Maioría absoluta ou forza máis votada: as dúas vías para lograr a alcaldía tras o 28M

Vista parcial da Casa do Concello de Ourense e do esquema de elección das alcaldías CC-BY-SA Foto: Oscariño | Montaxe: Praza.gal
Publicidade
Publicidade

Tras as últimas eleccións municipais, só nun dos sete concellos máis poboados de Galicia, o de Vigo, o electorado outorgou a maioría absoluta nas urnas a unha das candidaturas que concorrían. Nos seis restantes, como en moitos outros de menor poboación, foron precisos pactos entre formacións políticas para elixir alcalde ou alcaldesa.

A diferenza do que acontece nalgúns parlamentos, nos concellos non abonda con que a candidatura á alcaldía obteña máis votos a prol que en contra

Mentres foi legal publicalos, os inquéritos relativos a Galicia para este 28M apuntaban tamén a escenarios nos que en boa parte dos concellos ningunha candidatura logrará nas urnas máis da metade dos edís que conforman a corporación municipal que corresponda. Por iso volve ter especial importancia o mecanismo para conformar os gobernos despois dos comicios, xa que oxogo de maiorías non funciona de xeito idéntico aos que operan, por exemplo, no Parlamento galego ou no Congreso dos Deputados.

Esquema do sistema de elección das alcaldías tras o 28M CC-BY-SA Praza.gal | Townhall by Andrea Candarelli / Noun Project | People by Wilson Joseph / Noun Project | President by Luis Prado / Noun Project

Nas sesións de constitución das novas corporacións municipais, previstas para o vindeiro 17 de xuño -vinte días despois das eleccións- ou para o 8 de xullo -corenta días- no caso dos municipios nos que haxa recursos contra os resultados, calquera das forzas con representación na corporación pode presentar á alcaldía á persoa que concorrese aos comicios como cabeza de lista. Quen aspire ao bastón de mando ten dúas vías legais para logralo.

Publicidade
Publicidade

Tal e como establece a lei electoral, se a persoa proposta como candidata obtén a maioría absoluta do pleno -cando menos un edil por riba da metade do total- obtén a alcaldía. A diferenza a respecto do que sucede nalgúns parlamentos, nos concellos non abonda con obter máis votos a prol que en contra. É imprescindible lograr o apoio de, cando menos, a metade máis un dos edís da corporación para lograr a investidura por esta vía.

Sobres de votación das eleccións municipais CC-BY-NC-SA Praza.gal

Se a maioría absoluta non existe a lei prevé outra posibilidade: proclamarase alcalde ou alcaldesa á persoa que encabezase a lista máis votada o día das eleccións. Deste xeito, nun contexto sen maiorías absolutas os pactos postelectorais entre forzas políticas teñen, necesariamente, que sumar maioría absoluta se entre as forzas coligadas non está a máis votada. En caso contrario, o sistema prima ter a primeira posición nas urnas e outorga automaticamente a quen encabezase esa candidatura.  

Publicidade
Publicidade

Se non existe candidatura á alcaldía que logre maioría absoluta, o posto é para a persoa que encabezase a lista máis votada nas eleccións

No caso das cidades galegas, por exemplo, a tradución a escanos para lograr á alcaldía é de 14 ou 13. Na Coruña, Vigo e Ourense, onde pola súa poboación son elixidos 27 concelleiros e concelleiras, unha forza política só pode obter a alcaldía en solitario se ten como mínimo 14 edís ou, no caso de ter menos, se é a máis votada e as eventuais alianzas alternativas suman menos de 14. 

En Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol, corporacións de 25 edís, logrará a alcaldía a candidatura que, co apoio dunha ou varias forzas políticas, consiga un mínimo de 13 votos favorables. Se non, o bastón de mando é para a persoa que encabece a lista máis votada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.