Centos de persoas mobilízanse na Coruña e Santiago contra a condena ao fiscal xeral

Mobilización na praza do Obradoiro contra a condena ao fiscal xeral CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Centos de persoas mobilizáronse este domingo na Coruña e en Santiago contra a condena ao fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz. De maneira espontánea e a través do boca a boca e de convocatorias a través das redes sociais, o Obelisco coruñés e a Praza do Obradoiro compostelán amosaron a súa "indignación" ante un ditame —aínda sen sentenza difundida— que as persoas concentradas cualificaron como "inxusta". 

As concentracións, nas que se leron pancartas contra o "golpe de Estado de "xuíces fascistas máis PP e Vox", serviron mesmo para pedir a "dimisión" do Tribunal Supremo. Foron moitos centos —un milleiro de persoas na Coruña segundo algúns dos presentes— que berraron contra a decisión e clamaron pola "renovación do poder xudicial". 

Mobilización na praza do Obradoiro contra a condena ao fiscal xeral CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

"Álvaro, amigo, Santiago está contigo" ou "se é fascista, non é xustiza" foron algunhas das consignas que se escoitaron en concentracións onde acudiron algúns representantes políticos, como o secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, ou o secretario xeral do PSdeG en Santiago, Aitor Bouza. 

Cidadáns maniféstanse no Obelisco coruñés e no Obradoiro compostelán en apoio de Álvaro García Ortiz tras unha convocatoria difundida a través das redes sociais

Desde Sumar Galicia amosaron o seu apoio “a unha persoa inocente” e criticaron un PP que, din, “dirixe os xuíces, como nas ditaduras”.

O fiscal xeral, Álvaro García Ortiz, foi condenado a unha pena de inhabilitación de dous anos por revelación de segredos e terá que indemnizar con 10.000 euros ao mozo de Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidad de Madrid. 

O ditame acadouse co voto favorable de cinco dos sete xuíces do tribunal, e os votos particulares discrepantes de dúas, Ana María Ferrer García e Susana Polo García. Eses votos particulares obrigaron a cambiar o relator da sentenza, que finalmente foi o presidente da sala, Andrés Martínez Arrieta. 

A condena ao fiscal xeral por filtración de datos que varios medios xa tiñan previamente no seu poder chega cando González Amador aínda non foi xulgado por fraude fiscal. Un caso que o PP vén presentando como proba dunha suposta campaña de persecución por parte do Goberno de España. Porén, as malas relacións da actual dirección estatal do PP de Feijóo con García Ortiz hai que remontalas a hai anos. García Ortiz foi o fiscal delegado de medio ambiente en Galicia cando Feijóo era presidente da Xunta, época na que discreparon sobre a existencia dunha suposta trama de "terroristas incendiarios" nunca atopada. [Raíces galegas no aborrecemento ao fiscal xeral polo PP, que celebra a súa imputación]

Álvaro García Ortiz, nun acto público como fiscal xeral do Estado en decembro de 2024 © Fiscalía Xeral do Estado

García Ortiz, nacido en Salamanca en 1967, chegou a Galicia en 2002, a unha praza de fiscal en Santiago, e dous anos máis tarde pasaría a ser fiscal coordinador en materia de incendios en Galicia e, en 2007, fiscal delegado primeiro a nivel provincial e despois galego en materias de medio ambiente e urbanismo. Fíxose cargo de todo tipo de casos ambientais, pero dous sobresaen sobre os demais, os incendios e o Prestige, nos que as súas posturas e declaracións, unidas ao feito de formar parte da Unión Progresista de Fiscais, da que foi portavoz entre 2013 e 2017, fixéronlle ser obxecto de críticas máis ou menos públicas do PPdeG. 

En 2020 García Ortiz foi nomeado fiscal xefe da Secretaría Técnica da Fiscalía, ás ordes directas da daquela fiscal xeral do Estado, a ex-ministra socialista Dolores Delgado, á que substituíu en 2022 tras a súa dimisión por motivos de saúde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.