40 anos do día que o 25 de xullo e Castelao volveron á Quintana

Manifestación do BNG polo Día da Patria o 25 de xullo de 1984 © UPG

A marcha foi histórica porque supuxo o retorno das manifestacións do Día Nacional á Praza da Quintana e á zona vella compostelá, despois de tres anos de prohibición e dos importantes incidentes que marcaran a marcha do ano anterior

25 de xullo de 1984. Milleiros de persoas maniféstanse polas rúas do casco histórico de Compostela. A marcha supera a Praza de Galicia e entra pola Porta da Mámoa ata rematar na Praza da Quintana. Moitos dos manifestantes portan grandes retratos de Castelao ao berro de "Aquí se ve, vivo, en pé, o noso irmán Daniel" ademais dos xa habituais "Galiza ceive, poder popular" ou "Que queiran, que non, Galiza é unha nación" ou a tamén empregada neses tempos de que "Non queremos autonomía, esiximos soberanía".

Non foi un Día da Patria máis. Chegaba menos dun mes despois dos incidentes de Bonaval que marcaron a chegada dos restos de Castelao ao Panteón de Galegos Ilustres e dunha sucesión de discusións públicas sobre o pensamento político do rianxeiro, a apropiación da súa figura e a conveniencia da súa repatriación. De aí a proliferación de imaxes de Castelao que se viron na marcha convocada polo BNG e moitas das imaxes que se lanzaron.

Manifestación do BNG polo Día da Patria o 25 de xullo de 1984, na Praza da Quintana © UPG

Moitos dos manifestantes portaba retratos de Castelao ao berro de "Aquí se ve, vivo, en pé, o noso irmán Daniel". A marcha chegaba menos dun mes despois dos incidentes de Bonaval que marcaron a chegada dos restos de Castelao ao Panteón de Galegos Ilustres e dunha sucesión de discusións sobre o pensamento político do rianxeiro e a apropiación da súa figura

Pero, ademais, a marcha foi histórica porque supuxo o retorno das manifestacións do Día Nacional á Praza da Quintana e á zona vella compostelá, despois de tres anos de prohibición e dos importantes incidentes que marcaran a marcha do ano anterior. Hai 40 anos a celebración do Día da Patria volveu á Quintana, escenario que xa nunca máis abandonou.

En realidade, a celebración política do 25 de xullo en Compostela estivera marcada en varios dos anos anteriores pola tensión, cargas policiais e persoas feridas ou detidas. A tensión chegara ao seu límite no ano 1983, cando centos de manifestantes nacionalistas permaneceron sentados durante horas na Praza de Galicia, baixo a chuvia e fronte ás cargas policiais, para esixir o seu dereito de rematar a manifestación na Praza da Quintana. Pero tamén fóra máxima nos anos 1980, 1981 e 1982, momento en que se endureceu a presión das forzas de seguridade contra a manifestación convocada polas forzas nacional-populares.

De 1976 a 1979: o 25 volve celebrarse en liberdade

A celebración política do 25 de xullo estivera marcada en varios dos anos anteriores pola tensión, cargas policiais e persoas feridas ou detidas. A tensión chegara ao seu límite no ano 1983, cando centos de manifestantes permaneceron sentados durante horas na Praza de Galicia para esixir o seu dereito de rematar a marcha na Quintana

A celebración do 25 de xullo por parte do nacionalismo, iniciada polas Irmandades da Fala dende 1919 e polo Partido Galeguista nos anos 30 (en 1934 tivo lugar por vez primeira na Quintana o Mitin das Arengas), renaceu nos anos 50 coa Misa dedicada a Rosalía en Bonaval e xa nos 60 con actos clandestinos das organizacións daquela ilegais coma a UPG. 

Morto Franco, o 25 de xullo de 1976 celebrouse aínda coa presión do réxime en Transición e coincidindo coa visita dos novos reis Juan Carlos e Sofía a Compostela, co concecuente despregamento policial. Sen permiso para realizar unha manifestación legal, houbo cargas e saltos en toda a zona vella, con axentes perseguinto "pistola en man" os manifestantes pola rúa do Vilar e varias detencións.

A situación en 1977 cambiou notablemente. Viñan de celebrarse as primeiras eleccións democráticas -aínda que varias formacións políticas, coma a UPG, seguían ilegalizadas- e o 25 de xullo foi o primeiro Día da Patria celebrado en (relativa) liberdade en 42 anos. O BNPG congregou na zona vella de Compostela a unhas dez mil persoas, mentres que o resto de grupos de esquerda e nacionalistas, agás PSOE e PCG, xuntaron algo menos de catro mil na carballeira de Santa Susana.

