Fin a 36 anos dos Baltar na Deputación de Ourense

Baltar fillo amosa o bastón de mando da Deputación de Ourense na súa última investidura como presidente en 2019 © Deputación de Ourense

José Manuel Baltar anuncia que non seguirá á fronte da institución provincial pero si do PP de Ourense

José Manuel Baltar Blanco non seguirá sendo presidente da Deputación de Ourense, cargo que herdou en 2012 do seu pai, José Luis Baltar Pumar, que accedera a el en 1990 pero que controlaba dende 1987 como vicepresidente e voceiro do goberno. Tras 36 anos de control da institución por parte da familia, Baltar fillo anunciou a primeira hora da tarde deste mércores que abandona a corporación provincial.

José Manuel Baltar e Alfonso Rueda nunha imaxe de arquivo © PPdeG

Segundo o comunicado difundido por Baltar fillo, "ante a inminente constitución das corporacións locais da provincia de Ourense, e como presidente do partido político que gañou as eleccións a nivel provincial, traballo para conformar gobernos populares solventes ao longo de todo o territorio". Nesa liña, di traballar tamén "para facilitar que a Deputación provincial teña un presidente ou presidenta do Partido Popular", cuestión que estaba en dúbida despois de que nas municipais do pasado 28 de maio os populares non fosen quen de lograr a maioría absoluta a nivel provincial. 

"Non é unha cuestión de nomes senón de siglas e de proxectos", di agora Baltar en liña co que lle viñan ditando desde a dirección galega do partido de Alfonso Rueda

Nese contexto, e con Baltar agardando por un xuízo penal por conducir un coche oficial a 215 quilómetros por hora, medraron as voces no interior do partido que apostaron por buscarlle unha saída.

Esa saída comunícaa agora o propio Baltar, sinalando que "a configuración das corporacións locais non é unha cuestión de nomes senón de siglas e de proxectos", en liña co que lle foi transmitindo a dirección galega de Alfonso Rueda.

Comunicado de Baltar no que anuncia a súa renuncia á Deputación de Ourense © PP de Ourense

Por iso, di, a súa decisión de deixar a política institucional pero manterse á fronte do partido: "Descarto formar parte da próxima corporación provincial. Non tomarei posesión da miña acta como concelleiro de Esgos. Este paso non diminúe, en absoluto, o meu compromiso por Ourense. Como presidente provincial do PPdeOU seguirei loitando coma sempre polo futuro desta provincia, co inminente reto de contribuír á chegada do ourensán Alberto Núñez Feijóo á presidencia de España”. 

Está por ver canto control sobre a provincia seguirá exercendo Baltar desde o partido ou a través dalgunha persoa interposta na institución provincial

O futuro de Baltar fóra da Deputación e á fronte do PP de Ourense está por verse, pero de momento non será no Congreso nin no Senado, xa que o seu nome non foi incluído nas listas do PP feitas públicas na súa totalidade este mesmo mércores.

A decisión de Baltar de facerse a un lado na Deputación pero seguir á fronte do partido prodúcese a tres días de que o sábado se constitúan as corporacións municipais e se elixan alcaldes e alcaldesas. Con Gonzalo Pérez Jácome como candidato máis votado na cidade e co PP sen maioría absoluta a nivel provincial, o rexedor ourensán, con representación tamén na Deputación, tiña a chave para o futuro desa institución e estaba a falar a dúas bandas tanto con populares como con socialistas para decidir a quen entregaría a presidencia, como fixo hai catro anos con Baltar. Este mesmo mércores, para tentar manterse nas ecuacións, o candidato popular á alcaldía da cidade, Manuel Cabezas, ofreceu a posibilidade dun goberno bipartito a PSdeG e BNG. 

Feijóo, con José Luis Baltar e outros cargos nun magosto do PP de Ourense en 2008 CC-BY-SA PPdeG

Ao tempo, as mensaxes emitidas desde Santiago deixaban no aire a continuidade de Baltar na Deputación se iso implicaba un acordo do resto de partidos contra o PP. Hai dúas semanas o propio Rueda evitaba confirmar a Baltar como candidato á presidencia provincial e presentábao como "concelleiro de Esgos, nada máis". E o pasado venres a súa número 2, Paula Prado, aseguraba que tamén en Ourense "primeiro son os proxectos e despois as persoas".

Así que finalmente é con Rueda á fronte do PPdeG cando os Baltar sofren a súa primeira gran derrota, aínda que parcial. Cando Baltar pai organizou a súa sucesión á fronte do partido en Ourense en 2010 Feijóo non foi quen de evitala cun candidato alternativo e desde aquela optou pola convivencia. 

Agora, con Rueda á fronte, Baltar fillo vese obrigado a deixar a Deputación pero non o partido, polo que está por ver canto control sobre a provincia seguirá exercendo desde o PP de Ourense ou a través dalgunha persoa interposta na institución provincial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.