Navia e Novo Mesoiro: os barrios máis mozos de Galicia, os máis 'bloqueiros' o 18F

Familias no barrio de Navia, en Vigo CC-BY-SA Praza Pública

O resultado histórico do BNG o pasado 18F explícase en que medrou en case todos os concellos do país. No entanto, o seu crecemento foi especialmente importante nas áreas metropolitanas e en moitas cidades. En Vigo, o Bloque foi primeira forza, creceu case 14 puntos e alcanzou o 37%; na Coruña, o incremento roldou os nove puntos, superando un terzo dos sufraxios

O BNG gañou en Vigo, medrou case 14 puntos e alcanzou o 37% dos votos; na Coruña, subiu nove puntos e superou un terzo dos sufraxios

A formación nacionalista gañou uns 63.000 votos nas cidades con respecto aos comicios de 2020, practicamente a metade nas dúas principais urbes: Vigo e A Coruña, onde superou amplamente a media de apoio ao BNG. E en ambas as dúas urbes, dous barrios de semellantes características e composición foron os seus baluartes. Dous barrios novos, da periferia e os máis mozos de Galicia: Navia e Novo Mesoiro. 

Fronte á idade media de 48 anos en Galicia e algo máis de 44 anos tanto en Vigo como na Coruña, o novo barrio de Navia rolda os 35 e Novo Mesoiro, os 34. Áreas onde, por máis parques que monten sempre acaban ateigados de cativos e cativas, onde os carriños de bebés, os escolares e a xente moza son a paisaxe habitual de dúas pequenas cidades nas que é case imposible —sen esaxerar— atopar unha persoa xubilada. 

Rúa principal do barrio de Novo Mesoiro, na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Navia, bastión do Bloque

En Vigo, a cidade do grande éxito do Bloque, o Barrio de Navia converteuse no seu bastión, con crecementos de entre 15 e 17 puntos ao longo do seu territorio e porcentaxes de votos que rozan o 48% nalgúns casos e non baixan do 44% en xeral. A abstención baixou en Navia uns dez puntos, do 34% de 2020 ao 24,4% nas pasadas eleccións galegas. 

Os dous barrios máis novos de Galicia foron os baluartes do BNG en Vigo e na Coruña: Navia e Novo Mesoiro achegáronse ao 50% de voto nacionalista nalgunhas áreas

Neste barrio de persoas traballadoras, houbo membros das mesas que durante a noite electoral daban por suposto un goberno encabezado polo Bloque, á vista do resultados, porque "só saían papeletas do BNG”. Mais a realidade fóra era ben distinta do que acontecía en Vigo e máis concretamente nesta zona periférica. 

Navia é o barrio novo de Vigo e constitúe en si mesmo outra pequena urbe de case 10.000 habitantes, cunha media de idade de 35 anos na contorna da rúa Teixugueiras, a súa principal arteria. O IGE sobe esta media ata os 47 anos no caso da parroquia de San Paio de Navia.

O datos do 18F amosan unha forte suba de máis de 15 puntos de media do apoio ao BNG en Navia (en Vigo foi de 13), un crecemento directamente proporcional á baixada do PSdeG neste barrio obreiro.

“Nas locais voto socialista, pero nas autonómicas cambiei; é hora de buscar os dereitos como galegos", di María, de Navia

É o caso de María, veciña do barrio desde 2010, quen asegura que é votante habitual do PSOE pero que nestas eleccións modificou o seu voto. “Nas locais voto aos socialistas, pero nas autonómicas decidín cambiar porque é hora de buscar os dereitos como galegos, e para iso penso que é mellor un partido como o BNG”, explica.

María, que traballa no sector financeiro, asegura que ao seu redor a xente tiña moi claro o que ía votar aínda que non o falasen expresamente. “De ningún xeito iamos votar a ningún partido con sentenza por corrupción”, detalla. Ademais, o feito de que determinadas zonas do barrio, que dependen da Xunta, se atopen en mal estado tamén decantaba a balanza cara aos partidos da oposición. “Levan anos se arranxar o parque Nelson Mandela e esperaron, agora, cando se achegaban as eleccións para facer un investimento”, lamenta. 

Novo Mesoiro, onde gaña o BNG

"Aquí, en Novo Mesoiro, non me sorprenderon os resultados; subiu o BNG como en tantos sitios, pero partindo de porcentaxes de apoio que xa superaran o 35% nas anteriores autonómicas", di Manuel, veciño do barrio desde hai dúas décadas e que foi presidente da asociación de veciños en dúas etapas diferentes.

