O segundo Maratón de Galeguidades busca "conectar Galicia coa diáspora"

Segundo Maratón de Galeguidades do Igadi © Igadi

Este xoves o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) celebra a segunda edición do evento en liña no que un cento de expertos de todo o planeta analizarán a relación de Galicia coa emigración

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) celebra este xoves o seu segundo Maratón de Galeguidades, un evento en liña no que durante once horas ininterrompidas máis de cen persoas de vinte países de todo o planeta participarán en entrevistas e faladoiros encadeados nos que se reflexionará sobre como "conectar Galicia coa súa diáspora". O maratón celébrase este 24 de xullo, véspera do Día Nacional de Galicia, comeza ás 8.30 horas e está previsto que se estenda ata as 19.30 horas. Pode seguirse no vídeo insertado nesta mesma peza, nesta web: https://galeguidades.hub.gal e na canle en Youtube do Igadi.

A primeira edición do maratón celebrada o pasado ano acolleu intervencións desde 27 países dos cinco continentes e deu lugar a un informe sobre as potencialidades da diáspora galega "como axente de desenvolvemento da Galicia do futuro". 

Nesta segunda edición, coa colaboración da Deputación da Coruña, haberá faladoiros sobre distintos aspectos da diáspora galega como a economía, a música, o cinema, a literatura, os concellos, os estudos galegos no mundo ou a memoria. O primeiro faladoiro, Como conectar hoxe a Galicia territorial coa Galicia exterior, estará moderado polo xornalista de Praza.gal David Reinero e nel intervirán as profesoras da Universidade da Coruña e investigadoras en materia de emigración Antía Pérez Caramés e Belén Fernández, o divulgador cultural Manuel Gago e Karan Novo, organizador do Festival EmigraSon en Bruxelas. O maratón será pechado por un episodio conmemorativo do Ano Castelao

Horario dos distintos episodios do segundo Maratón de Galeguidades do Igadi © Igadi

Entre as persoas e entidades participantes este ano figuran nomes como Mondra, Sonia Villapol, Suso de Toro, Fernanda Tabarés, Soledad Felloza ou Oveyanejra, xunto con organizacións emblemáticas como a Irmandade Galega de Suíza, a Rede de Galegas no Reino Unido, a Asociación Internacional de Estudos Galegos, o Festival Emigrasón ou os Centros Galegos de Buenos Aires, Barcelona ou Sidney. O evento contará tamén coa presenza de asociacións musicais da emigración, peñas deportivas, redes empresariais e investigadoras e investigadores galegos en universidades internacionais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.