"A Xunta debe asumir a súa mala xestión e impedir a fuga de talento científico que haberá este ano"

Laboratorio da Escola de Enxeñería Industrial da Uvigo © Universidade de Vigo

34 investigadores e investigadoras de primeiro nivel contratados polas universidades galegas ficaron esta semana sen emprego pola falta de previsión da Xunta de Galicia á hora de poñer en marcha unha convocatoria pública. A Consellería de Educación publicou hai dúas semanas a convocatoria que debe permitir a renovación por dous anos da vinculación aos seus actuais centros de investigación. Porén, este proceso, que debería ter comezado hai meses, non se resolverá no mellor dos casos ata o 1 de decembro. 5 meses no pao, no mellor dos casos.

Mentres, a súa participación e numerosos proxectos de investigación está paralizada, e tampouco poderán dar clases durante o primeiro semestre do vindeiro curso. Varios destes e destas investigadoras están procurando unha saída noutras comunidades ou noutros países e alertan da "fuga de cerebros e de talento" que se pode producir por mor do atraso da Xunta.

Os investigadores e investigadoras afectadas esixen "unha solución para a súa situación ata que se publique a resolución da adxudicación das novas axudas correspondentes á Modalidade B". E sinalan que esta medida "non supón un gasto adicional para a Xunta, xa que queda diñeiro orzado na convocatoria do 2016 sen gastar debido a desvinculación de 15 investigadores do programa", unha cantidade "máis que suficiente para cubrir estes contratos até a resolución da Modalidade B", din.

"Así o único que conseguen é unha fuga de talento das institucións galegas"

 "Non podemos facer ciencia vivindo do aire"

Unha destas investigadoras é a murciana Marta Marín Luna, de 34 anos, unha especialista en Química Orgánica que estaba a traballar na Universidade de Vigo na "protección selectiva de polioles e revalorización de produtos derivados da biomasa", unha investigación de grande importancia "para a síntese total de produtos con relevancia biolóxica e farmacéutica" e para "reciclar os produtos secundarios que proveñen da biomasa mediante o deseño de novos catalizadores metálicos". Marta Marín chegou a Vigo procedente da Ludwig-Maximilians-Universität de Munich e contribuíu a establecer una liña de colaboración entre a universidade galega e a alemá, "situando a Galicia como un punto de referencia en Munich".

O atraso na convocatoria da Modalidade B do programa IC2 obrigouna non só a renunciar á docencia que estaba previsto que impartise no primeiro cuadrimestre do vindeiro curso. "Isto é un obstáculo máis para a miña futura estabilización xa que é un requisito indispensable ter horas de docencia acumulada para conseguir unha praza na Universidade", afirma. Salienta tamén que perdeu o dereito a ser titora de estudantes que ían a desenvolver o seu Traballo Fin de Grao na liña de investigación que ela lidera.

 "A forma en que nos tratan e nos valoran desde a Universidade e a Xunta fixo que dubide se seguir neste programa e empece a valorar outras ofertas de traballo"

A súa situación de desemprego obrigouna tamén a regresar a Murcia, a casa de seus pais, ata que solucione a súa situación laboral. "Non podemos facer ciencia vivindo do aire", di, e afirma que "a forma en que nos tratan e nos valoran desde a Universidade e a Xunta fixo que dubide se seguir neste programa e empece a valorar outras ofertas de traballo". "Os programas financiados con diñeiro público deben reverter na sociedade dalgunha forma, e iso é o que queremos os investigadores: devolver o que un día se gastou na nosa formación". Porén, conclúe, "con estas formas de xestión o único que conseguen é unha fuga de talento das institucións galegas".

Susana Cid, Marga Marín, Inés Viana e Javier Dubert ©

As universidades "deben implicarse publicamente na defensa dos seus investigadores"

Algo semellente opina o compostelán Javier Dubert, de 35 anos, e especialista en microbioloxía mariña. Traballa no grupo de Investigación de Patoloxía en Acuicultura, da USC. As súas investigacións céntranse en esclarecer a virulencia de bacterias patóxenas do xénero Vibrio que provocan altas mortalidades en bivalvos de alto valor engadido e causan grandes perdas económicas en acuicultura, un sector clave na economía galega. Antes de chegar á USC, realizou estadías en centros de prestixio internacional en Francia e en Boston (Estados Unidos).

