Na Galicia máis moza a fenda entre PP e BNG minguou a 6 puntos e nas zonas máis ricas subiu ata 20

Porcentaxe de voto acadada por cada formación en función da idade media da sección electoral sobre unha imaxe da cidade de Pontevedra ©

Hai moitas Galicias. A urbana, a rural, a interior, a litoral, a máis nova, a máis vella, a pobre, a rica... Todas elas votaron o pasado 18 de febreiro e fixérono -como adoitan facelo- de maneira diferente. Non podemos saber o que votou cada persoa, pero os datos de participación e o resultado electoral das máis de dúas mil seccións censuais (unha división que abrangue unhas poucas rúas nas cidades e unha ou varias parroquias no rural) ábrennos a posibilidade de ver como se comportaron nestes comicios distintos perfís, en función da idade media ou da renda do espazo no que viven.

O PP tamén foi a forza máis votada nas zonas de menos idade media, pero a distancia co BNG reduciuse ata os 5,5 puntos (42,2% e 36,7%) fronte aos case 16 puntos de media no conxunto do país

Se dividimos as algo máis de dúas mil seccións censuais galegas en dez partes (cada unha formada por unhas 220) e as ordenamos en función da súa idade media, podemos trazar, por exemplo un perfil da Galicia máis nova, o 10% de seccións cunha idade media máis reducida, con valores que van dende os 32,9 aos 42,9 anos, espazos situados nalgúns barrios da Coruña (Novo Mesoiro) e Vigo (Navia), pero tamén en Salceda de Caselas, Ames (Bertamiráns), Santiago de Compostela, Pontevedra, Arteixo, Culleredo, Narón, Teo, Oroso, Ponteareas, Ribeira ou O Porriño.

O PP tamén foi a forza máis votada nestes barrios, pero a distancia co BNG reduciuse ata os 5,5 puntos (42,2% e 36,7%) fronte aos case 16 puntos de media no conxunto do país. No segundo e terceiro decil a diferenza entre PP e BNG comeza a alargarse, pero non pasa dos 9 puntos. 

Nos primeiros catro grupos de seccións a vitoria da esquerda é clara, con diferenzas de entre 4 e 6 puntos con respecto á suma de PP e VOX. A partir do sexto (é dicir, na metade) a dereita comeza a recibir máis votos.

Nas seccións de maior idade media, con valores por riba dos 55 anos. Neste espazo o PP achegouse ao 60% dos votos (58,88%), case triplicando os datos do BNG (20,96%)

O contraste témolo na Galicia máis vella, as seccións de maior idade media, con valores por riba dos 55 anos. Neste espazo o PP achegouse ao 60% dos votos (58,88%), case triplicando os datos do BNG (20,96%), que en todo caso seguiu a ser a segunda forza. 

Os datos amosan que o PP acada os seus mellores resultados nas seccións censuais máis envellecidas e o peores nas máis novas. Porén, cómpre destacar a fortaleza e transversalidade dos populares, que non baixan do 42% nin sequera no seu decil máis reducido.

Á inversa, o BNG mellora nos barrios de poboación máis nova e pasa do 33% nos catro primeiros decís. Porén, tamén nas zonas máis envellecidas acada unha porcentaxe de voto importante e só no 20% de seccións con maios idade media cae por debaixo do 28%.

O PP acada os seus mellores resultados nas seccións censuais máis envellecidas e o peores nas máis novas. Porén, cómpre destacar a fortaleza e transversalidade dos populares, que non baixan do 42%

Do resto de candidaturas hai pouco de dicir. O PSdeG mantense en valores moi homoxéneos, movéndose entre o 12% das seccións máis novas e o 15% das máis envellecidas. Tampouco hai grandes cambios en VOX, que se move entre o 2,34% das seccións máis novas e o 1,93% das máis envellecidas, polo que obtén mellores resultados nas zonas urrbanas de menor idade media, pero sen grandes diferenzas. Os datos de Sumar, tamén con valores moi reducidos en todas as áreas, si amosan unha diferenza importante entre as zonas máis novas (claramente por riba do 2%) e as máis envellecidas (por debaixo do 1%).

Nos barrios de maior renda o PP arrasa, superando o 49% dos votos e acadando unha diferenza de case 20 puntos co BNG (29,7%). No resto do país non hai grandes diferenzas, pero vemos como o PP acada mellores resultados (por riba do 50%) nas seccións con menor renda por habitante (nomeadamente rurais e envellecidas)

Outro factor que adoita ser moi relevante á hora de definir o voto é o da renda. Porén, en Galicia cómpre analizar estes indicadores con coidado, pois aínda que as seccións con máis renda si se localizan nun ámbito moi determinado (no centro das cidades e en determinados concellos residenciais das súas áreas metropolitanas), as áreas máis pobres distribúense entre algúns barrios populares das grandes cidade e as zonas rurais con poboación envellecida e con pensións baixas. 

Neste caso o gráfico é moi homoxéneo agás no primeiro decil: a Galicia máis rica. Nos barrios de maior renda (situados no centro da Coruña, Vigo, Compostela, Ourense, Pontevedra, pero tamén en Oleiros, Teo, Baiona ou Nigrán) o PP arrasa, superando o 49% dos votos e acadando unha diferenza de case 20 puntos co BNG (29,7%). 

