Varias sentenzas condenaron a Xunta, Inditex, Carrefour, CRTVG ou Mercadona por vulnerar o dereito á conciliación do seu persoal
Desde hai xa varios meses, numerosas empresas e administracións públicas en Galicia están sendo condenadas por vulnerar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral de traballadoras, ás que negan a adaptación horaria que lles recoñece a lei. Os xulgados énchense de denuncias de mulleres contra compañías que denegan ou obvian o dereito á modificación da xornada para o coidado dos fillos e que acaban sendo condenadas non só a aceptar a solicitude, senón a indemnizar as afectadas polo dano moral causado ou por quebrantar un dereito fundamental, reforzado tras un Real Decreto de 2019.
O grupo Inditex, Mercadona, Carrefour, hospitais privados, residencias de maiores, colexios, universidades e mesmo a propia Xunta foron condenadas nos últimos meses polo mesmo motivo. A última, hai tan só uns días, a CRTVG, a quen unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratifícalle o dereito á conciliación que lle fora recoñecido a unha traballadora por un xulgado de primeira instancia tras negarlle a Corporación a posibilidade de fixar un horario laboral que lle permitise coidar das súas fillas de maneira axeitada.
O TSXG vén de condenar a CRTVG por impedir conciliar a unha traballadora ao non permitirlle modificar o horario e vulnerar dereitos fundamentais
Como en moitos outros ditames, o Superior ratifica (ou revoga, no seu caso) ditames anteriores para lembrar que "debe primar a necesidade de conciliación familiar" e, neste caso, sinalar que non existe "unha causa organizativa xustificada de suficiente intensidade para rexeitala". Ademais, aquí, e a diferenza do xulgado de primeira instancia, advirte que a CRTVG vulnerou “o seu dereito a non ser discriminada por razón de sexo" que recoñece a Constitución española e ordena unha indemnización á afectada de máis de 6.000 euros en concepto de danos e prexuízos por ter vulnerado ese dereito constitucional.
"Temos consultas diariamente sobre a adaptación horaria, practicamente todas de mulleres e, precisamente por iso, a maioría en sectores e empregos moi feminizados como os call center ou o comercio", explica Isabel Fernández, secretaria da Muller da Federación de Servizos de CCOO, que insiste na necesidade de dar a coñecer un dereito que está a ser amplamente recoñecido nos xulgados no caso de que as empresas neguen ou ignoren as peticións formais do persoal.
Malia que tamén hai casos de traballadoras que advirten do seu temor ás represalias ou de ameazas nas empresas no caso de solicitar este dereito -testemuños denuncian situacións deste tipo en importantes cadeas de supermercados de Galicia-, desde o sindicato cren que as reticencias son cada vez menores e animan a "solicitar a conciliación e denunciar se non a aceptan ou nin tan sequera contestan". "As nosas avoas non conseguiron as cousas por quedar sentadas", engade. Avogados laboralistas consultados por Praza.gal insisten en que esas posibles represalias irían en contra da compañía de realizalas unha vez solicitada formalmente a concreción horaria: "Tomar medidas neses casos suporía un agravante máis no caso de acabar nos xulgados".
"Temos consultas diarias sobre a adaptación horaria para conciliar, practicamente todas de mulleres", recoñecen desde CCOO
As últimas sentenzas son moi contundentes contra as empresas pola negativa a un dereito que, no entanto, non é absoluto. A traballadora pode solicitar a adaptación da xornada e a empresa pode negarse se existen razóns para facelo. Pero son moitos os casos nos que as compañías non son quen de argumentar os motivos para negar un cambio horario que permita poder ir recoller os nenos á escola ou coidar deles ante a falta de alternativas. "Estamos falando dun dereito fundamental básico", lembran os sindicatos.
"As trabas que adoitan poñer as empresas é que se lles acumula moito persoal nunha franxa horaria, pero ese non é problema da traballadora; as escolas infantís teñen o horario que teñen e a alternativa dunha privada xa sabemos o que supón economicamente e no que ten que ver coa conciliación", explica Isabel Fernández. No casos de compañías grandes, con diferentes quendas e centros de traballo, este argumento adoita ser desbotado polos xuíces.
Os letrados expertos, pola súa banda, lembran que a maioría da xurisprudencia analiza a situación particular do persoal que solicita a concreción horaria e da empresa, polo que é recomendable acreditar con detalle a difícil situación de conciliación.
Ata 2019, a única opción para adaptar a xornada para conciliar era pedir unha redución; un novo real decreto abre a porta a solicitar a modificación do horario
Con todo, hai sentenzas, como outra do TSXG de novembro de 2020, na que se advirte de que o dereito á conciliación é "un dereito persoalísimo" da traballadora que o solicita e que "nada ten que acreditar en relación a se o seu marido ten máis fácil conciliar ou non". Do mesmo modo, outro ditame do mesmo tribunal de hai un ano sinala que malia que é tamén importante que o persoal acredite a súa situación de necesidade, o peso recae sobre a empresa, que "debe demostrar de forma clara e indubidable a causa que permite negar a concreción horaria proposta polo traballador".
Porque ata 2019, a única posibilidade para adaptar a xornada para conciliar vida laboral e familiar era solicitar unha redución de xornada por coidado de fillo ou familiar. Foi tras a aprobación do Real Decreto 6/2019 cando se abriu outra posibilidade recollida no artigo 34 do Estatuto dos Traballadores, no seu apartado 8, que recoñece o dereito a "solicitar as adaptacións da duración e distribución da xornada de traballo, na ordenación do tempo de traballo e na forma de prestación, incluída a prestación do seu traballo a distancia, para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida familiar e laboral".
