O pasado 30 de abril o Goberno galego anunciou que ía ofrecer extensións de contratos por seis meses a investigadores e investigadoras predoutorais e posdoutorais das tres universidades galegas (un total de 436) que se viran prexudicados e prexudicadas polos efectos da pandemia de coronavirus, que os obrigara a paralizar os seus proxectos. A Xunta atendía así a unha demanda do colectivo investigador, que destacaba as consecuencias que o peche dos seus centros de traballo tiña para a maior parte destes contratos temporais.
Porén, esta ampliación de contratos deixou fóra a catro investigadores (tres mulleres e un home) que se acolleran a permisos de maternidade e paternidade. Forman parte da convocatoria de 2016 do programa posdoutoral (Modalidade A) e, como lembra o colectivo InvestiGal, os seus contratos rematan o 30 de xuño 2020 e, polo tanto, seguen activos "nas súas respectivas universidades"
Ao ter solicitado este permiso por nacemento, xa o pasado ano ficaran nun primeiro momento fóra da posibilidade de solicitar a Modalidade B. Algo que finalmente si puideron facer, "dada a presión colectiva, apoio e denuncia do colectivo Posdoutorais", indican dende InvestiGal. O colectivo de investigadores/as propuxo diversas fórmulas naquel momento para chegar a unha solución, e foi a propia Xunta a que determinou que estas traballadoras debían finalizar os seus contratos ao mesmo tempo que aquelas persoas coas que deberían de concorrer á seguinte convocatoria, para así estar en igualdade de condicións que as mesmas.
InvestiGal denuncia que "estas persoas reclaman o seu dereito a rematar as súas investigacións, tal e como estaba previsto nos seus contratos, en igualdade de condicións aos seus compañeiros e compañeiras cos que terán que medirse en convocatorias futuras". O colectivo xa reclamou esta situación ante a Xunta e a Valedora do Pobo, esixindo "que se resolvan e emenden as demais situacións de discriminación vixentes, mediante satisfacción extraprocesal, e que se tomen medidas a nivel lexislativo para evitar que estas situacións se sigan repetindo ano tras ano".
O colectivo lembra que estes problemas se producen con frecuencia e que as dificultades de conciliación por nacemento supoñen un obstáculo estrutural para moitas investigadoras e investigadores. E comenta que "o máis probable é que haxa máis casos que non foron denunciados publicamente debido á normalización de certas condutas, e a non contar co apoio de colectivos". "Parécenos extremadamente grave que as situacións de discriminación se repitan no tempo e que a Xunta só achegue solucións ante a presión social que pode representar un colectivo, de modo reactivo e non proactivo", conclúen.
Así mesmo, o Grupo de Traballo de InvestiGal – Rede Galega pola Investigación fixo público un informe no que detalla este caso e outras realidades relativas ás dificultades de conciliación familiar no sector da investigación. Neste documento reclaman para o persoal investigador e docente de duración determinada con crianzas e/ou
persoas dependentes ao seu cargo un plan concreto e urxente de permisos, con carácter retroactivo e efectos de computación temporal nos contratos desde o 14 de marzo, "dado que as escolas e outros dispositivos de atención á dependencia estiveron e van continuar pechadas no medio prazo".