A ciencia galega, un tren detido que vai custar arrincar

Evolución do orzamento da Xunta en I+D+i (2008-2015), en miles de euros Dominio Público Praza Pública

Un dos comentarios máis recorrentes ao referirse ao impacto que a crise económica e os recortes no investimento teñen na investigación e na ciencia é que as políticas de I+D+i son como un tren, pesado, que custa poñer en marcha, que funciona ben cando leva un certo período funcionando a unha boa velocidade e que, se se frea ou se detén, é difícil poñer de novo a camiñar, cando menos no nivel anterior. Un esforzo de anos, froito dunha política con visión de futuro. A ciencia e a investigación galegas (e españolas) non son as máis punteiras de Europa, partían dun nivel baixo, aínda que ao longo da pasada década avanzaron notablemente. Todo ese esforzo -levan anos advertindo investigadores e colectivos científicos- está sendo desbaratado nestes anos de austeridade.

Os efectos máis importantes ainda tardarán uns anos en deixarse ver, seguramente. Algúns non se poden ler nas estatísticas de xeito inmediato, e hai indicadores estatísticos, ademais, dos que aínda estamos á espera de datos máis recentes. Porén, o parón deste tren xa é evidente na realidade: investigadores e investigadoras que deben buscar a súa oportunidade noutros países, proxectos paralizados, precariedade crecente..., e tamén nalgunhas cifras, que repasamos neste 4 de novembro, Día da Ciencia en Galego.

A máis recente é dos orzamentos da Xunta para o ano 2015, presentados hai unhas semanas. A partida dedicada a I+D+i crece, pero de forma mínima, pasando dos 118,4 millóns de euros de 2014 aos 120 millóns, un incremento de apenas o 1,35%. Certo é que o ano anterior o investimento no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica tamén crecera (dende os 114,5 millóns), pero dous anos antes, nos orzamentos para o 2011 este experimentara o seu recorte máis importante, perdendo 20 millóns de euros, que se unían aos 8 millóns perdidos nas contas de 2010. En definitiva, e a pesar das leves subas dos dous últimos anos, o investimento en I+D+i nas contas públicas galegas é hoxe un 15,5% inferior ao de 2009. Seis anos perdidos e en regresión.

Ademais, entidades coma a Confederación de Sociedades Científicas de España teñen denunciado en varias ocasións que, ademais dos recortes sufridos nos orzamentos, tamén hai que falar do elevado grao de non execución dos mesmos, superior ao 40% do total en moitos casos. Case a totalidade dos fondos non gastados corresponden a créditos, o que nas partidas aparecen como operacións financeiras, que non se adxudicaron.

2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015
131,7 142,9 134,6 114,3 115,5 114,5 118,4 120

Investimento en I+D+i nos Orzamentos Xerais da Xunta (2008-15) en miles de euros

A pesar das leves subas dos dous últimos anos, o investimento en I+D+i nas contas públicas galegas é hoxe un 15,5% inferior ao de 2009. Seis anos perdidos e en regresión

En termos relativos, o investimento acadou un máximo en 2008, cunha cifra equivalente ao 1,04% do PIB galego, para ficar nun 0,87% en 2012, o que significa que Galicia supera unicamente a Murcia, Estremadura, Castela-A Mancha, Canarias e Baleares no esforzo orzamentario en innovación, e se sitúa nos niveis de 2005.  Estes datos sitúan Galicia lonxe da media española en investimento (1,30%), e,  por suposto, moi lonxe de Euskadi (2,19%), Madrid (1,82%), Catalunya (1,51%) e mesmo Castela e León (1,12%). O Goberno galego incumpre polo tanto ano tras ano o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 que "asume como obxectivo xeral a converxencia do esforzo galego en I+D+i co esforzo do conxunto de España, que en ningún caso debe ser inferior ao 2% do PIB no ano 2015". "Unha cifra" -engade a redacción do Plan- "que nos porá na senda de acadar o obxectivo fixado pola UE para o ano 2020 do 3% do PIB". 

  2003 2004 2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012
España 1,05 1,06 1,12 1,20 1,27 1,35 1,39 1,40 1,36 1,30
Galicia 0,85 0,85 0,87 0,89 1,03 1,04 0,96 0,94 0,94 0,87

Investimento en I+D+i en Galicia e no conxunto do Estado en función do PIB (2003-12)

O investimento acadou un máximo en 2008, cunha cifra equivalente ao 1,04% do PIB galego, para ficar nun 0,87% en 2012, o que significa que Galicia supera unicamente a Murcia, Estremadura, Castela-A Mancha, Canarias e Baleares

Os recortes afectan ao persoal dedicado a tarefas de I+D, que en Galicia pasa de 9.681 xornadas completas a 9.509, un descenso que afecta sobre todo ás mulleres (pasan de 4.089 a 3.968) e ao persoal investigador (pasan de 5.765 a 5.443). O descenso afecta especialmente ao I+D+i que se realiza en Galicia administracións públicas e universidades. Se hai catro anos representaba o 5,7% do total estatal, hoxe é apenas o 5,2%, e o número de traballadores descendeu de 4.654 a 4.411.

O número total de docentes nas universidades galegas, que acadara un máximo en 2010 con 5.987, caera un 15% en 2013, ata os 5.021. Crecen os catedráticos (pasan de 734 a 752) e descenden as restantes categorías, mesmo os profesores titulares (pasan de 2.505 a 2.285). Porén, o maior descenso prodúcese nos profesores asociados, que caen á metade (de 1.278 a 609). A falta de renovación frea o proceso de equiparación das mulleres na universidade; despois dun crecemento sostido da proporción de profesoras titulares, esta tendencia detense en 2008, cando xa se rexistraba unha porcentaxe (40%) moi semellante á de 2013 (41,5%); o mesmo pasa coas asociadas (de 31,7% a 32%).

O número total de docentes nas universidades galegas, que acadara un máximo en 2010 con 5.987, caera un 15% en 2013, ata os 5.021

A crise ten un impacto importante, igualmente, no número de empresas galegas que realizan "actividades innovadoras". Segundo a Enquisa sobre Innovación en Empresas, publicado o pasado ano polo INE, o número destas empresas descendeu en Galicia de 1.930 en 2008 ata as 1.092 de 2012. De igual xeito, as empresas tecnoloxicamente innovadoras pasaron de 2.152 en 2008 a 1.267 en 2012. Finalmente, a intensidade en innovación das empresas galegas, é dicir a porcentaxe que representan o gasto en actividades innovadoras en relación coa súa cifra de negocios, pasou do 1,21% en 2008 ao 0,93 en 2012, e chegando a baixar ata o 0,83 en 2011. Estancouse, así mesmo, o número de patentes rexistradas en Galicia, que levaba anos experimentando un crecemento contantes, dende as 50 de 1997 ata as 194 de 2010. En 2012, foron 185.

Evolución do orzamento da Xunta en I+D+i (2008-2015), en miles de euros Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.