Desaparece 'Fillos', a pioneira rede social que uniu a diáspora galega nos inicios de Internet

Captura de pantalla da web de Fillos de Galicia no ano 2002 © Fillos de Galicia

Fillos de Galicia deixa oficialmente de existir, aínda que levaba varios anos case inactiva. Naceu no ano 1997 como unha pioneira comunidade virtual que buscaba ser "un lugar de encontro en Internet para os fillos e netos dos galegos emigrados" 

En novembro do ano 1997 botou a andar a web Fillos de Galicia, impulsada por Manuel Casal Lodeiro (Casdeiro), fillo de emigrantes galegos en Euskadi e residente nese momento en Baracaldo. Fillos constituíase como unha comunidade virtual que buscaba "converterse nun lugar de encontro en Internet para os fillos e netos dos galegos emigrados que, tendo nacido nos lugares máis diversos do mundo, senten un interese especial polas súas raíces galegas", como se podía ler no encabezamento da páxina nese momento.

Durante anos Fillos funcionou como comunidade virtual da diáspora galega, unha caste de Centro Galego na rede e promoveu diferentes iniciativas de unión dese colectivo espallado por América, Europa e outros lugares, que buscaba conectar coa súa terra de orixe. Este sábado Fillos de Galicia deixou oficialmente de existir, seguindo o acordado no mes de xullo na asemblea da Asociación Cultural Fillos de Galicia, aínda que na práctica o portal levaba xa varios anos inactivo.

Captura de pantalla da web de Fillos de Galicia no ano 2004 © Fillos de Galicia

Na súa mensaxe de despedida, a entidade destaca que "cando non había redes sociais online, xa estaba Fillos de Galicia: unha auténtica comunidade, mostrando ao mundo que Internet pode e debe ser usada para manter a cultura e identidade galegas no mundo"

Na súa mensaxe de despedida, a entidade destaca que "cando non había redes sociais online, xa estaba Fillos de Galicia: unha auténtica comunidade, mostrando ao mundo que Internet pode e debe ser usada para manter a cultura e identidade galegas no mundo", como tamén destacaba este estudo.

Fillos subliña que "contra vento e marea demos feito un mundo de cousas, e demos reconectado familias separadas pola emigración, axudando a recuperar a nacionalidade a moitos descendentes da nosa diáspora, poñendo en contacto a persoas afastadas por milleiros de quilómetros a quen só unía a orixe galega e que viraron amigos de por vida… ou mesmo parellas!". 

A Asociación Touda comprométese a protexer o legado de Fillos de Galicia mediante o seu servizo LegadoWeb, pensado precisamente para acoller contidos de interese histórico e cultural cando as organizacións responsables dos mesmos cesan na súa actividade.

No ano 2009 a comunidade contaba con 6.700 usuarios e usuarias rexistradas en máis de 70 países distintos

Para termos unha idea da dimensión e actividade que chegou a ter Fillos de Galicia nese tempo no que as redes sociais aínda non existían como as coñecemos hoxe e no que o uso de Internet non era masivo, abonda con lembrar que no ano 2009 a comunidade contaba con 6.700 usuarios e usuarias rexistradas en máis de 70 países distintos. Unha parte residían en Galicia e outra eran galegos e galegas emigradas, fillos e fillas, netos e netas de emigrantes.

Neses primeiros anos de actividade, en tempos pioneiros para a Internet galega (Vieiros, por exemplo, naceu no ano 1996), Fillos de Galicia contaba cun taboleiro de mensaxes a xeito de foro, cun servizo de reencontro de familias emigradas (o Atopadoiro), varias listas de correo, un directorio das webs galegas ou sobre Galicia que existían nese momento, un chat (Batepapo), informacións de utilidade para quen desexase retornar a Galicia ou un servizo de asesoramento gratuíto no proceso de acadar a nacionalidade.

Captura de pantalla do 'Atopadoiro', o servizo de reencontro dos galegos coas súas familias emigradas © Fillos de Galicia

O portal contaba cun taboleiro de mensaxes a xeito de foro, un servizo de reencontro de familias emigradas (o Atopadoiro), un directorio das webs galegas que existían nese momento , recursos para aprender o practicar a lingua galega ou informacións de utilidade para quen desexase retornar

Ademais, foi progresivamente incorporando distintas funcionalidades e servizos, como recursos para aprender e practicar a lingua galega, unha revista dixital (A Nosa Voz), novas da Galicia exterior (Mundo Galego) e unha Biblioteca con contidos sobre historia de Galicia, biografías, nomes galegos, receitas de cociña galega, libros recomendados ou a sección Fillos de sona, a nutrida relación de persoeiros de orixe galega que foron compilando ao longo destes anos.

