"A recuperación da ría é unha cousa moi seria". Esa á razón, explica o alcalde de Pontevedra, pola que o Concello vén de decidir a contratación dun despacho de avogacía especializado en grandes litixios e inzado de xuristas de recoñecidas traxectorias para abordar os recursos cos que o goberno local tentará reverter o aval do Tribunal Supremo á continuidade de Ence na ría ata 2073. Á fronte do equipo estará Francisco Caamaño, catedrático de Dereito Constitucional que foi ministro de Xustiza co PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero e tivo varios cargos no PSdeG, entre eles o de deputado.
O Concello de Pontevedra recorrerá o aval do Supremo á permanencia da pasteira cun incidente de nulidade e en amparo perante o Tribunal Constitucional
Despois de que o TS tombase as sentenzas da Audiencia Nacional que anularan a prórroga de Ence, concedida polo Goberno do PP Mariano Rajoy en funcións no ano 2016, o Concello de Pontevedra, lembra Miguel Anxo Fernández Lores, marcouse o obxectivo de "seguir loitado por recuperar a ría por todas as vías posibles". E neste punto, di, "os servizos xurídicos municipais recomendaron a contratación" de CCS Abogados, despacho con sedes na Coruña, Vigo e Madrid.
Caamaño, un dos membros do equipo de avogacía de CCS, será o encargado de coordinar o equipo xurídico encargado de recorrer en dúas instancias no nome do Concello de Pontevedra. Por unha banda, un incidente de nulidade no propio Tribunal Supremo, xa anunciado en días pasados e baseado en que nin Audiencia nin TS atenderon todos os argumentos xurídicos esgrimidos polo goberno local. Pola outra, revela Lores, un recurso de amparo perante o Tribunal Constitucional.
"Está en xogo a viabilidade da lei de costas", defende o alcalde pontevedrés, que reitera a súa intención de "seguir loitando por recuperar a ría por todas as vías posibles"
Xunto a Caamaño, no equipo que defenderá a postura pontevedresa encádrase tamén Ángel Juanes, que fora presidente da Audiencia Nacional e vicepresidente do Supremo. Xunto a eles, a profesora de Dereito Administrativo da UDC Almudena Fernández Carballal; e os letrados Ángel Judel e David Rodríguez, ambos asociados sénior de CCS.
Indica Lores que o custo desta contratación será de 8.500 euros para o incidente de nulidade e doutros 18.000 para o recurso no Constitucional, ambas cantidades máis o correspondente IVE. "Parécennos -sinala o rexedor- prezos axeitados para este tipo de cuestións", máis tendo en conta que "non é a primeira vez que o Concello recorre" a asesorías externas deste tipo para "abordar cuestións específicas que requiren certa experiencia".
O equipo coordinado por Caamaño, explica Lores, "aceptou o encargo" e "considera que é un reto" un proceso xudicial no que "dedicarán todos os esforzos". "Está en xogo a viabilidade da lei de costas e acolle o proceso con interese e con gañas de conseguir levar o gato á auga", ilustra. No caso do Constitucional, o recurso do Concello engadirase ao xa anunciado por Greenpeace, que tamén recorrera a prórroga na Audiencia Nacional.