É unha tarde calquera de inverno dun día laborable calquera en Novo Mesoiro, onde non se ve un xubilado. O panorama é contrario ao de calquera outro barrio da Coruña e da inmensa maioría de Galicia. A rapazada e as crianzas dominan a paisaxe desta zona da periferia de pouco máis de 20 anos de historia que acolle uns 7.500 veciños e veciñas en 83 edificios que empezaron a construírse en 2003

O Bloque non baixou do 40% de votos en ningunha das seccións censuais nas que se divide o barrio, roldando o 45% nalgunha delas, con subas de entre seis e sete puntos e sendo a primeira forza en sete das 13 mesas electorais, un apoio só superado nalgunha zona de Monte Alto. A abstención caeu en máis de doce puntos en todas as áreas de Novo Mesoiro, baixando case 18 nalgunha onde a participación pasou do 70%. 

Ademais, o nesgo de clase e a dicotomía electoral rural-urbano cúmprense a ferro aquí: nas dúas mesas do colexio concertado Montegrande, no mesmo distrito pero xa na adiñeirada Zapateira, a dereita dobra os votos da esquerda. Na de Feáns, que abrangue a pequena aldea do mesmo nome, o PP supera amplamente a suma do resto de partidos. Todo o contrario que na parte nova e moza. 

"En Novo Mesoiro xa había asociación de veciños cando só había dez edificios", di Manuel

Erguido ao carón do Mesoiro Vello, Vío ou Feáns, dos poucos núcleos rurais que quedan na cidade, Novo Mesoiro foi o último barrio construído ao abeiro da promoción pública de vivenda, xusto antes de que estoupase a burbulla inmobiliaria. O novo barrio de Navia foi unha das grandes apostas pola vivenda protexida do goberno bipartito da Xunta.  

Estas políticas de vivenda atraeron ao pé do polígono industrial de Pocomaco, na Coruña, unha poboación dunhas características sociodemográficas e económicas moi semellantes, como ocorreu no seu barrio xemelgo de Vigo. 

Xente nova e traballadora. "A xeración Xabarín", bromea Manuel desde Novo Mesoiro, onde a inmensa maioría da súa poboación naceu a finais dos 70 e nos 80 —practicamente a metade dos seus habitantes teñen entre 35 e 50 anos—, xente "atraída polos prezos máis accesibles", a empezar un proxecto de vida familiar, chegada na súa maioría da cidade, pero tamén doutros concellos de Galicia, como ocorre en Navia. 

Unha nai, coa súa filla, no barrio de Navia en Vigo CC-BY-SA Praza Pública

Veciños como Martín, do Grove, que vén de mudarse a Santiago logo de dous anos en Novo Mesoiro. Galegofalante nunha zona onde o galego é minoritario, como en Navia, aínda que un cacho nunha cafetería abonde para identificar diferentes trazos dialectais e conversas naturalmente bilingües. "É un barrio cheo de pisos de protección, o que supoñía a obriga non só de vivir alí senón de estar tamén empadroado; unha zona de xente xa asentada, nova e traballadora, con todas as características para virar á esquerda", di. 

Veciñanza engade á media de idade e á maioría de clase traballadora outra clave no resultado electoral: as problemáticas con servizos públicos que dependen da Xunta

"Aquí ninguén compraba para especular ou facer negocio porque foi un mercado regulado e de promoción pública, un barrio refuxio para xente dunha mesma xeración, criada nuns valores moi semellantes, dunha mesma idade, dunhas condicións económicas parecidas e que chegou a unha zona nova na que había xa moitos pisos pero faltaban moitas dotacións e servizos", explica Manuel.  

"Xa había asociación de veciños cando só había dez edificios", engade quen vincula ese asociacionismo temperán, ademais doutras moitas características sociais, económicas e demográficas, cos resultados electorais. O voto maioritario a opcións progresistas e ao BNG non colle de sorpresa a este veciño, que lembra que a falta deses servizos esenciais provocou que "se socializasen e colectivizasen os problemas". 

Refírese ás eivas sanitarias, á ausencia de conexións de transporte público ou á loita por un colexio público, que ten menos de catro anos de vida... "Desde os problemas co saneamento dos primeiros anos ata a consecución do centro escolar, sempre houbo algo polo que pelexar e que reivindicar", conta.

"Aquí toda a veciñanza tiña ou ten os mesmos problemas; iso provoca que haxa unha maior concienciación, que nos movamos e que empreguemos a facilidade que nos dan as redes sociais e os móbiles para manternos sempre informados e reivindicativos", explica Manuel, que, como María en Navia, repara en que moitas das problemáticas vixentes no barrio son atribuíbles á Xunta, o que explica tamén a tendencia de apoio aos partidos da oposición. Como exemplo, a falta de médicos e horarios amplos no centro de saúde, a ausencia dun instituto ou a longa espera por por un colexio. "Hai un grupo activo en Telegram para informar do barrio que conta con 1.500 persoas", advirte mentres amosa o móbil. O 20% da poboación. 

