é un dereito e enfermar non é delito”, dixo Paulo Carril, secretario xeral da central nacionalista, chamando a mobilizarse tamén nese Primeiro de Maio contra o que considera unha "campaña" do Goberno galego sinalando as e os traballadores. 

Desde CCOO e UGT rexeitaron as "análises simplistas" da Xunta, a quen acusaron tamén de impulsar "unha campaña sobre un suposto exceso de baixas médicas" que obvia, segundo din, cuestións "diferenciais" de Galicia como "o colapso do sistema sanitario, o avellentamento da poboación laboral ou a preponderancia de determinados sectores máis propensos a sufrir enfermidades de orixe laboral". "Non aceptaramos a criminalización dos traballadores", aseguran. 

Os datos son claros. Galicia é a segunda comunidade autónoma na que as baixas laborais teñen unha maior duración media (80,6 días), pero tamén o segundo territorio con menos baixas laborais en relación ao total de persoas afiliadas (27 por mil). 

Galicia é a segunda comunidade con menos baixas pero tamén o segundo onde duran máis; no país morre cada semana unha persoa durante a súa xornada laboral

Mentres se axita o debate sobre o suposto absentismo, outras cifras deitan luz sobre a situación: cada semana un traballador ou traballadora morre en Galicia durante a súa xornada e exercendo a súa actividade. A sinistralidade laboral é un problema enquistado no país, que malia unha lenta mellora nas últimas décadas, aínda rexistra medio cento de falecementos cada ano no espazo de traballo. Foron 45 o pasado ano, como destacaba CCOO en plena polémica polas intencións da Xunta. 

Poucos días despois, UGT tiraba tamén dos datos do Ministerio de Traballo para lembrar que nos dous primeiros meses do ano xa eran sete as persoas falecidas no seu traballo e un total de 4.516 sinistros no país. Uníanse aos máis de 27.500 accidentes con baixa en xornada laboral do ano anterior, 376 deles graves, con 45 mortes durante a xornada e outras dez camiño do traballo, como lembraba a CIG, que pedía "medidas de protección reais". 

O sindicato nacionalista, que trasladou a Lugo o acto central deste Primeiro de Maio "en resposta á deriva autoritaria do PP" tras o anuncio da polémica moción de censura na cidade, convoca un total de 20 mobilizacións en Galicia "contra o imperialismo e para reclamar traballo digno e dereitos"

A CIG critica que no contexto de medre descontrolado dos prezos pola guerra en Irán, no Estado español se destinen “máis millóns de euros a gasto militar que ás medidas para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais desta guerra”. E pide un plan de choque contra a carestía, así como para paliar os graves efectos dos elevados prezos da vivenda. 

A solución ao problema da vivenda é outra das demandas sindicais que se incorpora con forza xunto ás habituais de "traballo digno" e "mellor estado de benestar" nun contexto de incerteza

CCOO e UGT, que volven mobilizarse conxuntamente con actos en todas as cidades, demandan "mellores salarios, acceso a unha vivenda digna, máis democracia e máis e mellor estado de benestar", ademais da redución da xornada laboral. Reclaman, tamén, que  1º de Maio sexa tamén "un berro de demanda de vivenda digna" ante "un problema de país ao que lle hai que buscar solucións". Os últimos datos así o reflicten, como o que indica que 125.000 persoas en Galicia non puideron cambiar de casa polos elevados prezos do mercado inmobiliario

Todo, aclaran, nun contexto de "inestabilidade e conflitos bélicos" que aumenta a incerteza sobre un mercado laboral galego con datos positivos pero tamén eivas e tendencias a corrixir. 

Mercado laboral feble

Os últimos datos da EPA, do primeiro trimestre do ano, confirman ambas circunstancias nun período tradicionalmente malo para o emprego. Destruíronse en Galicia case 9.000 postos de traballo pero gañáronse 28.000 con respecto a un ano antes, unha evolución aínda positiva que depende moito da achega da poboación migrante, cada vez máis importante e clave nun mercado laboral coa taxa de paro por baixo do 9%, non lonxe do considerado pleno emprego. 

Os sindicatos critican, con todo, a febleza deste mercado laboral e advirten das consecuencias que sobre este ten a incerteza económica provocada pola inestabilidade a nivel mundial: moi estacional e precario, centrado no sector servizos e aínda con elevadas cotas de parcialidade, aínda que outros datos indican unha clara mellora. A taxa de temporalidade, agora do 11,6%, é o mellor dato da serie histórica, case 14 puntos por baixo do 25,3% de 2021, antes da entrada en vigor da reforma laboral. 

Neste contexto, outras centrais como a CUT —con manifestacións convocadas na Coruña, Compostela, Ourense e Vigo— pregúntase "como pode esixirse produtividade cando a precariedade salarial é o día a día da clase traballadora" e "que salario se pode considerar digno cando a vivenda leva o seu 80% por medio da especulación consentida mentres hai quen ten a pouca vergoña de falar de ocupación". O sindicato chama a mobilizarse "contra o fascismo" e contra as guerras que só agochan "intereses económicos perversos". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.