Tres investigadoras que foron nais durante os seus contratos quedan fóra das prórrogas concedidas pola Xunta

Investigadoras a traballar nun laboratorio © USC

En abril a Xunta anunciou que ía ofrecer extensións de contratos por seis meses a investigadores e investigadoras predoutorais e posdoutorais das tres universidades galegas (un total de 436) que se viran prexudicados e prexudicadas polos efectos da pandemia de coronavirus, que os obrigara a paralizar os seus proxectos. A Xunta atendía así a unha demanda do colectivo investigador, que destacaba as consecuencias que o peche dos seus centros de traballo tiña para a maior parte destes contratos temporais. Porén, esta ampliación de contratos deixou fóra a catro investigadores (tres mulleres e un home) que se acolleran a permisos de maternidade e paternidade.

"Mentres que os compañeiros cos que teremos que competir acaban de firmar un contrato por 6 meses, nós firmamos un por un mes suxeito a distintas condicións"

A pesar das denuncias realizadas polas investigadoras afectadas e por colectivos como Investigal a través da Valedora do Pobo, vén de confirmarse a relegación das tres investigadoras, que fican fóra desa prórroga extraordinaria e, polo tanto, atópanse en desigualdade de condicións ante futuras convocatorias, especialmente para o paso á Modalidade B do programa postdoutoral do que forman parte, correspondente ao ano 2016.

"Estes programas carecen de mecanismos que garantan unha igualdade real para as mulleres que deciden ser nais, e nun país onde as taxas de natalidade son cada vez máis preocupantes, isto é un problema grave"

A carreira investigadora en Galicia é un camiño de obstáculos para todo o mundo, pero moito máis para as persoas que solicitan un permiso de maternidade ou paternidade. Isto fai que, ao cabo, moitas mulleres (sobre todo) teñan que elixir entre ser nais ou ser investigadoras ou que, de ser as dúas cousas, sofran unha discriminación e unha desvantaxe ante as persoas que compiten nas súas mesmas convocatorias de axudas ou prazas.

As tres investigadoras afectadas explican que, grazas ás reclamacións presentadas nas últimas semanas, o Goberno galego "ofrécenos un mes de contrato mentres agardamos polas avaliacións que se realizan ó finalizar a Modalidade A, que se ampliarán a dous máis sen dereito a dar docencia se as avaliacións son positivas". Engaden que estas avaliacións "son negativas nunha porcentaxe moi elevada entre persoas que se acollen a permisos de maternidade con respecto ás que non".

Critican que "esta é unha solución precaria e aínda discriminatoria, xa que as nosas investigacións víronse paralizadas igual que as do resto de investigadores e investigadoras pre e posdoutorais, e temos dereito a igualdade de condicións co resto de persoas coas que concorreremos á Modalidade B". E engaden que "mentres que os compañeiros cos que teremos que competir acaban de firmar un contrato por 6 meses, nós firmamos un por un mes suxeito a distintas condicións"."

"O número de mulleres diminúe drasticamente durante a etapa posdoutoral, a etapa máis competitiva da carreira investigadora"

As tres investigadoras prexudicadas denuncian que "estes programas carecen de mecanismos que garantan unha igualdade real para as mulleres que deciden ser nais, e nun país onde as taxas de natalidade son cada vez máis preocupantes, isto é un problema grave". Subliñan, neste senso, que "o número de mulleres diminúe drasticamente durante a etapa posdoutoral, a etapa máis competitiva da carreira investigadora". E conclúen que "sen mecanismos eficaces que garantan a equiparación das mulleres que foron nais, non é posible que estas poidan competir en igualdade de condicións, de aí o maior número de avaliacións negativas e a perda de potencial feminino nas institución públicas de investigación e universidades".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.