Cando Rajoy mudou a lei para prorrogar concesións e Feijóo prometía a retirada da fábrica, a Xunta dicía que o seu papel sería “determinante”, e cando o PPdeG mudou de postura pasou a ser un trámite “non vinculante”, pero agora o Supremo di que foi clave
A sentenza feita pública este mércores coa que o Tribunal Supremo avala a prórroga da concesión de Ence na ría de Pontevedra ata 2073 di que esa decisión que tomou en 2016 o Goberno en funcións de Rajoy foi legal porque así o permitía a “confusa” reforma da Lei de Costas impulsada por el mesmo en 2013. Esa norma, di o Supremo, condicionaba a prórroga “ao outorgamento dun informe favorable (noutro caso ha de motivarse) do órgano ambiental da Comunidade Autónoma, no que se determinen os efectos que a ocupación ten para o medio ambiente”.
Ese informe foi emitido pola Xunta o 10 de novembro de 2015, pero o Goberno galego foi variando ao longo dos anos as súas declaracións públicas sobre a súa relevancia e polo tanto o papel que el mesmo tería na prórroga da concesión, finalmente decisivo.
Ata xusto antes das eleccións municipais de 2015 o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterara a súa “decisión persoal” de trasladar a fábrica de Ence fóra da ría a outro punto da comarca de Pontevedra. Así o reflectira por escrito nos seus programas electorais para os comicios galegos de 2009 e 2012, e así o reiteraba el mesmo ao asegurar que a concesión de Ence remataría en 2018.
En 2013, tras a reforma da Lei de Costas, a Xunta salientaba que o novo texto deixaba en mans das autonomías a emisión dun "informe determinante" para prorrogar ou non as concesións
Pero en 2013 o Goberno de Rajoy impulsou unha reforma da Lei de Costas, cualificada agora como “confusa” polo Supremo, para permitir a prórroga de concesións. Naquel momento, ante as críticas e sospeitas de que a mudanza permitiría a prórroga de Ence, a postura da Xunta, en teoría defensora da súa marcha, consistiu en minimizar o impacto que tería a reforma legal sobre o caso pontevedrés.
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio da Xunta, Encarnación Rivas, chegou a dicir en marzo de 2013 no Parlamento, e así o divulgou o propio Goberno galego, que coa reforma legal non habería “ningunha prórroga automática para as ocupacións industriais no litoral, como é o caso de Ence, cuxa concesión rematará en 2018”. Segundo dicía, “a lei define claramente que serán as comunidades autónomas, no caso de Ence a comunidade galega, as que deberán emitir un informe determinante”. Isto é, a Xunta atribuíase un papel clave na prórroga, e daquela o que defendía era a súa retirada, polo que non había que preocuparse pola reforma legal de Rajoy.
Pero a partir de 2015, co cambio de postura de Feijóo, que pasou a considerar inviable o traslado da fábrica que antes el mesmo prometera, o argumentario da Xunta mudou. Tras emitir o 10 de novembro dese ano o informe previsto pola lei e demandado polo Goberno de España no marco do expediente da prórroga solicitada pola empresa, a daquela conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, minimizou no Parlamento a relevancia de dito documento, que pasou a ser un “trámite” que cualificou como “determinante, pero non vinculante” xa que ao seu ver a decisión correspondía en exclusiva ao Estado.
En 2015, tras emitir o seu informe, a conselleira de Medio Ambiente dicía que non era "nin positivo nin negativo, nin favorable ou desfavorable", pero agora o Supremo di que ese informe favorable foi condición para a prórroga
Segundo dixo Mato, o informe da Xunta “limítase a criterios técnicos e a determinar que a actividade da factoría se axusta á autorización ambiental integrada outorgada pola Xunta en 2008”. Nese documento, dixo a daquela conselleira de Medio Ambiente, constatouse que a fábrica cumpría os parámetros de límites contaminantes que se lle fixaran pero “non se emiten, en ningún caso, opinións sobre o futuro de Ence, non se amosa un informe nin positivo nin negativo, nin se recolle un criterio favorable ou desfavorable”.
O que agora di o Supremo é que a reforma legal de 2013 estableceu que as concesións anteriores “poderán ser prorrogadas”, “é dicir, á administración confíreselle unha potestade discrecional”, non automática. E dentro dese proceso, di o tribunal, está “a limitación de que tales prórrogas están condicionadas ao outorgamento” do informe favorable por parte da Xunta. Fronte ás palabras de mato de que o documento non recollía “un criterio favorable ou desfavorable”, o Supremo di que si era un informe favorable.
E fronte a afirmación da daquela conselleira de que o documento se limitaba a constatar se a empresa cumpría coa autorización ambiental integrada outorgada pola Xunta en 2008, o Supremo lembra que o Goberno galego tamén tiña a competencia de revisar esa autorización. Mesmo vai máis alá e di que o informe da Xunta condicionaba a prórroga a que “o título concesional terá que recoller como condición a obriga de que a instalación industrial cumpra en todo momento co disposto” na súa autorización ambiental integrada vixente naquel momento “así como nas condicións que se estableza nas actualizacións ou modificacións que a mesma puidera sufrir nun futuro”.
Isto é, a actuación da Xunta, como ela mesma dicía ata 2015, cando aínda defendía a retirada da fábrica, foi clave para que Ence siga na ría de Pontevedra ata 2073.