Nin Sumar, nin Vox, nin desde logo Podemos. Ningunha das formacións logrou entrar no Parlamento. Nin tan sequera se achegaron a un obxectivo que algunhas enquisas apuntaban como posible pero que quedou moi lonxe para todas elas.
Sumar, que no 23X superara os 178.000 votos en Galicia, quedou por baixo dos 28.000. "Son resultados malos sen paliativos", dixo Marta Lois
Sumar Galicia, que nas eleccións xerais do pasado 23 de xullo obtivera máis de 178.000 votos e máis do 11% de apoio no país, quedou (co 98% escrutado), con menos de 28.000 e un 1,9%. “Os resultados destas eleccións son malos sen paliativos. Agardabamos outros e non fomos quen de acadalos. Faltounos tempo e un proceso para ser quen de chegar a toda a sociedade galega e contar o noso proxecto”, expresou Marta Lois, candidata á presidencia da Xunta pola formación que lidera a galega Yolanda Díaz a nivel estatal.
Non evitou a "autocrítica" Lois que, no entanto, asegurou que Sumar Galicia é "un proxecto de futuro" e que seguirá "traballando para o cambio". A aspirante á Xunta advertiu dunha "campaña difícil" para unha formación nova e que, malia o importante apoio que apañara nas eleccións xerais, viu como nas autonómicas foi mesmo superada por Vox.
A formación de ultradereita segue sen callar en Galicia. Malia aumentar o seu apoio en 0,15 puntos e nuns 5.000 votos con respecto a 2020, o partido de extrema dereita —o cuarto por número de votos este 18F— quedou no 2,19% de apoio.
Podemos obtivo, segundo os datos de afiliación na consulta na que rachou con Sumar en Galicia, menos votos que persoas inscritas na formación
Moito peor aínda lle foi a Podemos. Logo de que as súas bases en Galicia rexeitasen o pasado mes de decembro nunha consulta, a formación morada era aínda máis consciente das súas enormes dificultades. Obtivo o 0,26% dos votos.
Quedou roldando os 3.800 e, atendendo aos datos que o propio partido facilitara naquela consulta, obtivo menos votos que persoas inscritas tiña a formación daquela, xa que superaban as 4.000. Podemos Galicia foi superada en arredor de 1.500 votos por PACMA (Partido Animalista co Medio Ambiente), que superou os 5.300 sufraxios.
Nin o apoio a última hora do ex-líder do partido Pablo Iglesias, que antes asegurara que a mellor opción era optar polo BNG, nin o das ex-ministras Ione Belarra e Irene Montero puido evitar un pésimo resultado para a formación —oitava formación política en Galicia— que acompaña tamén á decepción da outra pata (Sumar) dun espazo que, como Galicia en Común, superara os 51.000 votos en 2020 aínda que tamén quedara fóra do Parlamento.
Nunha declaración tras os resultados, a candidata da formación morada á presidencia, Isabel Faraldo, dixo que "o esforzo que fixo o electorado progresistas para concentrar o voto no BNG non foi suficiente". "Este, realmente e tristemente, é o gran fracaso", insistiu quen asegurou que a súa formación enfrontábase a un "escenario moi difícil". "Témolo claro, sen un Podemos forte, non hai cambio", concluíu.