O BNG mellorou os resultados de 2020 nas sete cidades. O PSdeG-PSOE, pola súa banda, caeu en todas as urbes excepto en Lugo
O Partido Popular foi quen de manterse como forza máis votada nestas eleccións galegas malia baixar en seis das sete grandes cidades. O partido encabezado por Alfonso Rueda só conseguiu mellorar os resultados na cidade onde vota o seu candidato, Pontevedra.
A excepción foi Vigo, onde o BNG inverteu os resultados de 2020 logo de medrar 13 puntos. O BNG mellorou os resultados de 2020 nas sete cidades. O PSdeG-PSOE, pola súa banda, caeu en todas as cidades excepto en Lugo, lugar de orixe de Besteiro, onde conseguiu manter e mellorar lixeiramente os resultados de 2020. Para os socialistas foi especialmente avultada a caída en Vigo, de case 12 puntos; e en Ourense, onde Democracia Ourensana arrebatoulles o espazo, e caeron máis de 9 puntos.
Resultados por cidades
En Vigo o BNG conseguiu 56.820 votos, o que representa un 37% dos votos na cidade. É a única cidade onde o PP non foi a forza máis votada, malia que os populares tamén subiron en 2,7 puntos, con máis de 54.000 votos.
Na urbe onde Abel Caballero arrasa nas eleccións municipais, os socialistas recolleron só 30.700 votos, fronte aos 43.000 de 2020 (case 12 puntos menos) e representan o 20% do electorado. Todo, malia o esforzo do rexedor de Vigo por trasladar apoios do seus votantes para o candidato ás eleccións galegas.
Na Coruña o PP segue a ser a forza máis votada nas autonómicas, aínda que rexistrou unha leve baixa do 1,5%. O BNG, pola súa banda, acadou unha moi importante suba de case nove puntos e supera os 42.700 votos. Os socialistas, pola contra, baixan 3,5 puntos ata os 18.800 votos.
En Ourense a situación viuse alterada pola irrupción da candidatura de Democracia Ourensana para a Xunta, forza que xa goberna na cidade e que acadou exactamente 10.236 votos, o 17,8% do total. O grande damnificado das cifras de Jácome foi o PSdeG, cunha caída de nove puntos porcentuais e 6.900 votos, fronte aos 10.184 de 2020. Tamén o PP sufriu a entrada de Democracia Ourense, posto que, malia manterse como primeira forza, baixou 6,5 puntos porcentuais, con 22.500 votos.
Lugo foi a única cidade onde os socialistas non caeron en número de votos respecto a 2020 e conseguiron recoller 9.400, un 0,67% máis ca nas pasadas eleccións galegas. Con todo, o PSdeG foi a terceira forza nestes comicios por detrás de BNG, que sobe un 3% e acada 13.800 sufraxios; e PP, que se mantén cunha lixeira caída de 0,7% puntos.
En Pontevedra, a cidade de Alfonso Rueda, o PP conseguiu elevar algo os seus apoios e foi a forza máis votada, con 20.300 papeletas, que supoñen case o 45% do total e unha suba do 1,5%. Son salientables tamén as cifras do BNG –forza do goberno local- con 15.500 votos, e sete puntos de crecemento en apoios nestas eleccións galegas fronte ás anteriores de 2020. O PSdeG, pola súa banda, caeu máis de cinco puntos, con 6.200 votos acadados
En Santiago destaca a mellora dos resultados do BNG, cun incremento de oito puntos e máis de 20.000 votos, fronte aos 14.100 de 2020. Porén, o PP foi a forza máis votada cuns 25.700 sufraxios que representan o 45% do total, cunha baixada de case dous puntos.
Finalmente, en Ferrol tamén é rechamante a suba experimentada polo partido liderado por Ana Pontón, que creceu en nove puntos e acadou preto de 9.900 votos. O PSdeG , pola súa banda, caeu 4,4 puntos e non chega aos 5.000 votos fronte aos máis de 6.000 de hai catro anos. O PP, pola súa banda, mantivo cifras similares a 2020 e foi, outra vez, a forza máis votada no concello.