A Xunta prorrogará o convenio co que rebaixa taxas a Ence no Porto de Ribadeo desde 2011

Porto de Ribadeo empregado pola fábrica de Ence en Navia CC-BY-SA Xunta de Galicia

Coa ameaza de que a empresa levaría a súa produción de Navia en tren ao porto de Xixón, Feijóo defendera perdoarlle impostos ata 2020, pero malia que a liña férrea quedou paralizada o acordo foi renovado catro anos e agora será ampliado de novo

En 2011 Portos de Galicia asinou un convenio con Ence polo que lle perdoou ata un 60% as taxas que tería que pagar por mover a través do porto de Ribadeo pasta de papel da súa fábrica de Navia, en Asturias. Feijóo xustificou aquela rebaixa coa ameaza de que ese tráfico que chegaba ao porto de Ribadeo en camións podía marchar en tren ao porto de Xixón coa construción dun ramal ferroviario que enlazaría a fábrica de Navia coa liña da antiga Feve que recorre a costa cantábrica. 

Tras lograr a rebaixa en Ribadeo, o enlace ferroviario a Xixón quedou paralizado polo "escaso interese" que pasou a ter nel a propia Ence, segundo constatou o Tribunal de Cuentas. Pero iso non impediu que cando rematou a vixencia daquel convenio, hai agora catro anos, a Xunta o renovase con novas condicións igualmente beneficiosas para Ence. E catro anos máis tarde, tras rematar novamente a vixencia do segundo convenio o pasado 31 de decembro, agora Portos de Galicia avanza que xa está a tramitar a súa prórroga.

Convenios de 2011 e 2020 para a rebaixa de taxas a Ence no porto de Ribadeo que agora vai ser prorrogada CC-BY-SA Praza Pública

Ence xa viña movendo desde había anos diversos produtos da súa fábrica de Navia a través do porto de Ribadeo, a 35 quilómetros por estrada, cando en febreiro de 2010 asinou un convenio co Principado de Asturias e a daquela Feve para construír un ramal de 2,5 quilómetros que conectase as súas instalacións coa liña de ancho métrico do Cantábrico. Cun custe duns 9 millóns dos que Feve pagaría 3,5, o Principado outros 3,5 e a propia Ence 2 millóns, o ramal permitiríalle levar as súas mercadorías por tren ao porto de Xixón.

Con esa ameaza de perda de tráficos en Ribadeo, a Xunta decidiu rebaixarlle taxas portuarias para reter en Galicia as súas operacións marítimas. Para iso chegou a mudarse a lei que regula as taxas portuarias a través da lei de acompañamento dos orzamentos para 2011, aprobada en decembro de 2010. E coa lei xa reformada, o 15 de xuño de 2011 Portos e Ence asinaron finalmente un convenio, con efectos retroactivos ao 1 de xaneiro anterior, para rebaixar as taxas ata un 60% a cambio, segundo publicitou a propia Xunta, da permanencia dun mínimo de tráficos en Ribadeo.

Feijóo presentando en 2012 diversas actuacións no porto de Ribadeo en beneficio de Ence CC-BY-SA Xunta de Galicia

O convenio de 2011 fora redactado á medida de Ence, que podía beneficiarse das rebaixas da Xunta marchase, quedase ou compaxinase os seus tráficos en Ribadeo e Xixón

Pero o texto do convenio non condicionou a aplicación da rebaixa de taxas en Ribadeo a que non se construíse o ramal ferroviario asturiano ou a que Ence non levase a Xixón parte dos seus tráficos. O acordo, desvelado por Praza.gal en 2016, cando a Xunta aínda non facía público o contido dos seus convenios como despois obrigou a Lei de Transparencia, permitía que Ence se beneficiase da rebaixa en Ribadeo ata decembro de 2019 marchase, quedase ou compaxinase os dous portos. Así o establecía un texto que falaba da fábrica de Navia en primeira persoa, como se fose a propia empresa quen redactase o convenio e non a administración galega.

Ademais, tras a sinatura da rebaixa de taxas, a Xunta tamén investiu 2,2 millóns de euros en mellorar o porto de Ribadeo, obras que o propio Feijóo vinculou ás necesidades de Ence na presentación que fixo das mesmas en xullo de 2012. Un Feijóo que chegou a xustificar a rebaixa de taxas como unha resposta ao desexo "das institucións de Ribadeo, dos sectores sociais de Ribadeo e de toda Galicia".

Tras a rebaixa de taxas en Ribadeo, Ence deixou de ter "interese" na obra ferroviaria que impulsara en Asturias, que quedou paralizada, o que levou ao Tribunal de Cuentas a pedir a Adif que esixise "danos e prexuízos"

Coa rebaixa de taxas en vigor e unhas mellores instalacións xa en servizo, a empresa deixou de ter interese na obra ferroviaria asturiana. Así o constatou o Tribunal de Cuentas nun informe de fiscalización da antiga Feve que analizou a paralización da obra en Navia e o custo que tivo para as arcas públicas. Nese documento o Tribunal de Cuentas chegou a reclamar a Adif, na que se integrou Feve, que denunciase a Ence por "danos e prexuízos" se non facilitaba o remate da obra. Pero a obra nunca máis continuou e Adif, Principado e Ence iniciaron negociacións para dala por rematada.

O Tribunal de Cuentas desmontou a operación asturiana coa que Ence logrou que a Xunta lle baixase taxas en Ribadeo e certificou o seu custo para as arcas públicas CC-BY-SA Praza Pública

Malia que a marcha das mercadorías de Navia en tren a Xixón deixara de ser unha ameaza, ao rematar aquel primeiro convenio, en decembro de 2019, Portos decidiu primeiro prorrogalo e despois asinar un novo acordo, novamente con efectos retroactivos desde o remate do anterior e ata o 31 de decembro de 2023. Nese novo convenio xa non se dicía nada da obra ferroviaria que motivara o anterior, pero seguiron facilitándose rebaixas de taxas a Ence en función dos volumes que movese en Ribadeo e que podían chegar desta volta ata o 51%. Con esa nova rebaixa, a Xunta consideraba "garantidos uns tráficos e ingresos mínimos" polo que comprometía novos "investimentos importantes” no porto de Ribadeo "asociados ás dragaxes da canle principal".

A vixencia dese segundo acordo rematou o pasado 31 de decembro, como reflicte a web de convenios da Xunta. Praza.gal preguntou a Portos de Galicia polo futuro desa rebaixa de taxas a Ence en Ribadeo e a resposta do ente público é que xa traballa na prórroga do convenio. 

Se en Ribadeo a Xunta rebaixou taxas a Ence co argumento de que senón marcharía, en Marín o seu porto ameazou con subilas a outros barcos se a factoría de Lourizán era obrigada pola xustiza a deixar a zona

Neste tempo Ence, antiga empresa pública privatizada hai dúas décadas por Aznar, non só condicionou a planificación pública portuaria galega en Ribadeo. Se alí a Xunta rebaixou taxas e acometeu investimentos públicos para o beneficio directo da empresa co argumento de que senón marcharía, no porto de Marín, xunto á fábrica de Lourizán, o que fixo a súa Autoridade Portuaria foi ameazar con subir taxas a outros barcos se esa factoría se tivese que desmantelar no marco dos recursos xudiciais contra a prórroga da súa concesión. 

Terminal cuberta do porto de Marín que empregan os tráficos de Ence © Autoridad Portuaria de Marín y Ría de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.