Nalgunha zona de Novo Mesoiro, o apoio ás forzas de esquerda rolda ou supera o 60%. Nalgunha área de Navia chega ao 75%. Para Patricia, veciña da rúa Teixugueiras do barrio vigués, a media de idade baixa e o estrato social son claves á hora de explicar o grande apoio recibido polo BNG. “Somos xente traballadora e había moita ilusión polo cambio. Realmente pensamos que desta ía ser. Ademais, o Bloque tiña propostas interesantes para aquí”, explica, en referencia, por exemplo á descentralización das Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro cara aos PAC.

Vivendas no barrio de Novo Mesoiro, na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Desde Novo Mesoiro, coincide na diagnose Manuel, militante activo do Bloque. "Notamos que máis persoas se achegan ao BNG, que nos coñecen máis... E creo que a forma de comunicar é fundamental", di quen destaca que a fronte nacionalista "pon o foco nos problemas reais da xente e dando alternativas, non só criticando o que non funciona". Refírese ás eivas "na educación, na sanidade, na mobilidade... Problemas que, de feito, son habituais e constantes no barrio". 

“Somos xente traballadora e había moita ilusión polo cambio. Pensamos que desta ía ser", di Patricia, desde Navia

Martín coincide en que a masiva presenza de crianzas e os problemas asociados pola falta de pediatras ou, ata hai pouco, mesmo dun colexio, inflúen á hora de decantar o voto. "Hai unha suma de circunstancias que explican os resultados, pero a iso hai que engadirlle a boa campaña que fixo o BNG", insiste este grovense, que incide nesa mensaxe máis urbana e nova que, cre, impulsou o Bloque nunha área onde a esquerda sempre foi maioritaria.  

Desde Navia, Patricia, traballadora do sector industrial, explica que "non cría" os resultados así que rematou o reconto, pero pensa "que a volta xa está dada". "A engrenaxe xa está posta en marcha e é imparable”, explica quen sentía durante a campaña un convencemento pleno de que o BNG tería o control do Goberno galego. “Galicia, co pulo do Bloque, deu unha lección de dignidade estas eleccións porque xa somos moitísimas máis que antes as que pensamos que merecemos e precisamos outra cousa”, defende.

Eran tan bos os resultados das mesas para o BNG en Navia, que algúns dos membros, durante a noite electoral estaban convencidos do cambio na Xunta. “Ía tan ben a cousa que dabamos por feita a vitoria. Claro, non sabiamos o de fóra”, relata unha destas persoas que viviron a noite electoral máis nacionalista do barrio.

Un mozo cruza unha rúa do barrio de Navia, en Vigo CC-BY-SA Praza Pública

En Novo Mesoiro, e atendendo á tendencia, os resultados non chamaron a atención. Nun barrio onde, en 2015, a suma de PP e PSOE baixou do 30% e a Marea Atlántica, que acabaría gobernando a cidade, sumou máis do 40% de apoio. O voto a formacións á esquerda dos socialistas, en épocas nas que se palpa un cambio, vén sendo importante desde hai tempo. E nas últimas municipais, sendo o PSOE primeira forza no barrio, a suma do Bloque e a Marea alcanzou o 25%.  

"En Novo Mesoiro toda a veciñanza tiña ou ten os mesmos problemas; iso provoca que haxa unha maior concienciación e reivindicación", di Manuel

Pero nos comicios autonómicos, como ocorreu en boa parte do país, Navia e Novo Mesoiro mudaron (ou teimaron) ao BNG. Así o explica Vitoria, desde o barrio vigués. Veciña tamén da rúa Teixugueiras, que ten claro que para as eleccións galegas e xerais prefire votar un partido máis vinculado con Galicia “que pelexe polas necesidades deste territorio”, indica. Antes votaba sempre os socialistas, pero desde hai uns oito anos, di, cambia o voto nos comicios que non son locais.

Veciña de Navia desde hai doce anos, cre que os resultados das pasadas eleccións proveñen do impulso que deu o Bloque, que apostaba realmente por quitarlle a maioría absoluta ao PP e creou moita ilusión. “Moita xente que coñezo que era votante socialista cambiou ao BNG, porque vían a candidata con máis proxecto e implicación”, asegura. 

Manuel, desde A Coruña, cre que "a mensaxe, a candidata e a forma de comunicar influíu". "Creo que o Bloque acertou; o que debe facer agora é insistir neste camiño, seguir implicándose na sociedade e poñer o foco neses problemas reais da xente". Nos que teñen, insiste, a maioría de veciños e veciñas de Novo Mesoiro e de Navia. Pequenas urbes na periferia, de xente traballadora e nova, con servizos públicos por mellorar e incrementar. Dous barrios onde o BNG xa é maioritario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.