No resto do país non hai grandes diferenzas, pero vemos como o PP acada mellores resultados (por riba do 50%) nas seccións con menor renda por habitante (nomeadamente rurais e envellecidas) e peores datos no segundo, terceiro e cuarto decil (nomeadamente barrios urbanos), pero sempre ao redor do 43%. Nestes espazos o BNG supera o 33%.

Quen se mobilizou? A mocidade? O electorado de máis idade? A esquerda? A dereita? Todos?

Os gráficos anteriores amosan igualmente que a participación electoral foi máis elevada -como é habitual- nas zonas de maior poder adquisitivo (case un 71%) e máis baixa nas de renda máis reducida (onde tamén se inclúen algúns barrios urbanos empobrecidos).

A participación foi máis elevada nas zonas máis envellecidas (por riba do 70%) e máis baixa nas de poboación máis nova (ao redor do 66%), pero neste caso as diferenzas foron moito máis pequenas que noutros comicios

A participación foi tamén máis elevada nas zonas máis envellecidas (por riba do 70%) e máis baixa nas de poboación máis nova (ao redor do 66%), pero neste caso as diferenzas foron moito máis pequenas que noutros comicios. Significa isto que a Galicia urbana e as novas xeracións se mobilizaron? Pois iso parece á vista deste datos e tamén dos indicadores de participación das grandes cidades, con incrementos de 12,6 puntos en Ourense, 11,5 puntos en Lugo e 9,5 puntos en Pontevedra.

Podémolo ver tamén no seguinte gráfico, que compara a evolución da participación en cada sección censual en relación ás eleccións de 2020 con distintas variables, entre elas a idade media da sección. Non hai grandes diferenzas, pero vemos que a participación aumentou máis nas zonas máis novas. Con todo, o propio gráfico amosa tamén que nas seccións máis envellecidas a participación incrementouse de forma notable, igualmente. 

Nas zonas nas que o BNG obtivera en 2020 un mellor resultado a participación disparouse, o que certifica a mobilización do voto nacionalista e tamén do voto das xeracións máis novas

Se cruzamos os datos de participación coas porcentaxes de voto que hai catro anos acadaran en cada lugar PP, BNG e PSdeG, vemos como nas zonas nas que o BNG obtivera xa un mellor resultado a participación se disparou, o que certifica a mobilización do voto nacionalista e tamén do voto das xeracións máis novas. 

Ao cruzar os datos do PP a liña forma un ángulo moi semellante ao que obtiñamos ao cruzar o dato de idade media, o que indica unha relación equivalente: as seccións máis envellecidas (que coinciden en gran medida co espazo que máis vota ao PP) mobilizáronse un pouco menos.

As zonas nas que PSdeG e GeC obtiveran un mellor resultado hai catro anos mobilizáronse moito menos, o que indica unha desmobilización deste electorado, que en parte non optou por repetir o voto a PSdeG (ou Sumar) pero tampouco foi para o BNG

Si atopamos unha relación moi clara ao cruzar os datos de voto do PSdeG en 2020 (e tamén de Galicia en Común, non incluído no gráfico). As zonas nas que estas forzas obtiveran un mellor resultado hai catro anos mobilizáronse moito menos (é dicir, a participación aumentou en menos medida), o que indica unha desmobilización deste electorado, que en parte non optou por repetir o voto a PSdeG (ou Sumar) pero tampouco foi para o BNG.

O seguinte gráfico constata, ao igual que os que viamos ao comezo desta información, que o BNG obtén os seus mellores resultados nas seccións máis novas. E que, en sentido inverso, o PP acada máis porcentaxe de voto nas seccións máis envellecidas. O voto ao PSdeG amosa a mesma tendencia que o do PP, pero moito menos acusada.

Finalmente, o cruce de datos entre a porcentaxe de voto obtida en cada sección polas distintas candidaturas en 2020 e o resultado acadado en 2024 pode indicar trasvase de voto entre unha e outra forza política. Con todo, tamén poden entrar en xogo outros factores, como a maior ou menor mobilización dun ou doutro electorado (votos que emerxen ou que desaparecen polo falecemento do electorado de maior idade ou polo seu paso á abstención).

O primeiro gráfico amosa a relación entre a evolución do voto ao BNG e ao PP en cada sección. Vemos como as seccións nas que o BNG sobe máis son aquelas nas que o PP perde unha maior porcentaxe. Pode iso engadir un tímido trasvase de voto do PP ao BNG? É dificil aseguralo, pois poden influír outros factores.

Si atopamos unha relación máis clara entre PP e PSdeG. Así, os lugares nos que o PSdeG baixa máis son as seccións nas que o PP mellora en maior medida o seu resultado. De novo, pode isto indicar trasvase de voto? Ou simplemente amosa unha desmobilización do electorado do PSdeG nestas zonas que -ante unha menor participación- maximiza o peso do PP?

Onde si hai unha relación evidente é entre os cambios de BNG e PSdeG. Os lugares onde máis cae o PSdeG son os espazos onde máis sobe o BNG (e viceversa). Os nacionalistas recibiron un gran número de votos que en 2020 foran para o PSdeG (e tamén para Galicia en Común) e onde non o fixeron (por exemplo a maior parte da provincia de Lugo) o seu crecemento foi menor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.