Agro e pesca superan as 40 horas semanais en Galicia en pleno debate sobre reducir a xornada

Un home conduce un tractor nunha explotación agraria CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A redución da xornada laboral ata as 37,5 horas semanais no Estado atópase leva xa anos na axenda política do Goberno de España e do Ministerio de Traballo en particular. O pasado xullo o primeiro exame da medida no Congreso foi adiado ao certificar o Executivo que non tiña apoios dabondo. A ministra Yolanda Díaz insistiu en que "á volta" das vacacións parlamentarias retomaría "absolutamente todas as negociacións" sobre unha das políticas marcadas en vermello na axenda da vicepresidenta segunda a cal todo apunta a que continuará bloqueada unha vez constatado o "non" dos imprescindibles votos de Junts per Catalunya canda PP e Vox.

A redución horaria que o "non" de Junts se dispón a frear no Congreso canda PP e Vox favorecería en Galicia a arredor de medio millón de persoas asalariadas

O debate, en calquera caso, leva moito máis tempo dándose e seguirá vivo. Xa o pasado mes de febreiro, o Consello de Ministros aprobou o anteproxecto de lei, recollendo así o acordo alcanzado entre o Ministerio de Traballo e os principais sindicatos de ámbito estatal, que non contou co apoio da patronal CEOE. A medida, que Díaz advirte que supón "máis tempo para coidar e para vivir", abranguería uns 12,5 millóns de traballadores e traballadoras do sector privado en España, 10,5 deles a tempo completo. En Galicia, segundo os cálculos das centrais sindicais, a redución favorecería arredor de medio millón de asalariados e asalariadas. A unhas máis que a outras. 

Segundo os últimos datos tirados ao peche de 2024 do Instituto Galego de Estatística (IGE), son varios os sectores onde o número medio de horas efectivas traballadas á semana supera amplamente esas 37,5. Un destaca por riba de todos: o agro. Na actividade que abrangue a agricultura, a gandaría e a silvicultura a media é de case 50 horas semanais (48,9), unha cifra que superaba as 50 en 2021 e que chegou a superar as 54 hai quince anos. Nos inicios de 2025 roldaba as 46, ao igual que na pesca e acuicultura. 

Este sector, o dos traballos do mar, é o outro que supera as 40 horas de media semanais de traballo (40,7), unha cifra que nos primeiros meses deste ano situábase xa ao nivel do agro, con máis de 46. 

A media de horas semanais traballadas no agro rolda as 50, mentres que na pesca supera as 40

Ademais, hai varios sectores onde o número medio de horas traballadas á semana está por riba das 37,5 que o Goberno de España quere establecer como máximo: transporte e amalcenamento, hostalaría, construción e as industrias manufactureiras e extractivas. No caso do persoal da actividade que abrangue enerxía, subministro de auga e xestión de residuos, o seu labor semanal elévase xusto a esas 37,5 horas de media. 

No conxunto dos traballadores e traballadoras en Galicia, a media sitúase por baixo das 37,5 e queda nas 37,1. Porque hai moitos sectores onde a xornada laboral xa está reducida de facto polas súas condicións e convenios. Trátase do comercio, dos talleres de vehículos, as actividades financeiras, inmobiliarias e profesionais, a administración pública e defensa, a educación e o labor sanitario e de servizos sociais, así como o resto de servizos. 

Os traballadores e as traballadoras do ensino, o persoal das administracións públicos e os e as profesionais sanitarias son os que, segundo os datos do IGE e o Instituto Nacional de Estatística (INE), contan cunha xornada laboral co menor número de horas semanais de media. Uns datos que mudan segundo cada caso e nos que hai que ter en conta as horas extras ou reforzos, por suposto tamén no resto de sectores. 

No caso do ensino, as horas efectivas de traballo semanais sitúanse de media entre as 32 e as 33, na administración pública e defensa algo por riba das 35, unha cifra que roldan os profesionais sanitarios. 

Ensino, administración pública ou sanidade son os sectores cunha xornada laboral máis reducida

Que a lei acabe por establecer unha xornada laboral de 37,5 horas semanais depende agora de que o Congreso acabe aprobándoa. O Goberno de España sabía que non era doado. "Está en mans das formacións políticas", dixera hai pouco Yolanda Díaz, que advertiu que delas depende "decidir o que fan co tempo de traballo das asalariadas e asalariados do país". 

A dereita independentista de Junts era o atranco máis complicado, sabedor como é o Executivo central de que non vai contar co apoio do PP nin moito menos de Vox. E este pasado luns, a formación catalá confirmoulle ao Ministerio de Traballo que manterá a emenda á totalidade e votará non. 

Dous mariñeiros traballan na súa embarcación no porto CC-BY-SA Xunta

Junts confirma o voto negativo canda a PP e Vox

"É unha labazada a doce millóns de traballadores", dixo na Cadena SER Joaquín Pérez Rey, secretario de Estado de Traballo, tras reunirse coa voceira de Junts no Congreso, Miriam Nogueras. O partido soberanista aludiu sempre a que o anteproxecto de lei "vai en contra da pequena e mediana empresa catalá" e á falta de acordo e consenso coa patronal estatal. 

Con todo, e malia a negativa de Junts, o Goberno de España non vai retirar o proxecto, polo que o debate celebrarase no Congreso este mércores. Será unha derrota para o Executivo central pero Pérez Rey aclarou tamén que será "o momento de que as forzas políticas se retraten, que digan se están coa maioría traballadora ou coas elites". 

Ademais, a ministra Yolanda Díaz advertiu dun plan B. Se o proxecto non vai adiante abordará un cambio do rexistro horario nas empresas para facelo máis efectivo. Unha mudanza vía regulamento que non precisa do aval do Congreso. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.