Intervención de Bautista Álvarez na Praza da Quintana un 25 de xullo © UPG

En 1978 tivo lugar un feito diferencial, xa que por primeira e única vez dende a Xunta de Galicia, nese momento presidida por Rosón, se convocou un acto público de celebración do 25 de xullo na Praza do Obradoiro que buscaba ser, ademais, amosar o apoio á elaboración dun Estatuto de Autonomía "nacional e progresista"

En 1978 tivo lugar un feito diferencial, xa que por primeira e única vez dende a Xunta de Galicia, nese momento presidida por Rosón, se convocou un acto público de celebración do 25 de xullo na Praza do Obradoiro que buscaba ser, ademais, amosar o apoio á elaboración dun Estatuto de Autonomía "nacional e progresista" para Galicia. O acto, apoiado por PCG, PSOE, PTG, POG e PG, e ao que asistiron menos de dez mil persoas, foi visto como un fracaso, reunindo moitos menos asistentes que o organizado polo BNPG en defensa da autodeterminación na Praza da Quintana, a só uns metros, que reuniu unhas 30 mil. 

Un ano despois non houbo xa acto oficial da Xunta e o BNPG celebrou a súa manifestación, de novo moi numerosa, na Praza da Quintana. Mentres, os partidos que conformaban Unidade Galega (POG, PSG e PG) xuntaban preto de catro mil na Praza da Universidade.

1980-1983. A represión contra o Día da Patria

Os 25 de xullo celebrados entre 1980 e 1983 estiveron moito máis controlados e reprimidos que os que tiveran lugar entre 1977 e 1979. De feito, neses anos non se permitiu o ingreso de ningunha manifestación nin acto político na zona vella compostelá

O normal tería sido que a consolidación do proceso democrático fose ampliando as liberdades, pero non foi así. Os 25 de xullo celebrados entre 1980 e 1983 estiveron moito máis controlados e reprimidos que os que tiveran lugar entre 1977 e 1979. De feito, neses anos non se permitiu o ingreso de ningunha manifestación nin acto político na zona vella compostelá, comezando polo Día Nacional de 1980. 

A manifestación convocada por BNPG e PSG tentou entrar no casco histórico a través da Porta da Mámoa, pero un fortísimo dispositivo policial impediuno, de xeito que a marcha, cuns vinte mil participantes, regresou ao punto de partida, na Alameda. Tamén o POG tentou levar a cabo o seu acto na Praza do Toural, pero finalmente a Policía obrigou a trasladalo á Praza de Galicia. Margarita Ledo, daquela directora de A Nosa Terra, resultou ferida nunha perna por mor dunha botella que se guindara nos enfrontamentos entre Policía e manifestantes. Houbo numerosos saltos e algúns detidos, entre o secretario xeral das Comisións Labregas, Bernardo Fernández Requeixo.

Capa de A Nosa Terra do 30 de xullo de 1984 © A Nosa Terra

A presenza policial era moi intensa en Santiago dende a noite anterior, con controis nas estradas de acceso e un despregamento en puntos estratéxicos do casco histórico. En varios momentos do día houbo saltos e cargas no interior da zona vella, con disparos de balas de goma

O Día Nacional de 1981 seguiu a mesma tónica, coa prohibición de acceder ao casco histórico e unha participación notablemente inferior na manifestación de BNPG e PSG, algo máis de dez mil persoas, que asistiron ao mitin final na Praza de Galicia. Mentres, o POG celebrou o seu acto no Cine Capitol. A presenza policial era moi intensa en Santiago dende a noite anterior, con controis nas estradas de acceso e un despregamento en puntos estratéxicos do casco histórico. En varios momentos do día houbo saltos e cargas no interior da zona vella, con disparos de balas de goma.

O mesmo sucedeu en 1982, de novo con asistencia reducida a ese acto final na Praza de Galicia convocado polo BNPG á fronte do denominado Frente Patriótico Galego. A marcha, moi vixilada por un amplísimo dispositivo policial estaba comandada por unha faixa na que se podía ler 'Galicia nación'. Ao seu remate tiveron lugar as intervencións políticas, encabezadas por Bautista Álvarez, Lois Diéguez e, por primeira vez, Xosé Manuel Beiras. Esquerda Galega repetiu no Cine Capitol.

1983: o Día Nacional máis violento

En 1983, cando as forzas de seguridade quixeron disolver o acto, ao redor das seis da tarde, cargaron contra os asistentes, provocando varias ducias de persoas feridas -pola acción de pelotas de goma e balas de plástico- e levando 30 persoas á Comisaría, das que sete permaneceron detidas

A prohibición de celebrar manifestacións e actos políticos no casco histórico derivou en fortes enfrontamentos entre Policía e manifestantes o 25 de xullo de 1983. A manifestación partiu da Alameda pouco despois das doce do mediodía e o lema que se podía ler na primeira faixa era 'O nacionalismo, a solución para Galiza'. A marcha convocada polo BNG, na que tiveron un papel destacado os numerosos alcaldes da fomación (en Fene, Corcubión, Carnota, Moaña, Bóveda, Malpica...)  rematou un ano máis na Praza de Galicia, ante a posibilidade de atravesar a Porta da Mámoa. Porén, desta vez ao rematar o acto a maioría dos participantes non marchou do lugar, levando a cabo unha sentada durante cinco horas (e en ocasións baixo a chuvia). 

