Co argumento de que a empresa levaría a súa produción de Navia en tren ao porto de Xixón, en 2011 a Xunta decidiu perdoarlle impostos ata 2020, pero malia que se parou a liña férrea que o permitiría, o acordo foi renovado outros catro anos
En 2011 Portos de Galicia asinou un convenio con Ence polo que lle perdoou ata un 60% as taxas que tería que pagar por mover a través do porto de Ribadeo pasta de papel procedente da súa fábrica de Navia, en Asturias. A Xunta xustificou aquela rebaixa de taxas co argumento de que Ence quería que ese tráfico, que chega ao porto de Ribadeo en camións, se trasladase ao de Xixón en tren coa construción dun novo ramal ferroviario que uniría a fábrica de Navia coa liña da antiga Feve que recorre a costa cantábrica.
Conseguida aquela rebaixa de taxas en Galicia, a construción do enlace ferroviario en Asturias quedou paralizada hai unha década polo “escaso interese” da propia Ence, segundo constatou o Tribunal de Cuentas, que criticou o gasto de cartos públicos de Adif e o Principado nunha infraestrutura que virou inútil. Porén, o convenio asinado con Portos de Galicia, con vigor ata decembro de 2019, foi primeiro prorrogado e despois substituído por un novo acordo que seguirá a garantir rebaixas de taxas a Ence en Ribadeo ata o 31 de decembro de 2023. Ademais, a Xunta comprométese coa empresa a realizar dragaxes anuais da ría ata 2024 incluído para facilitar as súas operacións.
A historia da rebaixa de taxas da Xunta a Ence en Ribadeo é a historia dun xogo a varias bandas. A empresa xa viña movendo diversos produtos da súa fábrica de Navia a través do porto de Ribadeo, a 35 quilómetros por estrada, cando en febreiro de 2010 asinou un convenio co Principado de Asturias e a daquela Feve para construír un ramal de 2,5 quilómetros que conectase as súas instalacións coa liña de ancho métrico do Cantábrico. Cun custe duns 9 millóns dos que Feve pagaría 3,5, o Principado outros 3,5 e a propia Ence 2 millóns, o ramal permitiríalle levar as súas mercadorías por tren ao porto de Xixón.
O convenio de 2011, agora substituído por un novo acordo, fora redactado á medida de Ence, que podía beneficiarse das rebaixas da Xunta marchase, quedase ou compaxinase os seus tráficos en Ribadeo e Xixón
Con esa ameaza de perda de tráficos en Ribadeo, en xuño de 2010 Portos de Galicia asinou un acordo de colaboración con Ence para rebaixarlle taxas no peirao galego a cambio de que mantivese nel un mínimo volume de tráficos. Para facelo, Xunta e PPdeG tiveron mesmo que mudar a lei que regula as taxas portuarias galegas, algo que fixeron a través da lei de acompañamento dos orzamentos para 2011 aprobada en decembro de 2010. Coa lei xa reformada, foi o 15 de xuño de 2011 cando Portos e Ence asinaron finalmente o convenio, con efectos retroactivos ao 1 de xaneiro anterior, para rebaixar as taxas ata un 60% a cambio, segundo publicitou a propia Xunta, da permanencia dun mínimo de tráficos en Ribadeo.
Pero o texto do convenio non condicionou a aplicación da rebaixa de taxas en Ribadeo a que non se construíse o ramal ferroviario asturiano ou a que Ence non levase a Xixón parte dos seus tráficos. O acordo, desvelado por Praza.gal en 2016, cando a Xunta aínda non facía público o contido dos seus acordos como despois obrigou a Lei de Transparencia, permitía que Ence se beneficiase da rebaixa en Ribadeo ata decembro de 2019 marchase, quedase ou compaxinase os dous portos. Así o establecía un texto que falaba da fábrica de Navia en primeira persoa, como se fose a propia empresa quen redactase o convenio e non a administración.
Ademais, tras a ameaza de deixar Galicia por Asturias, a Xunta investiu 2,2 millóns de euros en mellorar o porto de Ribadeo, obras que o propio Feijóo vinculou ás necesidades de Ence na presentación que fixo das mesmas en xullo de 2012. “Ence ten unha capacidade de instalación, movemento de mercadorías e atraque duplicada”, dixo daquela o presidente, que despois mesmo chegou a xustificar a rebaixa de taxas como unha resposta ao desexo “das institucións de Ribadeo, dos sectores sociais de Ribadeo e de toda Galicia”, de que eses tráficos non marchasen a Asturias.
