Galicia alcanza o pleno emprego tras o pulo da temporada turística

Persoal servindo nun local de hostalería en Galicia Dominio Público

Os orzamentos da Xunta para 2026, feitos públicos en detalle o pasado luns, estiman que a taxa de paro remate este ano no 8,3% para seguir baixando no vindeiro ata alcanzar o 7,8%. Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre de 2025, difundidos este venres, indican que en Galicia hai 102.600 persoas en paro, 3.500 menos que no trimestre anterior e unha cifra que non se alcanzaba desde antes de 2008. Con estas cifras, a taxa de paro diminúe en tres décimas e colócase no 8%, xusto no limiar a partir do que en España se considera pleno emprego

O desemprego baixa en 3.500 persoas no terceiro trimestre e Galicia alcanza unha taxa de paro do 8%, xusto no limiar do considerado pleno emprego

O paro estrutural no Estado —derivado dun peculiar sistema produtivo e pendente de reformas— e mais o forte peso da economía somerxida fan que economistas e administracións acepten ese 8% como obxectivo para determinar a consecución dun pleno emprego que, xa que logo, Galicia tería alcanzado neste terceiro trimestre de 2025, cunha taxa que non se lembraba desde finais de 2007, antes da gran recesión e da crise que acabou por elevar esta taxa por riba do 23% en 2014. 

Galicia chega agora a ese punto do pleno emprego cunha taxa que era case dez puntos superior hai unha década e que baixou oito décimas nun ano, tras diminuír o número de persoas paradas en practicamente dez mil con respecto a hai doce meses. 

Ao tempo que isto ocorre, a poboación ocupada en Galicia aumentou en 14.000 persoas no terceiro trimestre en comparanza coa cifra do trimestre anterior e sitúase xa en 1.179.500 persoas, unha cifra que non se alcanzaba desde antes de que as consecuencias da grave crise económica empezasen a facer efecto no emprego. 

Por sectores, o número de persoas ocupadas neste trimestre aumenta un chisco no sector primario, onde descende considerablemente con respecto a un ano antes. Ademais, baixa na industria (en arredor de 6.000 persoas en comparación co trimestre anterior), ata quedar en números moi semellantes aos de hai doce meses, ao igual que na construción, onde o número de persoas ocupadas diminúe nunhas 8.000. 

Galicia crea 14.000 empregos no global: perde na industria e na construción pero suma 27.300 máis no sector servizos, polo verán e a tempada turística

Doutra volta —e desta vez dun xeito máis acusado ao debullarse os datos dos meses de verán e da temporada alta no turismo—, o sector servizos segue a marcar o ritmo do mercado laboral no país. O emprego neste sector medrou en 27.300 persoas entre xullo e setembro con respecto ao trimestre anterior e suma 40.600 persoas ocupadas máis que hai un ano

Precisamente, hai algo máis de dous anos, en plena campaña electoral, Pedro Sánchez, daquela aínda candidato e agora presidente do Goberno de España, aseguraba que a "primeira proposta" que lanzaba era a dun "acordo cos axentes sociais para lograr o pleno emprego, do 8% estrutural, ao longo da vindeira lexislatura". Moitos anos antes, fora Zapatero quen en 2008 prometera tamén avanzar cara ao pleno emprego no programa para unha campaña electoral que deu paso a unha crise que fixo cachizas aquel desexo. Feijóo, en 2009 e coa ollada na Xunta, tamén prometera ese obxectivo malia que ridiculizara a proposta socialista. 

A devezada cifra chega en Galicia tras o verán deste 2025, mentres que en España a taxa de paro sitúase no 10,45% tras un lixeiro aumento no pasado trimestre. 

A taxa de ocupación roza o 50%

É unha constante. A cada vez maior importancia da hostalería e o sector turístico na economía galega fai que o pulo ao emprego durante o verán eleve a taxa de ocupación, que agora roza o 50% (49,5%) e sitúase en cifras que non se alcanzaban desde 2008. Ao tempo, a taxa de paro chega a ese 8% que tantas administracións e líderes políticos marcan como obxectivo.

Algúns anos despois, non está lonxe España de alcanzar esa cobizada cifra, logo de que a taxa de paro se reducise nun punto no terceiro trimestre deste ano e quedase no 10,3%. No conxunto do Estado, segundo os datos da EPA, o mercado laboral sumou 118.400 empregos ata marcar un novo récord de ocupación con 22.387.100 persoas afiliadas, aínda que o comportamento do emprego foi o máis moderado neste period desde 2019. 

De feito, o número de persoas paradas subiu en 60.100, aínda que desta vez o incremento do emprego é compatible co aumento do paro logo de que a poboación activa medrase en case 180.000 ata superar os 25 millóns que traballan ou buscan choio. 

No caso de Galicia, esta poboación activa sitúase en 1.282.000 persoas, que son arredor de 10.000 máis en comparación co trimestre anterior e con hai un ano. Así, a taxa de actividade alcanza o 53,78%. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.