Cando as forzas de seguridade quixeron disolver o acto, ao redor das seis da tarde, cargaron contra os asistentes, provocando varias ducias de persoas feridas -pola acción de pelotas de goma e balas de plástico- e levando 30 persoas á Comisaría, das que sete permaneceron detidas. Dende o BNG lembrouse que "sempre que a manifestación puido chegar á Praza da Quintana, nunca pasou nada nin se alterou para nada a orde", o que era rigorosamente certo. 

Capa de A Nosa Terra do 29 de xullo de 1983 © ANT / CCG

"A nosa posición era de defensa insobornábel do direito a entrar no casco vello, unha defensa sen nengún tipo de provocación, pero a policía perdeu o control e cargou", declarou Bautista Álvarez

A formación nacionalista saudou o sucedido como unha vitoria, pois amosaba a capacidade de resistencia da organización: "vén demostrar que o nacionalismo galego está en pé", como declarou ao medios de comunicación Bautista Álvarez, que sinalou que "a nosa posición era de defensa insobornábel do direito a entrar no casco vello, unha defensa sen nengún tipo de provocación, pero a policía perdeu o control e cargou".

O Bloque acusaba o Goberno central de querer "valeirar de contido esta celebración". "Queren acabar con ela pero nós non estamos dispostos a renunciar a esta celebración e o povo galego tampouco, xa que quedou demostrado sobradamente hoxe, despois de aguantar máis de seis horas pesie a inclemencia do tempo, estando dispostos a aguantar moitas máis, o tempo que fixese falta".

 

1984: o regreso á Praza da Quintana con Castelao como símbolo

En 1984, no regreso ao casco histórico, ao paso por esa simbólica fronteira da Mámoa, os manifestantes berraban "tardamos catro anos, loitamos, agora entramos"

Algo cambiou en 1983, porque o 25 de xullo de 1984 supuxo o retorno no nacionalismo á zona vella compostelá e á Praza da Quintana. A manifestación partiu da Alameda e despois de percorrer o Ensanche, entrou no Casco Histórico a través da anteriormente vedada Porta da Mámoa para finalmente rematar na Quintana. Ao paso por esa simbólica fronteira da Mámoa, os manifestantes berraban "tardamos catro anos, loitamos, agora entramos". 

A participación foi maior que en anos anteriores, preto de dez mil persoas, e non houbo incidentes, aínda que se queimou unha bandeira española. A faixa principal dicía 'Fronte á autonomía, autodeterminación. Castelao sen manipulación', facendo referencia directa á polémica sobre o regreso dos restos do rianxeiro a Galicia. Os e as asistente levaban centos de retratos de gran tamaño de Castelao nos que se podía ler 'Castelao é dos nacionalistas, non dos españolistas'.

No acto final Eduardo Gutiérrez -posteriormente alcalde de Ribadeo e deputado no Parlamento- subliñou a importancia do retorno á Quintana, que pasaba a ser "símbolo de terra liberada, pois nela resoaron as voces dos nosos devanceiros"

No acto final Eduardo Gutiérrez -posteriormente alcalde de Ribadeo e deputado no Parlamento- subliñou a importancia do retorno á Quintana, que pasaba a ser "símbolo de terra liberada, pois nela resoaron as voces dos nosos devanceiros". Gutiérrez engadiu que "os ecos de Bóveda, Suárez Picallo e Otero Pedrayo súmanse hoxe a nós contra os traficantes necrofílicos. O esforzo dos nacionalistas remata hoxe neste acto simbólico de reconquistar A Quintana e a parte vella da capital para lle render homenaxe ao noso guieiro que o 28 de xuño algúns quixeron enterrrar".

O 25 de xullo de 1985 continuou a normalidade de chegar ata a Quintana para a marcha convocada polo BNG. Non houbo incidente ningún (aínda que a prensa recolleu a queima dunha bandeira española e berros de apoios a ETA) e o Día da Patria celebrouse como unha festa. Ficaba instaurada unha forma de conmemorar o Día Nacional de Galicia que, con poucos cambios, chegou ata hoxe e quedaban atrás uns anos nos que as manifestacións ficaban prohibidas ou acoutadas a determinadas zonas da cidade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.