O popular asegura que vai "traballar para os que me votaron e para os que non" e salienta que "Galicia tamén enviou unha mensaxe a España"
O PP fixo unha mala campaña electoral, con erros propios non forzados polo resto de partidos. Así o admiten destacados estrategas da formación tanto en Galicia como en Madrid. Pero o resultado foi o mesmo, unha ampla maioría absoluta, desta volta con Alfonso Rueda como cabeza de cartel tras herdar hai menos de dous anos a presidencia da Xunta logo da marcha de Alberto Núñez Feijóo a Madrid.
No camiño os populares apenas deixaron dous escanos, na Coruña e Lugo, onde en 2020 obtiveran un resultado que eles mesmos consideraban excepcional -o último escano de Ourense obtéñeno por poucos votos, pero coa confianza en que o escrutinio da emigración o refrendará-. Máis alá dese lixeiro retroceso, o PP amosa unha fortaleza a proba de erros, candidatos e mesmo tendencias demoscópicas. 40 deputados fronte a 35 da oposición.
Na noite deste domingo, pouco despois do peche dos colexios electorais, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, xa comparecía ante os medios con cara de satisfacción para amosar a súa "confianza" en que o partido retería a maioría absoluta. Mesmo salientaba a súa satisfacción polo aumento da participación e aseguraba que "o PP é o partido que máis se parece a Galicia e o que máis traballa polo benestar dos galegos e das galegas".
Os membros do partido distribuídos polo territorio achegaban boas sensacións desde as mesas electorais. Os seus estaban a votar coma sempre. De feito, malia a caída en escanos e o moi lixeirísimo retroceso en porcentaxe de voto, mesmo obtiveron máis de 70.000 sufraxios máis en toda Galicia que hai catro anos.
"Galicia envioulle unha mensaxe a España tamén, que aquí non queremos chantaxes, nin facelos nin estar sometidos", dixo Rueda en clave estatal ao tempo que agradeceu o apoio de Feijóo
Tres horas máis tarde que a súa número 2, arredor das 23.30, quen compareceu foi Alfonso Rueda, no hotel Eurostars San Lázaro de Santiago no que o PP seguiu a noite electoral e que se foi ateigando de simpatizantes e altos cargos da Xunta. Rueda comezou dando as "grazas polo privilexio de ser o presidente, sereino de todos e todas sen excepción". Nesa liña, o popular asegurou que vai "traballar para os que me votaron e para os que non me votaron".
Rueda informou de que recibira chamadas telefónicas de felicitación de Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro. Tamén quixo dar as "grazas a Alberto Núñez Feijóo por todo o que fixo". E en clave estatal asegurou que "Galicia envioulle unha mensaxe a España tamén, a mensaxe de que aquí non queremos chantaxes, nin facelos nin estar sometidos".
Este luns será Feijóo quen volva a Galicia, á reunión da dirección do PPdeG, para facer ver que a vitoria ten varios pais.
Unha nova vitoria electoral na que o PP tampouco se viu afectado pola entrada no Parlamento de Galicia da Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome que os propios populares contribuíron a consolidar nesa cidade hai unha década. No post-baltarismo o PP seguiu a obter en toda a provincia máis da metade dos votos totais, uns 86.000, 3.000 máis que hai catro anos, mentres que os arredor de 15.000 que obtén o partido de Jácome parecen saír doutros lados e non dos populares.