A portavoz nacional do Bloque reivindica a "nova liña política actualizada e moderna" que levou a formación dende unha situación "crítica" a ter "o apoio popular en máximos e medrar ano tras ano" nunha manifestación con máis presenza e sorrisos que anos atrás
Baixo un intenso sol, coa presenza de persoas que levaban anos ausentes, caso de Xosé Manuel Beiras, e celebrando. O BNG regresou este Día Nacional de Galicia ás rúas compostelás para a súa tradicional manifestación do Día da Patria máis concorrencia e sorrisos que anos atrás e, despois de "catro campañas electorais ao lombo", coa convicción de que a formación soberanista "está de moda" e aínda está por dar "moitas alegrías".
"Man tendida", "sorriso nos beizos" e "brazos abertos" permitiron, evocou Ana Pontón ante unha ateigada praza da Quintana, destino final da marcha, que o BNG lograse o pasado febreiro "o mellor resultado da nosa historia" con 25 escanos e máis do 31% dos votos". Era "algo difícil de imaxinar" apenas oito anos atrás, cando pasaban por unha "situación crítica". Pero foi daquela, reivindicou, cando "decidimos comezar unha nova liña política actualizada e moderna que respondía ás preocupacións da sociedade galega".
"Pasaron só oito anos e os froitos desa nova liña política están á vista", reivindicou a portavoz nacional. "Apoio popular en máximos e medrando ano tras ano". E por iso, argumenta, o Bloque está "de moda", pero "non é unha moda pasaxeira". "Iso era o que dicían algúns dende as súas atalaias mediáticas cando pasamos de 6 a 19 escanos" pero o medre do BNG non era "flor dun día", senón "unha tendencia sólida e potente".
"Cambiamos moito, pero hai algo que se mantivo firme: todos e cada un dos nosos principios", mantén Pontón, quen resalta que o BNG "xa non á alternativa real ao PP", senón "un auténtico goberno alternativo"
Dende a aposta de fondo por tentaren reter a ilusión que, consideran, lograron xerar na campaña electoral de febreiro, o discurso de Pontón combinou mensaxes dirixidas á base nacionalista máis tradicional con apelacións á cidadanía que se achegou por primeira vez ao Bloque o 18F ou mesmo este 25 de xullo. "Cambiamos moito, pero hai algo que se mantivo firme: todos e cada un dos nosos principios, somos nacionalistas galegos e a moita honra", clamou entre aplausos.
Todos estes elementos, asegura, son os que a levan a presentar o BNG en clave de "forza gañadora" e tamén de "esperanza". A mesma esperanza que "prendeu en 1982" coa fundación da organización frontista, que "medrou con máis forza ca nunca" nas últimas eleccións galegas, cando "milleiros de galegos e galegas" apostaron nas urnas por "outra Galiza posíbel". A todo ese electorado apelou para sinalar que "os grandes cambios ás veces tardan máis do que nos gustaría", pero "este país xa mudou e de nós depende que non haxa volta atrás".
Este BNG "consolidado e reforzado", concluíu Pontón, xa "non é só a alternativa real ao PP". "Somos un auténtico goberno alternativo, con propostas e ideas para sacar adiante Galiza e á súa xente", asegurou antes de pedir aos milleiros de persoas congregadas na Quintana que "non se poñan límites". O canto do himno galego puxo fin ao acto central do Día da Patria, tras o cal boa parte dos dirixentes da formación nacionalista continúan a xornada no Festigal, o festival organizado pola organización xuvenil Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre.