Na presentación do seu programa electoral para as eleccións municipais do 28M e tamén no inicio da campaña do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores referiuse dun xeito pouco habitual ao labor desenvolvido polos sucesivos gobernos locais que leva presidindo nos últimos vinte e catro anos: "O traballo feito xa é pasado, xa forma parte da historia da cidade". "Creo que brillante e orgullosa" e "punto de partida para traballar nesta nova etapa", engadiu.
O marco do debate do 28M en Pontevedra é continuar ou mudar o modelo urbano implantado polo BNG dende 1999 mentres Lores advirte: "O traballo feito é pasado" e un "punto de partida da nova etapa"
O alcalde pontevedrés afronta a súa sexta campaña consecutiva dende a alcaldía e a décima dende que encabezou o BNG na cidade por primeira vez. Daquela é probable que poucas opcións políticas puidesen semellar máis afastadas do que é ser "de Pontevedra de toda a vida" (PTV) como un goberno do Bloque. Actualmente, máis de dúas décadas despois, o que é "de Pontevedra de toda a vida" é o modelo urbano do BNG de Lores e por iso o marco do debate municipal na cidade non é outro que continualo ou mudalo.
Este pano de fondo é clave para entender que o primeiro candidato en falar de "abrir unha nova etapa" en Pontevedra non fose outro que quen aspira a erguer o bastón de mando por sétima vez consecutiva. Lores afirma sentirse no seu mellor momento político e persoal e por iso, afirma, a súa candidatura "fala de futuro". Concretamente, dun "proxecto a oito ou dez anos vista" baseado no devandito modelo urbano con "prioridade absoluta para as persoas" porque "ningunha vida pública se desenvolve entre automóbiles", consigna no seu programa electoral
"Ver a pleno rendemento" o recuperado convento de Santa Clara ou o "proxecto Moureira" para "recuperar a fachada marítima e fluvial" destacan no programa do Bloque para un goberno local dende o que apostan por seguir pulando pola saída de Ence
Catro anos despois de roldar o 40% dos votos e sumar os 11 edís do BNG aos 4 do PSdeG para conformar un goberno con folgada maioría absoluta no pleno, Lores di propoñerse que "Pontevedra sexa referente mundial en cada vez máis ámbitos". "Xa o somos en modelo urbano, na mobilidade, na posta en valor do monte", mantén, e agora "temos que conseguilo noutros eidos", di, dende "ver a pleno rendemento" o recuperado Convento de Santa Clara -como parte do Museo de Pontevedra, erixido á súa vez en Museo Nacional de Galicia- ou a Xunqueira de Alba ata "recuperar a ría" con plans como o "proxecto Moureira" para "recuperar a fachada marítima e fluvial".
Falar da ría segue sendo, inevitablemente, tamén falar de Ence. Porque Ence é, outra volta, materia de debate electoral mesmo despois de que o Supremo emendase a sentenza da Audiencia Nacional que anulaba a prórroga concedida á celulosa polo Goberno do PP de Rajoy en funcións no ano 2016. O goberno local que o BNG de Lores aspira a revalidar ten xa traballando un equipo xurídico para tentar reverter a decisión sen perder de vista as ordes que chegan da Unión Europea e que indican que prórrogas como a concedida a Ence non son legais no contexto comunitario por mor dunha directiva vixente dende 2006.
Un presidente da Xunta de Pontevedra
Atendendo ás enquisas publicadas ata o momento, Lores estaría en condicións de aplicar estas medidas dende a alcaldía no mandato 19-23. Se cadra por iso, polos inquéritos, principiou a campaña cun "aviso a navegantes". "Hai perigo real de volta atrás", dixo, porque "todas as outras forzas políticas, dunha maneira ou doutra, están en contra do modelo Pontevedra". E por iso reclama o apoio de "todas aquelas persoas que lle queren a Pontevedra".
Rueda e o seu candidato en Pontevedra, Rafael Domínguez, defenden que "toca cambio" e remudar a Lores por "alguén que teña ganas e ideas" e "queira abrir a cidade". Se logra unha "gran maioría", promete, comezará por abrir ao tráfico unha rúa recentemente peonalizada
O aspirante á reelección sitúa á cabeza de quen pretende a "volta atrás" ao candidato do PP, Rafael Domínguez, cabeza de cartel dos conservadores por segunda vez despois de que en 2019 collera o testemuño de Jacobo Moreira, que á súa vez substituíra en 2015 a Telmo Martín, quen en 2007 e 2011 tentara sen éxito o salto á alcaldía de Pontevedra tras deixar a de Sanxenxo, onde acabou retornando. Domínguez non o logrou no primeiro intento hai catro anos, cando o presidente do PP na provincia era Alfonso Rueda, agora presidente da Xunta e dos populares galegos tras a dimisión de Alberto Núñez Feijóo para encabezar o partido a nivel estatal.
Domínguez, como Rueda ou Rajoy, representarían dalgún xeito esoutra Pontevedra de toda a vida. A que, na súa representación partidaria, pasou de combater frontalmente as políticas de Lores a afirmar que no pasado foron boas, pero no presente están esgotadas. Defende Rueda que "en Pontevedra toca cambio" e "alguén que teña ganas e ideas" e "saiba escoitar", que "queira volver abrir a cidade" e "saiba explotar todas as posibilidades que ofrece". E ese só pode ser Domínguez, coida.
Domínguez, pola súa banda, di aspirar a unha "gran maioría" na cidade. Se erguese o bastón de mando, promete, a súa primeira medida sería suspender a peonalización da rúa raíña Victoria, concretada neste mandato polo goberno local, e reabrila ao tráfico de vehículos privados. O BNG local inclúe no seu programa "reforzar o seu carácter peonil" con actuacións na contorna que axuden a "suprimir tráficos de paso".
O concelleiro Iván Puentes, novo candidato do PSdeG, manifesta "orgullo da xestión dos últimos vinte e catro anos" nas coalicións co BNG, pero asegura ser garantía de "novas metas" para que a cidade non quede "adormecida"
Mentres que tanto o alcalde Lores como o aspirante Domínguez recuncan á fronte de BNG e PP, pola banda do PSdeG houbo remuda no cartel electoral. Iván Puentes, actual edil de Medio Ambiente, substitúe como candidato a Tino Fernández, neste mandato tenente da Alcaldía e concelleiro de Educación e Deportes. Puentes, que fora alcalde de Fene, asegura sentir "orgullo da xestión dos últimos vinte e catro anos" realizada polas sucesivas representacións socialistas nos gobernos encabezados por Lores, se ben asegura percibir o risco de que a cidade "quede adormecida".
Puentes coida que el pode ser o contrapunto a un alcalde a quen sitúa "nunha utopía onde todo está perfecto" pero que carece de "novas metas". Pero a alternativa a Lores, defende, non pode ser un PP que se limita a lanzar "toda descualificación posible contra as dúas forzas políticas do Goberno". Cun PSdeG con maior fortaleza na corporación e no goberno, defende, Pontevedra tamén pode ser "capital na creación de emprego e na actidade económica". Todo, asegura nas "primeiras eleccións abertas en moito tempo" na cidade.
BNG, PP e PSdeG son integrantes seguros dunha corporación pontevedresa 23-27 na que tamén aspiran a estar outra media ducia de formacións políticas. Unha delas é Ciudadanos, que hai catro anos logrou un único edil ao que expulsou en 2020 por votar a prol do orzamentos do goberno municipal de BNG e PSdeG, co que previamente pactara emendas como dotar de desfibriladores diversos espazos municipais. O espazo que noutrora lograra a Marea de Pontevedra aspira agora a ocupalo Podemos. Aos comicios tamén concorren a nova formación Pontevedra Alternativa, Espazo Común, PACMA e a extrema dereita de Vox.