O BNG proclama "unha nación de acollida" que sume mans ao seu proxecto con "brazos abertos e sorriso nos beizos"

Ana Pontón no inicio da manifestación deste 25 de xullo de 2025 CC-BY-SA Praza Pública

"Festexamos que somos un gran país e que vale a pena dar a cara pola xente galega", di Pontón

Minutos despois de que o arcebispo de Santiago criticase ante Rueda e Feijóo como "inaceptable" o uso dos migrantes ou refuxiados como "arma política", a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, proclamaba este venres na Alameda, na saída da tradicional manifestación polo Día Nacional, que "Galicia é unha nación de acollida". Foi unha das tres mensaxes que Pontón quixo transmitir nesta xornada de reivindicación nacionalista, xunto coa apelación a que o BNG siga gañando simpatías e a condena da situación internacional de violencia. 

A manifestación do BNG polas rúas de Compostela, á que se sumaron moitas outras organizacións, desde Anova a Adega, volveu congregar milleiros de persoas que saíron da Alameda en dirección á praza da Quintana ao berro de "Galiza ceibe, poder popular". Unha marcha na que Pontón quixo felicitar o día "a toda a cidadanía", "unha nación con pasado e tamén con futuro".

A primeira mensaxe que lanzou Pontón foi a de que Galicia é "unha nación de acollida" na que hai "moitas maneiras de sentirnos galegas e galegos, e todas son necesarias". Por iso, apelou a "seguir sumando máis cidadanía" ao proxecto do BNG cos "brazos abertos, man tendida e sorriso nos beizos".

Pontón presenta o BNG como unha formación "sen corrupción": "somos diferentes e demostrámolo"

Nesa liña, e como segunda mensaxe, a nacionalista salientou que a súa formación leva 40 anos asumindo distintas responsabilidades de goberno no país "sen corrupción". "Somos diferentes e demostrámolo", asegurou. Porén, engadiu que "en Galicia sabemos o que significa a corrupción" xa que "levan anos usando a Xunta en beneficio dos intereses de grandes empresas amigas". 

Remate da manifestación na praza da Quintana CC-BY-SA Praza Pública

A terceira mensaxe de Pontón foi dirixida á política internacional, para criticar as violencias de Israel en Gaza ou o imperialismo de Donald Trump. "Xogamos dereitos e liberdades", dixo a nacionalista, que na súa intervención na praza da Quintana proclamou que "Israel é un estado xenocida". Fíxoo nunha manifestación na que tivo un especial protagonismo a bandeira de Palestina xunto coa gran estrelada que encabezou a marcha.

"Este 25 de xullo o que festexamos é que somos un gran país e que vale a pena dar a cara pola xente galega", concluíu Pontón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.