A Xunta presenta como un triunfo o acordo que permite a Elnosa seguir na ría de Pontevedra

A planta de Ence-Elnosa, no interior da Ría de Pontevedra © Greenpeace

9 de decembro de 2011. O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, afirmaba na sede da Xunta en Pontevedra que "hoxe iníciase a conta atrás para o peche definitivo de Elnosa na ría de Pontevedra, que terá lugar o 6 de xaneiro de 2014". Ademais, incorporou os cualificativos de "innegociable" e "improrrogable". Núñez Feijoo tamén comprometeu a súa palabra, e o 27 de decembro sinalou que a marcha de Elnosa en 2014 era "unha mostra de que cumprimos con Pontevedra".

Menos de dous anos despois, no mesmo lugar, e a dous meses de que expirase o "improrrogable" prazo dado, o mesmo Agustín Hernández asinaba co conselleiro delegado da empresa CUF, propietaria da contaminante planta, un acordo que permitirá que esta permaneza no interior da ría de Pontevedra, cando menos, até o ano 2017. A Xunta, ademais, esfórzase en presentar este acordo como un triunfo.

Para Antón Masa (APDR) o acordo demostra que quen "marca a política ambiental na ría son directamente Ence e Elnosa, a cuxos intereses está vendido o Goberno galego"

O cese de actividade producirase, segundo o acordo asinado este mércores, a finais de 2016, pero a empresa contará con nove meses máis para o desmantelamento das instalacións. A Xunta argumenta que este acordo evita a posibilidade de que a empresa mantivese o seu actual emprazamento máis aló dese ano, baseándose nos recursos presentados contra o prazo límite de xaneiro de 2014, e que a cambio a empresa se comprometeu onte a retirar. É certo que unha recente modificación lexislativa elimina a necesidade de renovar periodicamente os permisos ambientais ás industrias, pero é igualmente certo que Elnosa utiliza unha tecnoloxía baseada no mercurio, que xa non é aceptada pola UE, polo que os recursos xudiciais poderían ter dilatado algo o proceso, pero non mudarían o resultado final. No acordo Elnosa tamén se compromete a presentar dúas ubicación posibles para a planta, unha na comarca de Pontevedra e outra nalgún outro punto de Galicia.

O acordo foi duramente criticado por BNG e PSdeG-PSOE en Pontevedra, e por colectivos coma Asociación pola Defensa da Ría (APDR). Antón Masa cualificou de "tomadura de pelo" e de "inaceptable" esta prórroga e denunciou que demostra que quen "marca a política ambiental na ría son directamente Ence e Elnosa, a cuxos intereses está vendido o Goberno galego". A APDR non descarta acudir á vía penal e denunciar o conselleiro por presunta prevaricación. De igual xeito, socialistas e nacionalistas sinalaron que a vontade do PP "é consolidar o complexo de Lourizán" e Agustín Fernández (PSdeG) acusou o Goberno galego de "tratar o tema como unha cuestión administrativa cando é un asunto político".

Para César Mosquera (BNG) "é tan só unha fórmula para seguir gañando tempo e traspasar este asunto á próxima lexislatura", unha “patada a seguir” para que o tema non prexudique os populares nas vindeiras eleccións

De igual maneira, o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera (BNG) cualificou a planta de "bomba de reloxería" e puxo en dúbida que 2017 sexa a data na que Elnosa abandone a ría: "É tan só unha fórmula para seguir gañando tempo e traspasar este asunto á próxima lexislatura", unha “patada a seguir” para que o tema non prexudique os populares nas vindeiras eleccións. O complexo industrial ENCE-ELNOSA representa en conxunto apenas o 0,5% do emprego da comarca de Pontevedra, e como hoxe volveron a salientar, distintos colectivos, é responsable dunha contaminación insoportable, que prexudica notablemente outras actividades produtivas no interior da ría. Mosquera tamén lembra que a autorización outorgada en 2011 está recorrida xudicialmente por non incluir un informe urbanístico preceptivo do Concello, "e non se descarta acudir a esta mesma vía nesta nova prórroga".

ENCE está traballando noutra vía, tentando conseguir que o Goberno central declare a súa actividade de interese xeral e prorrogue a súa concesión 75 anos máis, unha concesión sobre a que a Xunta non tería poder de decisión

É inevitable non referirse a ENCE cando se trata do futuro de Elnosa. O propio conselleiro emprezou este mércores a "outras empresas da zona", sen dar nomes, pero en clara referencia á empresa pasteira a "tomar nota deste acordo e poñelo como exemplo". Hernández afirmou que "Ence manifestou a súa vontade de utilizar a posibilidad que dá a nova Lei de Costas para continuar máis aló de 2018 en Lourizán e deberá facerlle unha proposta á Xunta se o considera pertinente. Se chega, analizarémola e supoño que Ence reflexionará a partir de hoxe sobre a necesidade de chegar a acordos coa Xunta como fixo Elnosa". Porén, todo parece indicar que ENCE está traballando noutra vía, tentando conseguir que o Goberno central declare a súa actividade de interese xeral e prorrogue a súa concesión 75 anos máis, unha concesión sobre a que a Xunta non tería poder de decisión.

A planta de Ence-Elnosa, no interior da Ría de Pontevedra © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.