A Xunta deixa fóra a Sanidade do leve incremento dos Orzamentos

Recortes dos Orzamentos Xerais de 2014 e 2015 CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta disporá en 2015 dun chisco máis de cartos para gastar que en 2014. A maior parte das consellerías poderá, por primeira vez dende 2010, ter maior marxe de manobra para financiar os seus proxectos que no exercicio anterior. O Goberno galego cifra este "leve incremento" nun 0,5% do gasto non financeiro, isto é, dos fondos que non van para pagar débeda, xuros ou outras operacións do ámbito das finanzas. Unha primeira ollada ao proxecto de contas públicas, que a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, entregou este luns no Parlamento, permite coñecer que as consellerías sociais deixan de ser recortadas de maneira xeralizada, pero tamén que Sanidade fica fóra desta primeira suba orzamentaria do último lustro.

Como adoito, a Consellería de Sanidade é o departamento do Goberno galego que absorbe un maior volume de recursos públicos, cun total de 3.170,03 millóns de euros. Malia ser unha cantidade moi significativa no conxunto das consellerías -os seus fondos totais ascenden a 7.772 millóns de euros- os fondos dos que dispón son uns 4 millóns de euros menos que no proxecto orzamentario de 2014, cando a cantidade chegaba aos 3.174,4 millóns de euros.

Sanidade perde uns 4 millóns de euros a respecto do orzamento de 2014

Á marxe do novo recorte no investimento sanitario todas as demais consellerías soben levemente o seu orzamento agás Facenda, que perde case un millón de euros, e Medio Rural e Mar, que perde uns 13. Así e todo, hai máis variacións á alza e á baixa en diversas partidas do orzamento. Así, no apartado do documento que define as diferentes funcións do orzamento inclúense, por exemplo, leves incrementos no ámbito da acción social -4 millóns máis-, na promoción do emprego -13 millóns de suba-, en Educación -2 millóns adicionais- ou en servizos sociais -6 millóns de incremento-. Na banda das rebaixas volve estar a normalización lingüística, que perde algo máis de 300.000 euros, a cultura, con 4 millóns de recorte, ou as infraestruturas, á que tamén lle restan uns 4 millóns.

Outro dos aspectos rechamantes dos Orzamentos Xerais de 2015 é a redución  do montante total dos cartos dedicados á débeda pública que, non obstante, se mantén como unha caste de terceira consellería en importe total de gasto. No vindeiro exercicio económico Facenda prevé dedicar á débeda 1.515,1 millóns de euros fronte aos 2.071,1 do 2014. En gasto total só Educación e Sanidade están por diante da débeda mentres que teñen menos recursos departamentos como Traballo e Benestar, Medio Rural ou Infraestruturas.

A conselleira de Facenda entrega os Orzamentos no Parlamento © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.