As universidades "debían implicarse publicamente na defensa dos seus investigadores e non limitarse a asumir un papel de mero espectador nas negociacións coa Xunta"

El non terá que paralizar as súas investigacións, pois o seu grupo financiará o seu contrato durante estes meses, pero si que quedará sen poder dar clases no primeiro cuadrimestre do vindeiro curso. Con todo, pídelle á Xunta unha solución global a través de contratos-ponte: "que sexan consecuentes e aposten por este programa de I+D". Ademais, estende a responsabilidade ás universidades para as que traballan, sinalando que "son culpables ao 50% deste problema".

"Para a USC somos man de obra gratuíta e quitámoslles unha carga docente de 80 h por ano e investigador, sen incluír TFGs, TFMs e Teses", critica. Sinala que "a eles nosa situación non lles preocupa, posto que ano tras ano entra unha nova remesa de investigadores" e conclúe que "debían implicarse publicamente na defensa dos seus investigadores e non limitarse a asumir un papel de mero espectador nas negociacións coa Xunta".

"Estas ganas de trasladar e implementar o coñecemento adquirido en centros de referencia mundial non pode verse freado por trabas burocráticas que che deixan fóra de xogo"

"Somos bos, aí están os nosos CV, no meu caso rexeitei un contrato de dous anos no MIT polo meu desexo de retornar a Galicia", explica e salienta que "estas ganas de trasladar e implementar o coñecemento adquirido en centros de referencia mundial non pode verse freado por trabas burocráticas que che deixan fóra de xogo". 

"Só lles pido aos políticos que melloren o programa en consenso directo cos investigadores, para adecuar mellor os prazos de convocatoria e avaliación, e facelo atractivo para os aspirantes facilitando a súa estabilización e retención evitando deste xeito a fuga de cerebros", di. "Aí están os resultados xerados por programas como o ICREA ou o Ikerbasque, cuxo retorno supera con fartura ao investimento, sexamos como eles", remata.

"As mulleres que decidimos ser nais e científicas necesitamos dun especial apoio institucional"

O atraso na convocatoria prexudicou especialmente a aquelas persoas que solicitaran un permiso por maternidade ou paternidade, tres mulleres e un home, que terán que agardar ata a próxima convocatoria do programa cando rematen o seu contrato (sen saber sequera se haberá convocatoria para o ano próximo) para que o seu traballo na Modalidade A sexa avaliado, sen  poder presentarse polo tanto á convocatoria da Modalidade B neste ano 2019. 

É o caso da coruñesa Inés Viana, de 34 anos, que tamén traballa na Universidade de Vigo e que ten unha filla de 14 meses. Viana traballa en ecoloxía mariña e a súa investigación céntrase no impacto das achegas antropoxénicas de nutrientes nos macrófitos mariños, macroalgas e fanerógamas, dos sistemas litorais. "Estes organismos son os bosques do mar, a súa importancia radica nos seus servizos ao ecosistema que inclúen, entre outros, a produción de osíxeno, ou o mantemento de outros organismos proporcionándolles alimento e protección", explica.

 "Quero ser nai e científica. Quero que todo o diñeiro publico invertido na miña formación repercuta en melloras para a sociedade e economía galega"

Antes de chegar a Vigo, esta investigadora traballara en centros de prestixio de Alemaña, Portugal, Estados Unidos e Israel. "Estou a adoptar as ferramentas aprendidas nestes lugares para desenvolver indicadores fronte a contaminación mariña nas costas galegas, estudando os seus efectos nos produtores primarios mariños", comenta.

Para ela esta paralización supón unha dobre penalización para as investigadoras que son nais, "pois quedo descolgada do resto da xente da miña convocatoria e teño que esperar indefinidamente e sen contrato por unha convocatoria que non sabemos nin en que termos nin cando sucederá". O programa contempla a paralización dos contratos durante o permiso de maternidade para reanudalos cando a muller se incorpora. "Pero de que me serve a min que me prorroguen o contrato se o ano que ven mándanme ó paro indefinidamente?", di.

