O Goberno de España dá o primeiro paso para reducir xornada laboral a 37 horas e media

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, presenta o anteproxecto de lei para reducir a xornada laboral CC-BY-SA Ministerio de Traballo

Primeiro paso. O Consello de Ministros aprobou este martes o anteproxecto de lei que reducirá a xornada laboral a 37,5 horas semanais, recollendo así o acordo alcanzado entre o Ministerio de Traballo e os sindicatos, sen contar co apoio da patronal. 

"É un día histórico", di Yolanda Díaz sobre o primeiro paso para a redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais

"Hoxe é un día histórico", dixo na rolda de prensa posterior ao reunión do Executivo central Yolanda Díaz, ministra de Traballo, que cre que "paga a pena formar parte do Goberno de España" tras a aprobación dunha medida que di que servirá para "modernizar" o país e que alcanzaría arredor de 12,5 millóns de traballadores do sector privado, 10,5 deles traballando a tempo completo. En Galicia, segundo cálculos dos sindicatos, abranguería medio millón de persoas

Traballadoras dunha conserveira en Galicia © Albo

O anteproxecto de lei terá que volver en segunda volta ao Consello de Ministros e deberá continuar coa súa tramitación parlamentaria antes da súa entrada en vigor. Ten que ser aprobado polo Congreso, o que non semella doado tendo en conta a negativa segura de PP e Vox e as advertencias vertidas xa por Junts, aínda que Díaz advirte que se negociará "con todos os grupos parlamentarios". Tamén admite da dificultade que supón sacala adiante no Parlamento. 

O texto terá agora que ser aprobado no Congreso, unha tarefa da que o Goberno admite a súa dificultade

Malia que a patronal caeu dun pacto cos sindicatos tras once meses de negociacións no marco do diálogo social, Díaz cre que o empresariado non é quen de opoñerse á medida "por sentido común". "Sendo conscientes da nosa situación de minoría parlamentaria, este é un proxecto de Goberno e de país e baixo este paraugas estamos todos", dixo despois Pilar Alegría, portavoz do Executivo. 

O texto chegará tal cal ás Cortes, igual que o como se negociou e pactou cos sindicatos, aínda que poida sufrir "correccións técnicas". Será o paso da xornada laboral semanal de 40 horas máximo actuais, aprobada en 1983, ata as 37 e media. "Isto vai mellorar a vida da xente, esta norma dá esperanza á cidadanía", dixo Díaz sobre unha medida que agarda que se aplique en todas as empresas antes de decembro deste ano. 

O texto regula tamén aumentos de soldo para as persoas baixo o paraugas destas xornadas máximas pero que traballen a tempo parcial, a maioría delas mulleres. Tamén prevé que se poidan manter os horarios e que se lles vexa incrementado o salario, ao traballar máis porcentaxe sobre a nova referencia de tempo completo. 

Traballador da hostalería nun local en Galicia CC-BY Xunta

A iniciativa reforza o control horario, que será dixital, non manipulable e accesible en remoto para a Inspección

Segundo o Ministerio de Traballo, os colectivos máis beneficiados por esta medida son as persoas traballadoras non cubertas por convenios colectivos, que poden actualmente verse sometidas "a unha xornada laboral similar á dos últimos máis de corenta anos e que se presenta con maior intensidade nalgúns territorios e sectores como a hostalería, comercio, agricultura ou servizos". 

Hai outro elemento clave no anteproxecto de lei: a reforma do control horario. Será dixital, non manipulable e accesible en remoto para a Inspección de Traballo, co obxectivo de reforzar esta medida de control contra os abusos empresariais sobre os horarios do persoal. 

O verán como horizonte máis optimista

Ademais, o anteproxecto tamén amplía o dereito á desconexión dixital para impedir que as empresas contacten co persoal fóra do seu horario, entre outras medidas. 

As empresas terán ata o 31 de decembro de 2025 para realizar as adaptacións necesarias nos seus convenios colectivos que aseguren o cumprimento do previsto na normal, en particular o establecido respecto á duración de xornada. 

A cuestión é agora saber cando se vai aprobar (ou se finalmente será aprobada) a lei. No caso de que a norma lograse os apoios no Congreso, as estimacións máis optimistas sitúan esta aprobación no verán. Será, ben seguro, negociada por vía de urxencia nas Cortes, pero os prazos poden alongarse dependendo das emendas e das condicións e debates que xurdan nas formacións que deben dar o seu visto e prace. 

No caso de que a lei fose publicada no BOE, ao día seguinte sería aplicada, pero habería un prazo de adaptación dos convenios colectivos con xornadas máis extensas ata o 31 de decembro deste ano. O ministro de Economía, Carlos Cuerpo, xa advertiu varias veces que a aplicación da medida podería "flexibilizarse"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.