A entidade mesmo lanzou unha bandeira identificativa da Nación Mundial Galega "para representar a nación dual dos galegos espallados polo mundo", empregando un deseño semellante ao antigo pavillón da provincia marítima da Coruña que estivo precisamente na orixe da bandeira oficial galega. A súa actividade non se limitou á rede, senón que publicou en papel varios libros autoeditados e enviou centos de volumes de temática ou lingua galega "a calquera curruncho do mundo onde vivise un fillo deGalicia", dentro da súa campaña "Un libro galego para os fillos queestán lonxe".  

Fillos lanzou tamén unha experiencia pioneira de net-art galego a través da iniciativa de crodwfunding denominada A Parcelaria, na que se vendían parceliñas (píxels) dun mapa de Galicia para obteren fondos para o sostemento da comunidade

Fillos lanzou tamén unha experiencia pioneira de net-art galego a través da iniciativa de crodwfunding denominada A Parcelaria, na que se vendían parceliñas (píxels) dun mapa de Galicia para obteren fondos para o sostemento da comunidade. Tivo tamén unha emisión radiofónica online, Radio Aturuxo, no ano 2007. E mesmo unha plataforma para atopar amigos e mocear en galego, chamada ETiQueTal, lanzada tamén nese ano 2007 co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

A falta de apoio institucional, agás quizais no período 2005-09 do goberno de coalición PSdeG-BNG foi unha das reclamacións permanentes da entidade, que na súa despedida lembra "a escasa axuda recibida das administracións durante a súa longa traxectoria, pragada de dificultades". Un camiño no que estiveron "a piques de morrer de éxito en varias ocasións", debido a un número de usuarios e de contidos superior ao que podía xestionar unha iniciativa dependente do "incansable voluntariado" e do "apoio esporádico de mecenas privados".

Captura de pantalla da 'Parcelaria virtual' de Fillos de Galicia ©

Na súa despedida lembran "a escasa axuda recibida das administracións durante a súa longa traxectoria, pragada de dificultades", coa única excepción dos anos do Bipartito

De feito, na súa mensaxe de despedida, agradecen a comprensión e apoio de Manuel Luis Rodríguez, Secretario Xeral de Emigración entre 2005 e 2009 "por ser o único responsable político que recoñeceu o noso labor, promovendo o recoñecemento de Fillos de Galicia como centro colaborador da Secretaría Xeral". 

En cambio, Fillos amósase crítico cos diversos responsables de Emigración do Partido Popular, "que puxeron todos os atrancos posibles para a nosa subsistencia e non só non nos recoñeceron nunca, senón que, apenas volveron ao poder, retiraron de maneira ilexítima o devandito recoñecemento oficial de centro colaborador, reducindo así enormemente as posibilidades de nos financiar e provocando unha crise de recursos da que Fillos de Galicia nunca se puido recuperar".

Unha vez que o PP regresa ao poder en 2009, Fillos inicia o seu declive, sen apoios insitucionais, e nun momento, ademais, no que as vellas comunidades virtuais estaban a ser substituídas polas novas redes sociais, como Facebook

En efecto, no ano 2010 Fillos de Galicia inicia o seu declive, sen apoios insitucionais, dependente unicamente do traballo voluntario e nun momento, ademais, no que as vellas comunidades virtuais estaban a ser substituídas polas novas redes sociais, como Facebook. Foi esmorecendo así unha iniciativa que é en si mesma un anaco de historia da Internet galega e dos fíos invisibles que se tecen entre a Galicia interior e a súa numerosísima comunidade de emigrantes e os seus descendentes. 

Fillos albiscou nos inicios de Internet que as redes podían ser a ponte virtual que unise os galegos residentes na diáspora e que os reconectase coa Terra, unha ferramenta ademais para a transmisión da cultura e da lingua galega, especialmente nun momento no que os centros galegos tradicionais comezaban a perder actividade e funcións, nomeadamente entre as xeracións máis novas. 

Captura de pantalla do 'Taboleiro' de Fillos de Galicia © Fillos de Galicia
Captura de pantalla da 'Biblioteca' de Fillos de Galicia © Fillos de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.