"Esta etapa inicial da carreira científica é altamente competitiva e coincide coa etapa, bioloxicamente, de coidado dos menores"

"En investigación se ti paras, a túa ciencia para contigo, por iso as mulleres que decidimos ser nais e científicas necesitamos dun especial apoio institucional", salienta Inés Viana, que lembra que "esta etapa inicial da carreira científica é altamente competitiva e coincide coa etapa, bioloxicamente, de coidado dos menores". "Quero ser nai e científica, quero aplicar o aprendido na miña terra e que a miña filla se críe nela. Quero que todo o diñeiro publico invertido na miña formación repercuta en melloras para a sociedade e economía galega. Pero a nivel persoal repenso o meu futuro científico constantemente ao ver diferentes casos o meu arredor e o desgaste que isto implica", di.

Pídelle á Xunta que "o seu compromiso coa natalidade inclúa a conciliación, escoitando as mulleres que decidimos ser nais e precisamos dunha especial protección". Neste senso, suxire medidas concretas de continuidade na carreira investigadora "como o mantemento de prazos fixos das convocatorias, prazos flexibles de incorporación, ter en conta o tempo efectivo de traballo, aumento dun ano por fillo nas solicitudes das convocatorias, etc". "Estas medidas xa existen en diversas convocatorias nacionais e europeas, engade.

Concentración de investigadores na Praza do Obradoiro, hai uns anos CC-BY-SA Praza Pública

"Unha investigación paralizada custa moito traballo retomala"

Nunha situación semellante queda a ourensá Susana Cid Fernández, de 35 anos, especialista en Neurociencia, máis concretamente en Psicofisioloxía. Na actualidade traballa na USC na procura de marcadores psicofisiolóxicos que permitan a detección da Enfermidade de Alzheimer moito antes de que presente os seus síntomas característicos. "Estanse a aplicar técnicas de estimulación eléctrica cerebral non invasiva coa intención de atopar terapias alternativas ou que poidan mellorar os resultados das actuais terapias farmacolóxicas, que polo momento só conseguen ralentizar a enfermidade, no mellor dos casos", comenta,

"Significa botar a perder os recursos investidos por todos os galegos durante os 32 anos de formación financiada publicamente que recibín na miña vida"

Antes de regresar a Galicia traballou no Centro San Giovanni di Dio en Brescia (Italia), un hospital especializado en demencias e enfermedades mentais, no grupo liderado por Carlo Miniussi, "unha das máis importantes personalidades mundiais na investigación sobre estimulación cerebral non invasiva", explica, destacando que "a niña estadía achegoulle ao sistema de investigación galego novas técnicas e novas aplicación que non se dominaban ata agora, ademais de estender a rede que vai unindo grupos na loita contra as demencias".

O seu permiso de maternidade fixo que o seu contrato ficara prorrogado ata xaneiro do ano 2020, polo que terá que presentarse á convocatoria do ano que vén, que co atraso que acumula a de 2019 podería adiarse ata o mes de novembro. Isto é, Susana Cid podería quedar no paro un ano enteiro, no mellor dos casos. "Neste período cortaranse todos os traballos dirixidos que podería comezar no curso 2019-2020. E, por suposto, as investigación suspéndense neste tempo, e unha investigación paralizada custa moito traballo retomala", explica.

Reclámalle á Xunta que "asuma a mala xestión do programa e facilite contratos que impidan a fuga de talentos que sen dúbida haberá este ano"

"Durante un ano enteiro terei que elixir entre cobrar o paro e non traballar, concorrer a outras convocatorias que de novo (e de ser o caso, será para sempre) me leven fóra de Galicia, ou cambiar de traballo, abandonando a investigación e o sistema público galego para traballar de calquera outra cousa na empresa privada", di. "As dúas últimas opcións significan botar a perder os recursos investidos por todos os galegos durante os 32 anos de formación financiada publicamente que recibín na miña vida", engade.

Susana Cid pídelle á USC "que rompa unha lanza por nós" e aposte "polos que estamos nesta situación, co persoal tan altamente cualificado que tiveron a sorte de captar con esta convocatoria". É á Xunta reclámalle que "asuma a mala xestión do programa e facilite contratos que impidan a fuga de talentos que sen dúbida haberá este ano" e que en próximas convocatorias "utilice a lóxica". "Existen outras convocatorias a nivel estatal que resolven de forma sinxela todo isto, non entendemos por que a Xunta é tan reticente a usar esas fórmulas probadamente útiles", di.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.