Feijóo súmase á permanencia de ENCE na ría tras proclamar a súa "decisión persoal" de trasladala

Referencias ao traslado de ENCE nos programas do PP en 2009 (esquerda) e 2012 CC-BY-SA Praza Pública

A fin da permanencia de ENCE na ría de Pontevedra foi unha das grandes bandeiras da oposición política e social ao Goberno de Manuel Fraga. Accións parlamentarias, mobilizacións cidadáns e unha multitude de iniciativas esixiron nos últimos anos do fraguismo que a factoría instalada neste enclave natural en pleno desarrollismo franquista marchase a un lugar máis axeitado, esixencia que o Concello pontevedrés secundou tamén dende 1999, cando os populares perderon o seu goberno. Tras o seu paso á oposición en Galicia o PP mudou de rumbo e, xa con Alberto Núñez Feijóo á fronte, amosouse disposto ao traslado de ENCE, reclamando unha fórmula para que puidese instalarse noutro punto da mesma comarca, para garantir así o emprego. Esta posición mantívose, cando menos publicamente, ata esta precampaña municipal, cando os conservadores consumaron unha nova viraxe ratificada este mércores no Parlamento polo propio Feijóo.

Non foron poucas as promesas dos populares galegos a respecto do traslado da pasteira. Así, na páxina 76 do programa económico co que Feijóo gañou os comicios de 2009 o PPdeG aseguraba ter "claro" que ía "recuperar para o desfrute dos cidadáns" a "fachada marítima da marxe esquerda da ría de Pontevedra". Isto incluía a súa rexeneración ambiental e "garantir que o traslado de ENCE se faga dentro da comarca de Pontevedra", sempre "consultando cos cidadáns" e con "plena transparencia".

O PP prometeu o traslado nos seus programas de 2009 e 2012 e Feijóo asegurou que "non cabe a posibilidade de manter ENCE na ría" dous meses despois de ser elixido presidente

Dous meses despois de converterse en presidente, en xuño do mesmo ano, o líder popular aproveitaba unha visita á cidade para proclamar que "non cabe a posibilidade de manter ENCE na ría". "Non imos dicir unha cousa e facer a contraria", aseguraba, nun contexto no que garantía que o traslado da fábrica era "unha decisión persoal" de seu, pero tamén unha "vontade clara" do novo Goberno. Na mesma liña, en 2010 a Xunta aseguraba "valorar" a "boa disposición" da dirección da empresa para "buscar unha alternativa fóra da ría" e en maio de 2012 o daquela conselleiro de Medio Ambiente e actual alcalde de Santiago, Agustín Hernández, aseguraba no Parlamento que ENCE "deberá abandonar" o seu emprazamento "no horizonte de 2018", cando lle remata a concesión

Nesa primeira lexislatura non se produciron avances significativos e, cando en 2012 chegou unha nova campaña electoral, a promesa reproduciuse no programa do PP. Na páxina 197 do novo documento os aspirante á reelección de Feijóo sinalaban que "na procura de facer compatible a actividade produtiva coa calidade ambiental, continuarase a política adoptada en relación coa situación da empresa ENCE na ría de Pontevedra". "O PPdeG mantén a súa aposta para que ENCE abandone o seu actual emprazamento, considerando irrenunciable a continuación da súa actividade no contorno da comarca de Pontevedra", prometían mentres o propio PP, dende o Goberno central, abría a porta a que o traslado non se producise coa súa reforma da lei de costas.

O cambio de postura pública

As promesas rotundas foron, aos poucos, mudando en ambigüidade e, así, en 2013 o propio Feijóo comezou a reclamar "xestos" da empresa para facilitar a continuidade". Onde non houbo ambigüidade foi na intervención do candidato do PP á alcaldía pontevedresa, Jacobo Moreira, que a finais de marzo apoiou abertamente a permanencia da factoría axitando a necesidade de manter os postos de traballo e apelando á "responsabilidade". O anuncio valeulle o aplauso dunha parte do empresariado local e o rexeitamento do goberno local e de movementos sociais como a asociación pola defensa da ría.

"Queremos falar do futuro de ENCE e vostedes queren pechar a industria forestal para botarlle a culpa á Xunta", espetoulle Feijóo ao BNG

Un argumentario semellante ao de Moreira foi o despregado este mércores por Feijóo. O voceiro do BNG, Francisco Jorquera, cuestionábao a respecto do "estancamento" da economía galega no "fondo do pozo" da crise e instábao a responder polas preocupantes cifras de crecemento do PIB, produción industrial e desemprego. "Como lle preocupa a industria e a min tamén sería bo reflexionar", sinalou o presidente. "Podemos facer unha reflexión: que lle parece valorar a industria forestal?", cuestionou. "E a industria papeleira? Debemos protexela ou pechala?", engadiu.

Na súa segunda quenda o xefe do Executivo foi aínda máis explícito. Como o seu candidato, Feijóo bota man dos datos da EPA, escasamente fiables no ámbito local -o propio IGE advirte de que "deben tomarse con precaución porque poden estar afectados por elevados erros de mostraxe-, para sentenciar que "Pontevedra é a cidade con máis paro de Galicia", mesmo "por riba de Ferrol" e por iso o BNG debe aclarar se "debemos falar do futuro de ENCE". "Queremos falar do futuro de ENCE e vostedes queren pechar a industria forestal para botarlle a culpa á Xunta", espetoulle a Jorquera.

A planta de ENCE, na Ría de Pontevedra Dominio Público Praza Pública
Feijóo e Moreira, na presentación do candidato © PP Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.