Todas as opcións de Ourense: de Jácome no Concello á posible fin do baltarismo

Jácome e Baltar, nunha comparecencia conxunta ante a prensa na Casa do Concello de Ourense en febreiro de 2020 © Deputación de Ourense

"Está todo demasiado tranquilo estes días", escribía o pasado luns en Twitter o alcalde en funcións de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, candidato á reelección por Democracia Ourensana na constitución da corporación municipal do vindeiro día 17, sesión na que, a priori, é o aspirante con máis posibilidades de erguer o bastón de mando na súa condición de cabeza da lista máis votada o pasado 28M, elección que só podería frustrar un exótico pacto no que concentrasen os seus votos PP, PSdeG e BNG.

Jácome non precisa máis votos que os seus 10 para recuncar na alcaldía. Abóndalle con que ningún outro candidato sume 14 para unha maioría absoluta alternativa que requiriría dun exótico pacto entre PP, PSdeG e BNG

O labirinto ourensán deu nestas eleccións a enésima reviravolta. Tras unha campaña de enorme ruído marcada polo presunto delito contra a seguridade viaria de José Manuel Baltar ao conducir o coche oficial a 215 por hora -aínda pendente de xuízo- e pola publicación en La Región de gravacións de conversas do alcalde que, acusaba o xornal, acreditaban diversas condutas irregulares, Jácome gañou trece puntos que lle valeron 3 edís ata chegar aos 10. Ao tempo, o PP volvía quedar ao bordo da maioría absoluta na Deputación: 12 escanos fronte a 7 do PSdeG, 3 do BNG e outros 3 de DO.

Hai catro anos o labirinto desfíxose pola vía dos bipartitos da necesidade mutua entre PP e DO. O partido de Jácome puxo os dous escanos que tiña daquela na Deputación ao servizo da investidura de Baltar a cambio de que os 7 edís populares no Concello sumasen os seus votos aos 7 de DO para elixir como alcalde a Jácome, na altura líder da terceira forza. Pero agora Jácome non precisa máis votos a prol que os seus 10 para recuncar na alcaldía: abóndalle con que ningún outro candidato obteña a maioría absoluta do pleno (14) e é neste punto no que se abre a posibilidade dun inédito escenario: a fin do baltarismo na Deputación.

Na primeira xuntanza entre PSdeG e BNG para pactaren nos concellos onde é posible non houbo acordos pechados sobre Ourense, pero a cuestión si sobrevoou a xuntanza: unha alianza contra Jácome no Concello é practicamente inverosímil, pero non o é tanto pensar en desbancar a Baltar na Deputación

Foron moitas as especulacións na campaña que apuntaban a un suposto acordo tácito entre os candidatos de PP e PSdeG, os ex-alcaldes Manuel Cabezas e Francisco Rodríguez, para propiciaren que fose rexedor tras o 28M o que acadase máis votos, xa fose mediante unha abstención ou coa suma de edís socialistas e populares. Pero ese eventual pacto, nunca oficializado, requiriría que PP ou PSdeG fosen os máis votados ou, no seu defecto, que xuntos chegasen a 14 edís. E non sucedeu nin unha cousa nin a outra, o cal provoca que serían imprescindibles os 4 votos do BNG para unha virtual investidura do líder do segundo grupo con máis edís tras DO: o PP.

O ex-alcalde Cabezas amagou cunha rolda de contactos para tentar ser investido mentres, case ao mesmo tempo, comezaban os contactos entre as direccións galegas de PSdeG e BNG para xuntaren votos nas investiduras alí onde teñan dabondo para propiciar gobernos de esquerdas. Ambas partes responderon á prensa que a cuestión ourensá aínda non fora abordada nesa primeira toma de contacto. 

Actos electorais de PSdeG e BNG en Ourense durante a campaña do 28M CC-BY-NC-SA PSdeG | BNG

Non obstante, fontes consultadas por Praza.gal confirman que Ourense si sobrevoou a reunión. Sen pacto pechado ningún pero cunha convicción: unha alianza tripartita contra Jácome no Concello é practicamente inverosímil. Pero non o é tanto pensar na posibilidade de desbancar o PP e a Baltar na Deputación. Só sería preciso que os tres deputados de Jácome votasen para a presidencia a quen propoñan conxuntamente socialistas e nacionalistas. Da lista de candidatables xa caería, a priori, o ata agora voceiro socialista na Deputación e secretario provincial do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino, dificilmente aceptable para Jácome pero agora camiño do Senado nas candidaturas do PSOE para as xerais do 23X.

Jácome chegaría á constitución da Deputación xa reelixido como alcalde se non se conforma na súa contra unha operación que requiriría de PSdeG e BNG. Nese punto só lle restaría elixir entre soster a Baltar a cambio de nada ou figurar nun lugar principal na nómina de dirixentes que logran interromper a dinastía que domina a provincia dende hai tres décadas

Isto sucedería na sesión de constitución da corporación provincial, que se celebra despois da investidura no Concello. Polo tanto, Jácome xa chegaría reelixido como alcalde se non hai unha operación na súa contra que só se activará se PSdeG e BNG participan activamente nela. E a DO só lle quedaría elixir entre un PP ao que non precisa ou a opción de socialistas e nacionalistas, que nese caso xa terían acreditado que non participaron nun pacto contra natura para arrebatarlle a alcaldía a Jácome. Unha caste de pacto pasivo.

Soster a Baltar a cambio -a priori- de nada ou figurar nun lugar principal na nómina de dirixentes que logran interromper a dinastía que domina politicamente a provincia dende hai máis de tres décadas. Ese será, chegado o caso, o dilema que terá Jácome ante si nun panorama no que entra en xogo tamén un factor máis: os tirapuxas internos no propio PP.

Unha condena a Baltar polos seus excesos ao volante do coche oficial complicaríalle aínda máis un futuro político no que non conta necesariamente co aval da dirección central do partido, agora encabezada por Alberto Núñez Feijóo. E, atendendo ás súas declaración recentes, tampouco coa adhesión inquebrantable dun Alfonso Rueda que, paradoxalmente, tería máis lonxe aspirar a revalidar a Xunta para o PP se non conta coa maquinaria ourensá do partido a pleno rendemento. Pero Galicia e o seu Goberno quédanlle agora a Feijóo bastante máis lonxe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.