0 Gardados para despois

Un conselleiro do PP na TVG, imputado por carrexar anciáns con demencia nas eleccións de 2012

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


José Luis Iravedra foi, durante moitos anos, un dos homes fortes do PP de Lugo dos tempos de Francisco Cacharro Pardo. Aínda que xa non preside o partido na provincia é un dos vogais da súa executiva por "libre designación do presidente", José Manuel Barreiro, e ademais representa o partido de Alberto Núñez Feijóo no Consello de Administración da CRTVG, un dos órganos mellos pagados da autonomía. Na mañá do 21 de outubro de 2012, día de eleccións galegas e da reelección de Feijóo, Iravedra e tres militantes máis do PP lucense dedicáronse a carrexar residentes dun asilo de Lugo xestionado polas Hermanitas de los Ancianos Desamparados, papeleta en man, ata un colexio electoral próximo. Agora, deben responder ante a Xustiza en calidade de imputados.

A carretaxe protagonizada por Iravedra, a ex concelleira Teresa Taboada e os militantes Benigno Gómez e Serafín Rodríguez foi reflectida nalgúns medios de comunicación na propia xornada electoral e denunciada daquela formalmente por AGE. Os presuntos implicados tiñan que declarar no xulgado o pasado mércores, se ben un defecto formal impide que o fagan ata o vindeiro día 30, momento no que terán que explicar por que trasladaron ata as urnas unhas persoas que, segundo informes forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia incluídos na causa xudicial, tiñan "afectadas" as súas "facultades intelectivas e volitivas".

Os informes forenses acreditan que as persoas carrexadas "carecían de capacidade para comprender e decidir o sentido do seu voto"

Segundo consta no auto de imputación, emitido o pasado setembro, Iravedra e os demais representantes do PP "trasladaron" estas persoas "á mesa electoral para depositar o voto" aínda que "tales persoas carecían de capacidade para comprender e decidir o sentido do seu voto" a causa de "padecementos" como a "demencia senil" ou a enfermidade de Alzheimer. No entanto, está "recoñecido xudicialmente" que "todos" os trasladados chegaron a votar e que o fixeron porque os levaron os membros do PP. Na súa actitude, indica o mesmo auto, existen "indicios racionais de ciminalidade" como "presuntos autores" dun "delito electoral".

AGE esixe o "cesamento fulminante"

Mentres non chega a declaración adiada o deputado de AGE Ramón Vázquez coida que "non queda outra" que "o cesamento fulminante" de Iravedra e medidas disciplinarias para os tres militantes do PP restantes. O cabeza de lista de Alternativa por Lugo en 2012 foi testemuño presencial dos feitos e quen os denunciou ante a Xunta Electoral, na que indicou que comprobara que "algúns dos carrexados sufrían de Alzheimer, de demencia senil ou eran analfabetos". Malia isto, "os dirixentes do PP non dubidaron en levar as vítimas á urna" e por iso, reclama, "calquera saída" que non sexa o "cesamento" será "unha nova burla do PP á democracia".

Ramón Vázquez (AGE): "Feijóo e Barreiro deben tomar medidas xa"

Nesta liña, "independentemente dos ritmos xudiciais" Vázquez subliña que "estes señores están imputados por un delito electoral grave" e, especialmente no caso de Iravedra, "deberan deixar calquera cargo público de contado". "Alberto Núñez Feijóo e José Manuel Barreiro deben tomar medidas xa", subliña. Esta petición de responsabilidades, anuncia, chegará tamén ao Parlamento a través da comisión de control da CRTVG, onde o parlamentario Juan Fajardo instará o director xeral dos medios públicos a que "faga o preciso para que José Luis Iravedra abandone o consello de administración do ente".

Besteiro: "Se fose presidente do PP sería o primeiro interesado en aclarar se hai carretaxe"

Tamén o secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación lucense, José Ramón Gómez Besteiro, se dirixe directamente a Feijóo. "Se eu fose presidente do PP de Galicia sería o primeiro interesado en aclarar se hai carretaxe de votos no meu partido polo ben da democracia". Con independencia de que "haxa ou non un delito electoral, que iso terá que dicilo a Xustiza, este tipo de prácticas hai que desterralas, non podemos permitir o carrexo en cadeira de rodas de persoas maiores ou con problemas de saúde", di, ante unhas "imaxes lamentables" que son reflexo de "prácticas que todos rexeitamos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.