Tras a rebaixa de taxas en Ribadeo, Ence deixou de ter "interese" na obra ferroviaria que impulsara en Asturias, que quedou paralizada, o que levou ao Tribunal de Cuentas a pedir a Adif que esixise "danos e prexuízos" á empresa
Pero coa rebaixa de taxas en vigor e unhas mellores instalacións xa en servizo, a empresa deixou de ter "interese" na obra ferroviaria asturiana. Así o constatou o Tribunal de Cuentas nun informe específico de fiscalización das actuacións da antiga Feve que analizou a paralización da obra en Navia e o custo que tivo para as arcas públicas. Nese documento o Tribunal de Cuentas reclamou que Adif, na que se integrou Feve, denunciase a Ence por “danos e prexuízos” se non facilitaba o remate da obra. Pero a obra non continuou e Adif, Principado e Ence iniciaron negociacións para dala por rematada, o que tamén implicou ás empresas construtoras, unha das cales vén de gañar un preito polo que a empresa pública estatal terá que pagarlle os prexuízos que lle supuxo parar os traballos.
Malia que a marcha das mercadorías de Navia en tren ao porto de Xixón xa non é unha ameaza tras a paralización da obra asturiana, a Xunta seguirá a rebaixar as taxas en Ribadeo ata o 31 de decembro de 2023 grazas a un novo convenio desta volta non publicitado como o de 2011 e no que xa nada se di da obra ferroviaria. Porén, o que si detalla o novo acordo son obrigas por parte da Xunta de dragar todos os anos, ata 2024 incluído, a canle de acceso da ría de Ribadeo e os fondos do peirao de Mirasol que empregan os barcos de Ence para facilitar as súas operacións.
Malia que a marcha das mercadorías de Navia en tren a Xixón xa non é unha ameaza, a Xunta seguirá a rebaixar as taxas en Ribadeo e comprométese ademais a dragar a ría ata 2024
Tras vencer o anterior acordo o 31 de decembro de 2019, primeiro prorrogouse uns meses e despois Portos comezou a tramitación dun novo convenio. A memoria xustificativa do novo acordo foi asinada polo director de Portos de Galicia o 20 de maio de 2020, e só dous días despois o Diario Oficial de Galicia publicou o inicio da tramitación ambiental da dragaxe durante catro anos do Porto de Ribadeo, que suporá a retirada durante ese tempo de 432.000 metros cúbicos do fondo da ría.
Con eses trámites xa en marcha, finalmente Portos e Ence asinaron o novo convenio para manter a rebaixa de taxas en xaneiro do pasado ano, novamente con efectos retroactivos, como sucedera co convenio anterior. O novo acordo, cuxo contido a Xunta tardou meses en facer público, como agora xa si obriga a Lei de Transparencia, fixa distintas rebaixas das taxas en función dos volumes que mova Ence en Ribadeo que poden chegar ao 51%. A Xunta nunca quixo confirmar o importe total da merma de ingresos do anterior convenio, que con rebaixas de ata o 60% este diario calculou que podían ascender a entre 300.000 e 500.000 euros anuais, entre o 2% e o 3% dos ingresos ordinarios do ente público.
No novo texto sinálase tamén que “nos próximos catro anos, garantidos uns tráficos e ingresos mínimos, Portos de Galicia compromete acometer investimentos importantes” no porto de Ribadeo que “se planifican asociados ás dragaxes da canle principal e mantementos da mesma” que se prolongarían anualmente ata 2024 “segundo necesidade”.
Se en Ribadeo a Xunta rebaixou taxas a Ence co argumento de que senón marcharía, en Marín o seu porto ameaza con subilas a outros barcos se a factoría de Lourizán é obrigada pola xustiza a deixar a zona
Ence, antiga empresa pública privatizada hai dúas décadas por Aznar, non só está a condicionar a planificación pública portuaria galega en Ribadeo. Se alí a Xunta lle rebaixou taxas e acomete investimentos públicos para o seu beneficio directo co argumento de que senón marcharía, en Marín, xunto á súa fábrica de Lourizán, o que fixo a súa Autoridade Portuaria foi ameazar con subir taxas a outros barcos se esa factoría ten que desmantelarse porque así o decida a xustiza.