"Hoxe non acaba nada, estamos máis preparadas que nunca", asegurou Ana Pontón na súa primeira valoracións dos resultados electorais do BNG. 467.074 galegas e galegos colleron a papeleta do BNG nestes comicios do 18F, 155.734 máis que hai catro anos. Un fito histórico para a formación nacionalista, que supera o seu teito electoral e mantense como segunda forza política no Parlamento.
"Estes resultados indícannos que este país xa cambiou. Hai unha cidadanía mobilizada que non se resigna a ver como Galiza vai a menos mentres outros avanzan", defendeu a lider do Bloque, que incidiu en que "esta campaña cambiouno todo". No Hórreo haberá 25 deputadas e deputados do BNG, seis máis que na anterior lexislatura. O BNG acada o 31,57% dos votos (en 2020 logrou o 23,78%). Uns resultados que Pontón cualificou de "extraordinarios".
Pontón reivindicou que "o BNG non ten teito" e situou o obxectivo en "ensanchar" a base social de votantes
O voto do cambio concentrouse no BNG, pero cun PSdeG en caída libre –pasou de 14 a 9 deputados– as contas para un goberno progresista xa non daban co 70% escrutado. A continuación, con arredor do 80% do escrutinio, chegou o deputado número 25 para o Bloque, que automaticamente baixou outro para os socialistas. A celebración, neste caso, foi máis comedida. Consciente que de era necesario que aguantase o PSdeG, Ana Pontón destacou que "un país non se transforma dun día para o outro" .
Fronte a análises que dicían que a formación nacionalista chegara ao seu teito cos 19 deputados e deputadas de hai catro anos, Pontón reivindicou que "o BNG non ten teito" e situou o obxectivo en "ensanchar" a base social de votantes, recoñecendo que o partido xa é "transversal na defensa dos galegos e galegas".
"Sabemos que non dependía só de nós", advertiu Pontón
Nesta noite electoral, a alegría foi a protagonista ata que rematou o escrutinio no espazo nacionalista. Mais esa suba histórica non foi suficiente para que o cambio chegase á Xunta. A Nave de Vidán, desde onde a formación nacionalista adoita seguir os resultados electorais, encheuse de militantes e simpatizantes que festexaron cada escano para os seus como se acostuma celebrar os goles no fútbol. Cantos, risas e apertas que se mantiveron ata ben entrada a noite deste domingo.
"Sabemos que non dependía só de nós", advertiu Pontón a preguntas dos xornalistas, pero sostivo que "outras forzas terán que facer as súas análises". "Os galegos e galegas decidiron non ter cambio político", aseverou, mais engadiu que "a alternativa ao PP é o BNG".
Na noite electoral das pasadas eleccións galegas, na mesma sala da Nave de Vidán, Pontón afirmou que comezaban catro anos para chegar á presidencia da Xunta. Este domingo, preguntada por Praza.gal, ratificou a súa mensaxe: "Imos con máis forza e imos seguir traballando nesa dirección", asegurou.
Con todo, a campaña máis destacada do 18F foi a do BNG. Non cometeu erros e non variou as súas mensaxes. Logrou chegar ao segmento de poboación máis nova a través das redes sociais e coas pezas audiovisuais que foi compartindo nestas semanas, desde a parodia do autobús de Rueda ata o videoclip coa canción Fabricando Luz, de A Banda da Loba, e un último vídeo no que apelaban directamente ás emocións para situar a posibilidade do cambio político no imaxinario colectivo. Non foi posible, pero comeza unha nova lexislatura con Ana Pontón como líder da oposición en Galicia cun BNG reforzado como forza hexemónica da esquerda.
O BNG logra ser a forza máis votada en Vigo co 37% dos votos na cidade
"Sabemos que os grandes cambios non son fáciles, que hai que pelealos, pero hoxe temos máis forza", salientou Pontón, para lembrar que continuarán a defender un país cunha mellor sanidade pública, outro modelo enerxético, mellores coidados para os maiores e un futuro para a mocidade. "Este apoio valerá para facer un mellor e máis intenso labor de oposición", avanzou a líder nacionalista, que se lembrou dos seus pais, Aurita e Luís, e lles agradeceu desde a tribuna que lle transmitisen os seus valores.
Entre os resultados hai outro fito, e é que o BNG logra ser a forza máis votada en Vigo co 37% dos votos, por diante do PP e do PSdeG de Abel Caballero, que queda en terceiro lugar e perde máis do dez por centos dos votos a respecto das eleccións galegas de hai catro anos. Os nacionalistas tamén quedan por diante en Cangas do Morrazo, Moaña, O Grove, Redondela e Soutomaior na provincia de Pontevedra. Na da Coruña lideran en Corcubión, Fene e Mugardos; en Ourense, en Allariz e Verea; e non quedan como primeira forza en ningún concello da provincia de Lugo.