Os soldos públicos inmunes á transparencia en Galicia

Detalle dos Orzamentos da Presidencia e a Vicepresidencia para 2015, co espazo do número de asesores en branco CC-BY-SA Praza Pública

"Transparencia". Cando, no ano 2006, o Goberno da Xunta comezou a tramitar a Lei de Transparencia atopou numerosas chanzas na bancada do PP. "Lei da páxina web da Xunta" ou lei "ridícula" foron algúns dos cualificativos que os conservadores lle dedicaron a un texto que consideraban innecesario por non achegar nada novo, se ben finalmente deron en votar a favor. Máis de oito anos despois da posta en marcha da norma que abriu a porta por primeira vez á publicación de soldos e contratos públicos ou que vetou os agasallos aos dirixentes gobernamentais, o Goberno galego incumpre reiteradamente un dos seus artigos máis sensibles, o 17, que obriga á publicación "nominal" de todos os salarios do persoal eventual e de gabinete, os coñecidos popularmente como "asesores".

Diante destes incumprimentos o PSdeG introduciu nos orzmaentos de 2013 e 2014 senllas emendas para forzar o Executivo a ofrecer esta información. As achegas foron aprobadas pero, cando xa se está a tramitar o proxecto orzamentario de 2015, os datos seguen sen ser públicos. Así, nos Orzamentos Xerais para o vindeiro exercicio o Goberno destina un montante global de 5,8 millóns de euros para pagar os salarios do persoal eventual de gabinete -un 2,2% máis que en 2014- pero non detalla de cantas persoas se trata. Deste xeito, nos anexos de persoal dos proxectos de contas públicas é posible coñecer, por exemplo, o número de funcionarios e funcionarias que traballan ao servizo de cada consellería pero os recadros destinados a explicitar o número de asesores están, simplemente, en branco.

Os Orzamentos inclúen un montante global de 5,8 millóns para o persoal asesor das consellerías, que non revelan de cantas persoas se trata nin os seus salarios individuais

Os Orzamentos non informan de canto persoal asesor sufraga o erario autonómico nos diferentes departamentos gobernamentais e tampouco o fan as propias consellerías a través dos seus respectivos sitios web, como manda a lei de transparencia. Así, por exemplo a Presidencia da Xunta informa en internet dos nomes e remuneracións concretas de seis asesores e asesoras cuxos salarios suman algo máis de 200.000 euros ao ano. No entanto, só a Secretaría Xeral da Presidencia ten orzamentados para 2015 máis de 800.000 euros para pagar os soldos dun número descoñecido de asesores. De idéntico xeito, a Vicepresidencia publica na súa web os soldos de persoal asesor por importe de algo máis de 80.000 euros pero, contando só as partidas da súa Secretaría Xeral Técnica para este fin, superan os 350.000 euros.

Neste contexto, e menos de dous meses despois de que o PP se negase abertamente no Parlamento a revelar estes datos porque, segundo a súa deputada Paula Prado, a Xunta xa está "cumprindo a lei de transparencia", os socialistas presentan de novo unha emenda a este respecto para as contas públicas do ano que vén. Trátase, sinala o seu voceiro en materia económica, Juan Carlos González Santín, de que a Xunta publique a "identificación, funcións e remuneracións" de cada un dos asesores e asesoras para que a cidadania poida teña esta información "de forma directa"

Os descoñecidos soldos do Consello da CRTVG

Durante a tramitación dos novos Orzamentos saíu de novo á palestra outro buraco negro no que á transparencia dos soldos públicos se refire: o consello de administración da CRTVG, o órgano de 12 membros concibido para velar polo bo funcionamento dos medios públicos e que, sobre o papel, está formado por persoas de "acreditado prestixio profesional" no mundo da comunicación, se ben adoitan acabar nel persoas elixidas cun criterio unicamente partidario, caso por exemplo do dirixente do PP de Lugo José Luis Iravedra, entre outros. Como no caso dos asesores das consellerías, a información contida nos orzamentos do ente público, incluídos nas contas da Xunta, fai imposible saber as remuneracións concretas de cada un destes directivos. O último dato do que dispón o Comité Interempresas data do ano 2012, cando se destinaron a estas remuneracións un total de 941.610 euros, segundo puido saber Praza Pública.

O último dato dos soldos do Consello da CRTVG é de máis de 900.000 euros

A reclamación por esta falta de información chegou tamén ao Parlamento, neste caso a través de AGE, que a través da súa vicevoceira, Yolanda Díaz, e do deputado Ramón Vázquez esixe que "a Xunta deixe de ocultar os datos" que o grupo vén solicitando reiteradamente. Dado que non existe información pública concreta, Alternativa sinala que, segundo os seus propios cálculos, "se están a agachar de xeito consciente cantidades obscenas" que o Goberno oculta mentres "fai declaracións grandilocuentes na defensa da transparencia". Se estes datos non son públicos "antes do remate da tramitación dos orzamentos", advirten, a coalición verase "obrigada" a "acudir aos tribunais para conseguir esta información".

Feijóo, polos corredores de San Caetano © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.