O paro subiu en Galicia en 9.000 persoas nos tres primeiros meses do ano
9.000 persoas paradas máis e 8.800 ocupadas no primeiro trimestre do ano en Galicia. O final da campaña de Nadal no comercio e na hostalería supuxo a destrución dun bo número de empregos entre xaneiro e marzo, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada este martes polo INE.
O número total de persoas ocupadas queda, xa que logo, en 1.178.100, que son case 9.000 menos que no último trimestre de 2025 pero 28.000 máis que hai un ano, o que sitúa a taxa de ocupación no 49,3%, un lixeiro descenso que non impide manter a cifra en niveis que non se alcanzaban desde antes da crise de 2008.
Ademais, Galicia conta con 4.900 persoas máis a buscar emprego que hai un ano e 9.000 máis con respecto a hai tres meses, rozando así o 9% de taxa de paro, afastándose un chisco do pleno emprego, que en España se considera no 8% e que o país alcanzara no pasado verán polo pulo do turismo.
A galega é a quinta taxa de paro máis baixa a nivel estatal malia o aumento destes primeiros meses do ano.
No conxunto do Estado, o pasado trimestre foi o peor en termos de desemprego desde 2013, situándose a taxa de paro no 10,83% (case dous puntos por riba da galega), tras sumar 231.500 desempregados e perder 170.300 persoas ocupadas.
Con todo, o Goberno de España ve positivos os datos nun trimestre complexo. O vicepresidente primeiro e ministro de Economía, Carlos Cuerpo, valorou a capacidade do mercado laboral para "seguir creando emprego de maior calidade mesmo nun contexto internacional complexo".
Galicia mantense por riba do millón de persoas traballando a xornada completa malia o descenso na ocupación
Por outra banda, e no que atinxe ao tipo de xornada da poboación ocupada, o mercado laboral galego consolida a tendencia de ter máis dun millón de persoas traballando a xornada completa, o cal deixara de suceder en 2009, segundo as series temporais dispoñibles. Ese limiar xa se superara no verán de 2024 e as cifras están por riba dende o segundo trimestre de 2025. Mantéñense agora no comezo deste 2026 malia un lixeiro descenso e tendo en conta que hai un ano non se alcanzaba ese número redondo.
As, neste primeiro trimestre do ano a cifra é de case 1,017 millóns de persoas traballando a tempo completo fronte a 161.300 facéndoo a xornada parcial. A poboación ocupada a xornada completa está formada por 28.100 persoas máis ca un ano antes e a que desempeña o seu posto de traballo a tempo parcial é exactamente a mesma que doce meses atrás. Así e todo, neste comezo de ano a ocupación a xornada completa diminuíu (-6.400 persoas), ao igual que a xornada parcial (-2.400), con respecto ao trimestre anterior.