O Estado abre a porta á permanencia de Ence na ría de Pontevedra

Planta de Ence en Pontevedra © Google Street View

Entre a barafunda de recortes, unha sospeita que se converte en sorpresa. Dende que, o pasado xaneiro, o ministro de Agricultura e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, anunciase a intención do Goberno central de emprender unha "profunda reforma" da Lei de Costas no entorno de Pontevedra saltaron as alarmas: a planta de celulosa que Ence ten na ría e que, en virtude da lexislación vixente ata agora, debería facer as maletas en 2018, podería permanecer onde está durante varias décadas máis. E os temores véñense confirmar. O que, segundo a vicepresidenta do Goberno central, Soraya Sáenz de Santamaría, é unha reforma para "traballar pola seguridade xurídica e a protección do medio ambiente" deixa as portas abertas de par en par á continuidade de Ence no lugar no que se instalou en 1957, en pleno desarrollismo franquista.

Segundo o anteproxecto de reforma da Lei de Costas que o gabinete de Mariano Rajoy comeza a tramitar as "concesións para a ocupación do dominio público máritimo terrestre existentes" na actualidade e outorgadas, polo tanto, "antes da entrada en vigor" da nova norma "poderán ser prorrogadas, a instancias do seu titular", que o deberá pedir formalmente "durante os seis meses previos á extinción do prazo de concesión", neste caso, mediados de 2017. Unha vez realizada a petición "a duración desta prórroga en ningún caso excederá de setenta e cinco anos [antes eran 60]". O que é o mesmo, a papeleira podería seguir operando na ría pontevedresa ata 2093.

Se a Xunta informa favorablemente Ence podería permanecer na ría pontevedresa ata 2093

Que separa a Ence de poder conseguir o seu obxectivo? Só un requisito, o establecido pola reforma para as "concesións que amparen ocupacións para usos destinados á industria extractiva, enerxética, química, petroquímica, téxtil e papeleira". Neste caso, a prórroga será concedida "previo informe favorable do órgano ambiental da comunidade autónoma", isto é, da Consellería de Medio Ambiente ou o departamento autonómico que asuma as súas competencias nese momento. Nese informe haberá que "determinar os efectos que a ocupación ten para o medio ambiente e incluirá, nos casos que proceda, as condicións que deba contemplar a concesión para garantir unha adecuada protección".

Así as cousas, se o Goberno galego de quenda considera en 2018 que Ence é quen de garantir determinados requisitos ambientais -como xa acontecía, por exemplo, durante os mandatos de Fraga-, nada impediría que reclamacións como as formuladas pola Asociación para a Defensa da Ría fosen enviadas a un caixón durante varias xeracións. Non obstante, dende a actual Xunta tense afirmado en diversas ocasións que a súa vontade é favorecer o traslado de Ence ou, cando menos, así o prometeu reiteradamente Alberto Núñez Feijóo en campaña electoral.

Menos protección nas rías

Pero non é a ría de Pontevedra a única que pode ver rebaixada o seu nivel de protección ambiental, xa que o ministerio dirixido por Miguel Arias Cañete toca tamén o artigo 23 da lei, no que o Goberno de Felipe González regulou en 1988 a protección do dominio marítimo terrestre na beira do mar. Segundo aquela normativa "a servidume de protección recae sobre unha zona de 100 metros medida terra adentro dende o límite interior da ribeira do mar", faixa que podería ser ampliada ata 100 metros máis previo acordo coa autonomía correspondente.

A faixa de protección na ribeira das rías quedará en 20 metros

Fronte a esa posibilidade de ampliar a protección, a reforma de Rajoy mínguaa para as "ribeiras das rías", onde "a extensión desta zona" protexida "poderá reducirse pola Administración do estado, de acordo coa comunidade autónoma e Concello correspondente, ata un mínimo de vinte metros". Aténdese así, segundo o Goberno central, ás "características topográficas ou hidrogŕaficas, á anchura dos cauces e á distancia da ribeira da ría respecto do límite interior da ribeira do mar".

Estas son as modificacións que afectan máis directamente a Galicia nunha reforma que abrangue moitos máis puntos e que vai, por exemplo, dende o permiso para colocar publicidade nas praias ata excluír determinados enclaves do dominio público. Nomeadamente Rocafel e o porto de Santa Pola, en Alacant, a Marina de Empuriabrava  e Platja d'Aro, en Girona, a ría de Punta Umbría, o casco urbano de Isla Cristina e o Caño del Cepo, en Huelva, Pedregalejo e El Palo, en Málaga, e Oliva, en Valencia, pasarán a ser patrimonio do Estado e poderían chegar a ser vendidos.

Rajoy preside o Consello no que se aprobaron os recortes © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.