O Estado desmente a Feijóo e certifica que o gasto social perde peso nas contas da Xunta

Montoro, Currás e outros altos cargos, na presentación dos Orzamentos do Estado © Ministerio de Facenda

"Blindar". É un dos verbos máis empregados polo Goberno galego, a comezar polo seu presidente, ao falar das partidas sociais nos Orzamentos Xerais da Xunta. Ano tras ano, Alberto Núñez Feijóo e a conselleira de Facenda, primeiro Marta Fernández Currás e despois Elena Muñoz, deron por "blindado" o gasto social en tempos de crise aferrándose, esencialmente, a un indicador: o peso da sanidade, da educación e dos servizos sociais no total do Orzamento, isto é, a porcentaxe dos cartos dispoñibles que se dedican a estas partidas. Así, nos últimos anos os discursos oficiais deixaron de falar de cifras absolutas para facelo de porcentaxes: "oito de cada dez euros" do erario van a políticas sociais, insistiron Feijóo e Muñoz nos últimos meses. O Ministerio de Facenda vén de desmentir este argumentario.

O departamento que dirixe Cristóbal Montoro, cuxa intervención é frecuentemente aludida por Feijóo para insistir na veracidade dos datos orzamentarios que el publicita, vén de publicar o resumo executivo dos orzamentos de todas as comunidades -agás Navarra, que aínda non as aprobou-, un documento que lle permite ao Estado presentar as contas autonómicas de maneira homoxenea. No que atinxe a Galicia o Ministerio ratifica que é a autonomía que mellor equilibra ingresos e gastos, pero desmonta non o slogan vinculado ao suposto incremento do peso do gasto social.

As partidas sociais pasan do 66,33% ao 60,59%, segundo o Ministerio

Sempre segundo esta análise estatal, os que a Xunta definiu como "orzamentos máis sociais da historia da autonomía" dedícanlle a "Sanidade, Educación e Servizos Sociais e Promoción Social" o "60,59% do orzamento, porcentaxe inferior ao rexistrado no exercicio anterior, no que acadou o 66,33%", sinala o informe. Polo tanto, nin pesa máis que en 2013 nin absorbe "oito de cada dez euros". Nesta liña, abonda o estudo ministerial, "en relación ao exercicio 2013 hai que citar a diminución do 1,99% experimentada na función de Servizos Sociais e Promoción Social, do 0,97% en Educación que xunto coa baixada do 0,61% en Sanidade fai que a suma destas políticas experimente unha redución de 56,07 millóns de euros".

O informe desmente que Galicia sexa a autonomía con maior peso do gasto social no seu orzamento

Unha vez confirmado o recorte relativo e absoluto nas partidas sociais, o mesmo informe deixa tamén en mal lugar outra das afirmacións da Xunta, esa segundo a cal "estamos á cabeza de España en políticas sociais, sanitarias e educativas", como afirmou Muñoz. Volvendo de novo aos datos do informe, o devandito 60,59% fai que Galicia sexa a duodécima comunidade autónoma no que atinxe ao peso do investimento social no total do orzamento, tendo por tras só a Aragón, Balears, Extremadura e Catalunya nun panorama no que unicamente en Murcia, Andalucía e Canarias estas partidas pesan máis que nas contas de 2013.

Gasto social nos orzamentos autonómicos (agás Navarra)
Autonomía Porcentaxe Variación
Murcia 68,87% +
Asturias 68,68% -
Andalucía 68,12% +
Euskadi 65,55% -
Canarias 65,11% +
Comunitat Valenciana 63,36% -
Castilla-La Mancha 63,03% -
La Rioja 62,90% =
Castilla y León 62,73% -
Madrid 61,48% -
Cantabria 60,62% -
Galicia 60,59% -
Aragón 58,61% -
Balears 54,54% -
Extremadura 54,00% -
Catalunya 50,88% -

Menos investimento e máis débeda

Á marxe do gasto social o informe do Goberno de España evidencia tamén outro dos trazos que vén caracterizando a política orzamentaria do gabinete de Feijóo: a rebaixa nos investimentos e o incremento da débeda pública. Así, Facenda certifica a caíxa do gasto non financeiro -o destinado a investir- en 88,96 millóns de euros, un 1,06%. Esta diminución, sinala, "débese sobre todo á diminución das operacións de capital e ao levísimo aumento das operacións correntes". As transferencias de capital rebáixanse  e tamén as transferencias correntes, que "ven reducido o seu importe en 38,78 millóns de euros, un 1,96%, debido sobre todo á redución nas consellerías de Sanidade e de Traballo e Benestar", abonda.

"O gasto na función de débeda pública aumenta un 86,44%"

No que atinxe á débeda, o Ministerio detalla que "o gasto da función débeda pública aumenta en 920,26 milóns de euros, un 86,44%". O informe contrapón este crecemento exponencial ao "descenso" de todas as demais funcións, entre as que "destaca a caída experimentada en desenvolvemento empresarial, por 54,91 millóns de euros, un 33,17%, así como a función de pesca, por 54,91 millóns de euros, un 28,1%".

A conselleira de Facenda presenta os Orzamentos ante Feijóo © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.