A fenda de xénero existe tamén no campo da investigación. Ao igual que outras traballadoras, as investigadoras sofren obstáculos para o desenvolvemento das súas carreiras, tanto a nivel interno como provocados polas dobres ou triplas xornadas laborais que engaden os traballos domésticos e cargas mentais á actividade remunerada que levan a cabo nas súas oficinas e laboratorios.
“A covid está facendo emerxer novas fendas de xénero que se suman ás que xa existían que, parece veñen para quedarse. Como institucións igualitarias, debemos evitalo”, di Águeda Gómez
Esta situación de desigualdade, que as investigadoras xa sufrían, foi agravada pola pandemia, ao igual que noutras profesións. Así o destaca un estudo realizado nos últimos meses pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Xénero e investigación científica na Universidade de Vigo en tempos de covid-19. Águeda Gómez, responsable do estudo e directora da Unidade de Igualdade, destaca que “a covid está facendo emerxer novas fendas de xénero que se suman ás que xa existían que, parece veñen para quedarse". "Como institucións igualitarias, debemos evitalo”, engade.
O informe destaca a diminución da actividade investigadora entre as mulleres, cun menor volume de artigos e publicacións enviadas que pode provocar nun futuro inmediato unha menor posibilidade de conseguir financiamento para novos proxectos, o que podería provocar a reprodución e incluso o agravamento das desigualdades de xénero na academia. Nos homes, en cambio, esa diminución na actividade investigadora foi menor.
Entre as razóns para esta diferenza está na distinta carga de traballo asumida nos fogares por homes e mulleres, especialmente para aquelas investigadoras que teñen menores ao seu cargo. “O estudo evidencia que a feminización das actividades de coidados e domésticas se acentuaron durante o confinamento e que foron elas as que asumiron aínda máis carga de traballo reprodutivo, acentuada pola atención, no seu caso, de coidados a persoas dependentes e menores e nas actividades de apoio educativo”, explica Águeda Gómez. Gómez salienta que na actualidade o sistema de méritos "penaliza a maternidade" e que a medio e longo prazo ten "un claro efecto" nas avaliacións investigadoras imprescindibles para progresar na súa carreira, tanto académica como investigadora.
Gómez salienta que na actualidade o sistema de méritos "penaliza a maternidade" e que a medio e longo prazo ten "un claro efecto" nas avaliacións investigadoras imprescindibles para progresar na súa carreira
O informe inclúe unha enquisa realizada ao Persoal Docente e Investigador na que participaron 275 persoas e, ademais, grupos de discusión nos que participatron profesoras e profesores. Os datos recollidos amosan que as mulleres traballaron máis desde a casa (92,6%) que os homes (83,3%), o que levou ás investigadoras a asumir as tarefas de responsabilidade domésticas e de coidados, provocando maiores problemas para conciliar e unha sobrecarga de tarefas. Os homes combinaron en maior porcentaxe o traballo en remoto co presencial (13,5%), o dobre ca as mulleres (6%).
Aínda que a maioría do PDI enquisado dispuxo dun espazo propio para o traballo, a situación foi máis precaria entre as mulleres (41,6%) ca entre os homes (47,6%). O feito de ter fillas e fillos reduce a posibilidade de contar cun espazo propio nos seus fograres para desenvolver a actividade laboral. Tan só o 36,6% das persoas pertencentes ao grupo de parellas con fillas e fillos dispoñen dun espazo para o seu uso.
Tan só o 36,6% das persoas pertencentes ao grupo de parellas con fillas e fillos dispoñen dun espazo propio nos seus fogares para desenvolver a actividade laboral
Sete de cada dez persoas enquisadas recoñece que o seu tempo de traballo durante o estado de alarma aumentou. En concreto, o 40,9% das mulleres consideran que o traballo diario remunerado durante o estado de alarma aumentou en máis de dúas horas. No caso dos homes esta porcentaxe baixa lixeiramente ata o 35,7%. O estudo tamén desta que, unha vez finalizado o confinamento, foron máis as mulleres que continuaron teletraballando de forma total ou parcial (o 63,8%), fronte ao 53,2% dos homes.
“A covid está a actuar como unha tormenta para toda a poboación, pero homes e mulleres, máis no caso das mulleres nais de menores, non imos no mesmo barco. Elas concilian permanentemente, eles puntualmente”, di Águeda Gómez
Águeda Gómez destaca que “a covid está a actuar como unha tormenta para toda a poboación, pero homes e mulleres, máis no caso das mulleres nais de menores, non imos no mesmo barco". "O noso está cargado de coidados de menores e maiores, comidas, limpezas, deberes, lavadoras, merendas, fillos/as, traballo reprodutivo, coidado emocional da familia... o deles non tanto”, di, concluíndo que “elas concilian permanentemente, eles puntualmente”.
Durante o estado de alarma a actividade investigadora reduciuse, tanto para elas como para eles, por mor da carga docente e das dificultades para conciliar. Pero precisamente por esta segunda razón o tempo dedicado polas mulleres á revisión de artigos e publicacións reduciuse en maior medida.
A 75% dos homes mantiveron a súa actividade investigadora, mentres que nas mulleres a porcentaxe reduciuse ao 58,6%
Durante eses meses o 75% dos homes mantiveron a súa actividade investigadora, mentres que nas mulleres a porcentaxe reduciuse ao 58,6%. Así mesmo, o 33,8% das mulleres sinala que a súa actividade investigadora diminuíu "considerablemente". O impacto na actividade investigadora dos homes, aínda que tamén importante, resultou máis atenuado e só o 16% afirmou que diminuíu considerablemente. As investigadoras alegaron "maiores dificultades por atender ao traballo docente, as tarefas de conciliación e ver diminuída a súa capacidade de concentración”, explica Gómez.
“O benestar e a saúde das académicas, sobre todo das académicas nais, empeorou no confinamento: elas sacrificaron horas de descanso e sono pola sobrecarga de traballos"
O estudo conclúe que a "feminización do traballo doméstico" leva a unha desigual carga das responsabilidades nos fogares e a que as mulleres dispoñan de menos tempo para o seu descanso e tamén para a súa vida persoal e autocoidados. A metade das mulleres enquisadas afirman non dispor de tempo para elas, unha porcentaxe que diminúe quince puntos no caso dos homes (34,9%). Águeda Gómez subliña que “o benestar e a saúde das académicas, sobre todo das académicas nais, empeorou no confinamento: elas sacrificaron horas de descanso e sono pola sobrecarga de traballos, eles non”.
"Se queremos obter maiores cotas de igualdade na universidade e na ciencia, precisamos deseñar políticas de igualdade na propia universidade, pero tamén precisamos políticas de sensibilización que muden a cultura organizacional das entidades universitarias", sinala o documento das súas conclusións.