O PP completa o seu cambio de posición sobre a continuidade de ENCE na Ría de Pontevedra

A planta de Ence-Elnosa, no interior da Ría de Pontevedra © Greenpeace

"Non cabe a posibilidade de manter ENCE na Ría". Así de rotundo se expresaba en xuño de 2009 Alberto Núñez Feijoo, pouco despois de tomar posesión como presidente da Xunta, subliñando que o traslado da planta a outra localización "dentro da comarca" era "unha decisión persoal" e unha "vontade clara" do seu Goberno. "Non imos dicir unha cousa e facer a contraria", engadía. En paralelo, Telmo Martín (portavoz local do PP nese momento) acusaba a ENCE de "aproveitar a crise para perpetuarse na ría", sinalando que "a dignidade de Pontevedra non está en venda".

"Non cabe a posibilidade de manter ENCE na Ría". Así de rotundo se expresaba en xuño de 2009 Alberto Núñez Feijoo

Desa rotundidade pasouse, en 2013 á unha posición máis ambigua, cando Núñez Feijoo comezou a pedirlle "xestos" á empresa para permitir a continuidade da factoría no seu actual emprazamento. Nese momento, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, saudaba a nova Lei de Costas, que permitía que ENCE quedase na cidade “durante moitos anos”.

O pasado venres o candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Jacobo Moreira, eliminaba as posibles dúbidas ou ambigüidades que puidesen quedar con respecto á posición popular nesta cuestión, apoiando publicamente a continuidade de ENCE en Lourizán, sempre que reduza as súas emisións e xer máis emprego, sinalando que "as condicións mudaron". Ao igual que Núñez Feijoo hai dous anos, Moreira pediulle "xestos" á compañía, afirmando que "agora lle toca falar á empresa. Temos que ver o que ofrece para quedar". Un dos argumentos empregados polo PP para xustificar o seu cambio de posición, o da xeración de emprego, está apoiado en análises escasamente fundamentadas, coma a acusación de que Pontevedra é a cidade galega con máis paro, á vista das cifras da EPA, escasamente precisas para o estudo por localidades.

Ao igual que Núñez Feijoo hai dous anos, Moreira pediulle "xestos" á compañía, afirmando que "agora lle toca falar á empresa. Temos que ver o que ofrece para quedar"

En efecto, 2018 debería ser a data para a marcha de ENCE-Elnosa da súa actual localización no interior da ría de Pontevedra, pero nos dous últimos anos creceron as presións para a renovación da actual concesión por outros 60 anos, ao abeiro da nova Lei de Costas. De feito, a empresa xa comezou a traballar coa perspectiva de manter o seu emprazamento ata o ano 2078. En outubro aprobouse o regulamento da Lei e a Xunta debe emitir un informe sobre as actividades da planta e o seu impacto que será determinante para a concesión ou non da prórroga. Unha posición favorable da Xunta aseguraría a continuidade de ENCE en Lourizán, e un informe negativo dificultaría moito esta posibilidade, aínda que o Executivo de Rajoy podería desoír a opinión do Goberno galego en base a razóns de interese xeral.

Os colectivos que dende hai anos pulan para asegurar o traslado da contaminante factoría acusan o PP de traballar, por acción ou inacción, para permitir que ENCE continúe no interior da ría. Este domingo o deputado de AGE Antón Sánchez acusou a Alberto Núñez Feijoo de mentir, cambiar de posición e funcionar ao ditado da empresa e esixiulle que a Xunta cumpra as sentenzas xudiciais que están sen executar e que obrigan a incoar o expediente de caducidad á concesión de ENCE.

Os colectivos que dende hai anos loitan para asegurar o traslado da contaminante factoría acusan o PP de traballar, por acción ou inacción, para permitir que ENCE continúe no interior da ría

Nos últimos anos o Goberno galego xa adoptou algunhas decisións controvertidas con respecto ás empresas instaladas no complexo de Lourizán. De feito, en outubro de 2013 presentou como un triunfo un acordo que lle permitía a ELNOSA seguir na ría de Pontevedra tres anos máis aló da data (2014) na que estaba previsto o seu traslado. Este límite, incumprido, fora cualificado anos antes de "innegociable" e "improrrogable" polo conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e como "unha mostra de que cumprimos con Pontevedra" polo presidente da Xunta. Para Antón Masa (APDR) o acordo demostrou que quen "marca a política ambiental na ría son directamente Ence e Elnosa, a cuxos intereses está vendido o Goberno galego".

A planta de Ence-Elnosa, no interior da Ría de Pontevedra © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.