Unha sentenza pioneira que obrigou unha empresa de Vigo a adaptar a xornada laboral para facilitarlle a conciliación, ao pouco de aprobarse o Real Decreto, abriu a esperanza de moitas traballadoras pola vía xudicial. Desde hai varios meses, as sentenzas insisten en reforzar o dereito a modificar os horarios para facilitar o coidado dos fillos.
Porque a nova lexislación obriga á empresa a negociar e, en caso de negativa, razoar e xustificar por que nega a solicitude da persoa traballadora. Tamén se debe ter en conta o que os convenios colectivos establezan sobre este dereito, aínda que o feito de que sexa recente provoca que non sexa referido na maioría.
"Son as malas prácticas empresariais as que obstrúen o cumprimento dunha lei que recoñece claramente a existencia duns dereitos que teñen un carácter e unha protección fundamentais; non se trata dunha norma confusa como se intenta vender desde as patronais", advertía a CUT a raíz da sentenza contra a CRTVG e a favor dunha das súas afiliadas.
O procedemento iniciaríase pola solicitude á empresa da adaptación da xornada, preferiblemente por escrito. A compañía debe abrir, daquela, un proceso de negociación coa traballadora durante un período máximo de trinta días e comunicar a aceptación da solicitude, formular unha alternativa ou manifestar a súa negativa. Neste último caso, está obrigada a fundamentar as causas e razóns obxectivas polas que se opón. De non contestar, enténdese que tamén nega o dereito e é aí cando moito persoal opta pola demanda, tamén polo que esta actitude empresarial favorece á hora de que estimen esa demanda e ser indemnizado por danos e prexuízos.
Así ocorreu no caso dunha enfermeira á que o TSXG ratificou o dereito a mudar horarios para conciliar tras ordenar ao hospital onde traballaba a cambiarlle a quenda para poder coidar do fillo. O Superior advertiu no ditame que "os dereitos de conciliación teñen prevalencia" sobre os intereses empresariais, acusou a empresa de non levar a cabo a negociación requirida e condenouna a pagarlle 3.500 euros á afectada polo "dano derivado do atraso inxustificado á hora de proceder á contestación e da propia negativa a conceder unha adaptación de xornada que se presenta como xusta".
Moitas sentenzas non só obrigan as empresas a aceptar a mudanza de horario solicitada senón a indemnizar as traballadoras por danos morais
Noutra sentenza, do pasado mes de xaneiro, tamén o TSXG obrigou a Inditex, non só a permitirlle a unha dependenta traballar no horario solicitado, senón a indemnizala con 3.000 euros por non ter aceptado a súa proposta para poder coidar a súa filla, manténdolle un esquema de quendas sucesivas mañá-tarde, e obrigala a alongar a súa excedencia.
Hai poucas semanas, outro ditame, firme e do xulgado do Social número 7 da Coruña, condenou a Mercadona polo dano moral causado a unha traballadora á que lle denegou a modificación da xornada por motivos de conciliación "debidamente xustificados", tal e como destaca a CIG. Solicitara adiantar tan só media hora a entrada na quenda de tarde e a empresoa tivo que aceptar finalmente a solicitude e indemnizar a muller.
A sección sindical da CIG en Mercadona, maioritaria na representación na provincia da Coruña, leva anos denunciando "os enormes atrancos que esta cadea de supermercados pon para que o persoal poida atender as necesidades de conciliación da vida persoal e familiar", así como "a política do medo e represión á que moito persoal se ve sometido cando solicita unha redución de xornada por garda legal ou coidado de familiar", destaca a presidenta do comité, María López Alejos.
Condena á Consellería de Política Social
As sentenzas non só afectan a empresas, senón á propia Administración. Tamén hai menos dun mes, a Xunta volveu ser condenada por negarse a negociar a conciliación familiar dunha traballadora e actuar de mala fe. Foi Política Social quen reverteu un acordo previo á que a muller chegara cos seus xefes no seu centro de traballo para adaptar o seu horario. O ditame obrigou finalmente á Xunta a adaptar os horarios da súa traballadora e a concederlle unha indemnización polo “dano moral” que sufriu.
No pasado verán, tamén a Xunta fo condenada por outro caso similar, neste caso o dun home, un bombeiro forestal co que a Xunta tamén se negou a negociar a súa petición de conciliación e adaptación de xornada, o que o TSXG considerou unha “vulneración de dereitos fundamentais”. Ademais, advertiu que malia que a adaptación de xornada non é un dereito absoluto, “as súas limitacións en función do interese empresarial só son admisibles en atención a un triplo test de idoneidade, necesidade e proporcionalidade”.
Aínda que non son tan frecuentes, tamén hai casos de homes aos que se lles nega a solicitude de modificación horaria e acaban recorrendo á Xustiza para garantir os seus dereitos. Nun dos últimos casos, tamén o pasado ano, o TSXG condenou a Carrefour a adaptar a xornada a un traballador e a indemnizalo con 2.700 euros polos danos morais tras ratificar unha sentenza previa impulsada polos servizos xurídicos de CCOO.
Xa que logo, e vista as moreas de sentenzas favorables ao persoal traballador, moi maioritariamente mulleres, a pregunta está en por que son tantas as empresas que negan sistematicamente este dereito, como denuncian os sindicatos. "Fácil; se de cada dez que negas só denuncian tres, xa conseguiron con sete o que querían. Por iso é importante reclamar o que che pertence", sentencia desde CCOO Isabel Fernández.