Montoro e Feijóo seguen sen empregar a mesma calculadora. Apenas un mes despois da aprobación dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2015, que segundo o Goberno galego traían consigo "preto de 8 de cada 10 euros para gasto social", o Ministerio de Facenda cuestiona a que vén sendo bandeira política do gabinete de Alberto Núñez Feijóo en materia orzamentaria. Como xa acontecera en anteriores ocasións o Goberno central rebaixa notablemente o cálculo do peso do investimento social -sanidade, educación e prestacións sociais- sobre o conxunto das contas públicas galegas. Segundo Facenda, estas partidas supoñen un chisco máis do 60% do total dos recursos públicos, isto é, case vinte puntos menos do publicitado pola Xunta.
Como vén facendo anualmente, o Ministerio realiza unha análise homoxénea dos orzamentos de todas as comunidades autónomas e, no caso galego, explica que "a porcentaxe que representan as funcións relativas a sanidade, educación e acción social e promoción socail é o 61,91% do orzamento de gastos". Trátase, continúa o informe de Facenda, dunha porcentaxe "superior á rexistrada no exercicio anterior", o 2014, "no que acadou o 58,76%". Ambos cálculos difiren notablemente das cifras ofrecidas pola Xunta e o seu presidente, que tanto para 2014 como para 2015 falaron, en comparecencias ante a prensa e tamén por escrito, dun investimento social do 78% do total do Orzamento.
A Xunta mantén que dedica o 78% do seu orzamento a gasto social, segundo o Ministerio é pouco máis do 60%
Estas cifras non só contrastan cos números concretos ofrecidos dende San Caetano, senón tamén con outro dos lugares comúns máis reiterados polo Executivo galego a respecto dun suposto liderado de Galicia entre as comunidades autónomas no que atinxe a ese peso do gasto ou investimento social. Sempre segundo o devandito informe de Facenda a autonomía que dedica en 2015 unha maior porcentaxe do seu orzamento ao ámbito social non é Galicia, senón Murcia, cun 69,22%. Para atopar a Xunta hai que buscar no noveno posto, ao que chegou procedente do décimo terceiro no que ficou no 2014. O pasado ano a diferenza coa autonomía que lideraba o rexistro era duns 12 puntos e neste, de 8.
Como é obvio, o aumento do peso do investimento social sobre o total do orzamento non implica necesariamente que se incrementen os cartos dispoñibles para financiar estes servizos públicos. Neste 2015 a maioría dos gobernos autonómicos aplican leves subas ás súas partidas sociais e, segundo o informe de Facenda, neste caso Galicia tampouco ostenta liderado ningún. Ben ao contrario, é das autonomías nas que os fondos sociais menos se incrementan porcentualmente.
Galicia está nos últimos postos de incremento do investimento social para 2015
Nomeadamente, as sumas do Ministerio indican que a Xunta dedica en 2015 uns 3.400 millóns de euros a sanidade, 2.048 a educación e algo máis de 570 a prestacións sociais. Isto implica, calcula Facenda, unha suba do 0,3% do orzamento sanitario, do 0,1% do educativo e do 1% no ámbito social. No caso da sanidade o incremento de Galicia é dun 0,3%, unha décima por riba da comunidade na que menos sobe, La Rioja. En educación Galicia é a última e no ámbito social a penúltima, só por diante de Cantabria.
Estas pequenas subas provocan que a Xunta fique a unha distancia notable das autonomías que máis incrementan o gasto social neste ano, electoral para moitas delas. Así, a diferenza coa comunidade con maior incremento do investimento sanitario, Balears, é de máis de 10 puntos. No caso da educación Galicia está separada por máis de 6 puntos de Catalunya, onde sube un 6,80%. Nas prestacións sociais a distancia entre Galicia e a Comunitat Valenciana, onde máis se incrementan os cartos, é duns 17 puntos.