Persoal investigador galego únese para loitar "pola dignificación do sector" e demanda máis investimento da Xunta

Xuntanza fundacional de InvestiGal - Rede Galega pola Investigación © Investigal

Medio cento de investigadores e investigadoras procedentes de toda Galicia reuníronse este sábado en Compostela para constituír 'InvestiGal - Rede Galega pola Investigación', unha entidade coa que traballarán "pola dignificación do sector" e das súas condicións laborais e para esixir máis investimento público para a potenciación da investigación no noso país.

O colectivo esixe "máis investimento, mellor xestión do mesmo, e regularidade e transparencia nas convocatorias públicas de contratación"

O Centro Sociocultural O Ensanche acolleu a xuntanza, na que os e as participantes compartiron inquedanzas e experiencias sobre "a precaria e inestable situación actual" do I+D en Galicia. Despois dunha longa xornada de traballo e debate, establecéronse unha serie de liñas programáticas básicas, comezando pola "dignificación" da carreira investigadora, que pasa polo recoñecemento do traballo desenvolvido polos seus profesionais, o fomento da súa estabilidade e continuidade laboral, así como a garantía da igualdade de condicións e dereitos laborais. Tamén se acordou a defensa da igualdade de xénero e na implementación de medidas concretas que rachen co teito de cristal e os diferentes obstáculos aos que se enfrontan as mulleres do sector.  

Xuntanza fundacional de InvestiGal - Rede Galega pola Investigación © Investigal

Investigal criticou "a nefasta xestión dos poucos recursos existentes", que nos últimos anos provocou que Galicia só gastase un de cada catro euros recibidos de fondos europeos destinados á investigación

Así mesmo, reclamaron un "pacto" de país que asegure a vitalidade das políticas de I+D+i. "O futuro da investigación galega non pode depender de quen ocupe a presidencia da Xunta, senón que é de vital importancia a existencia dun pacto social que aposte por situar o investimento en I+D+i en Galicia á par dos estándares europeos", salientaron. 

Actualmente, Galicia só inviste neste sector o 0,94 % do seu PIB, mentres que a media europea sitúase no 3%. Ademais, Investigal criticou "a nefasta xestión dos poucos recursos existentes", que nos últimos anos provocou que Galicia só gastase un de cada catro euros recibidos de fondos europeos destinados á investigación.

A Rede considera de "máxima urxencia" que o Goberno galego "supere o atraso económico ao que está sometendo á sociedade e se coloque á vangarda internacional

A Rede considera de "máxima urxencia" que o Goberno galego "supere o atraso económico ao que está sometendo á sociedade e se coloque á vangarda internacional, entendendo a investigación como un motor de enriquecemento do país". O colectivo esixe neste senso "máis investimento, mellor xestión do mesmo, e regularidade e transparencia nas convocatorias públicas de contratación". 

Dentro de Investigal están presentes todos os perfís relacionados co sector (persoal investigador, técnico, xestor, docente) dos diversos centros de produción de coñecemento (universidades, centros superiores e organismos públicos de investigación, hospitais, fundacións, etc).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.