O programa I2C da Xunta é unha das iniciativas de referencia para a captación e retención de talento científico en Galicia. Cun orzamento de 8,5 millóns de euros, ofrece a posibilidade de que as universidades galegas contraten persoal investigador de alto nivel, na súa etapa posdoutoral, despois de que pasaran durante dous anos por centros de investigación de prestixio noutros países.
A falta de previsión e un enorme atraso nesa publicación por parte da Consellería vén de deixar no paro e nunha situación de grande incerteza a 34 investigadores e investigadoras
Despois de tres anos (Modalidade A), os investigadores e investigadoras teñen a posibilidade de renovar a súa vinculación coas universidades galegas durante outros dous anos (Modalidade B), un proceso para o que a Xunta debe publicar unha convocatoria competitiva. Porén, a falta de previsión e un enorme atraso nesa publicación por parte da Consellería de Educación, vén de deixar no paro e nunha situación de grande incerteza a 34 investigadores e investigadoras.
A nova convocatoria deste programa apareceu publicada no DOG do 13 de xuño e prevé a sinatura de 21 novos contratos da Modalidade B o 1 de decembro de 2019. Isto supón que no mellor dos casos este persoal investigador ficará cinco meses no paro. Esta situación prexudicará ademais aos seus departamentos, centros de investigación e facultades, e aos proxectos nos que estivesen traballando nestes momentos, coa previsión de seguir facéndoo. Tampouco poderán dar clase durante o primeiro semestre do vindeiro curso nos graos e máster aos que estivesen adscritos.
Os e as investigadoras afectadas sinalan que "esta situación non é nova, xa que se repite ano tras ano" pero que desta vez a Xunta "baterá o seu propio récord de lentitude na avaliación de solicitudes", deixando pasar cando menos 171 días entre a publicación da convocatoria no DOG e a sinatura dos contratos da Modalidade B.
A xuntanza deste luns rematou "sen ningún compromiso" por parte da Xunta
Destacan, ademais, que esta situación "penaliza especialmente aos investigadores e investigadoras que soliciten baixas por maternidade ou paternidade", posto que estas persoas terán que agardar ata a próxima convocatoria do programa cando rematen o seu contrato, sen saber sequera se haberá convocatoria para o ano próximo, "para que o seu traballo na Modalidade A sexa avaliado, sen poder presentarse polo tanto á convocatoria da Modalidade B neste ano 2019". Esta situación afecta a tres mulleres e un home, sinalan, e mais a outra investigadora que xa decidiu renunciar á súa baixa de maternidade para non ser prexudicada.
Varios representantes do colectivo de investigadores afectados reuníronse este luns co persoal da Consellería de Educación. Os investigadores, que contan co apoio das tres universidades galegas, esixiron "unha solución para a súa situación ata que se publique a resolución da adxudicación das novas axudas correspondentes á Modalidade B". Sinalan que esta medida "non supón un gasto adicional para a Xunta, xa que queda diñeiro orzado na convocatoria do 2016 sen gastar debido a desvinculación de 15 investigadores do programa, unha cantidade "máis que suficiente para cubrir estes contratos até a resolución da Modalidade B", din
Denuncian que "a falta de interese do goberno galego" está a provocar que "moitas persoas abandonen o programa" para traballar noutras institucións do Estado e doutros países
Lembran que "este tipo de contrato ‘ponte’ foi unha solución aplicada con éxito noutros anos, mais desta vez foi descartada pola Xunta alegando que son contratos ilegais e que son as universidades as que teñen que asumir os custes destes contratos.
Afirman que a xuntanza rematou "sen ningún compromiso por parte da Xunta e denuncian que "esta falta de interese do goberno galego" por facilitar o tránsito entre as Modalidades A e B está a provocar que "moitas persoas abandonen o programa" para traballar noutras institucións do Estado e doutros países, "co prexuízo que esta fuga de cerebros implica para o conxunto da cidadanía galega no medio e longo prazo".