O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defende que a decisión de Portos de Galicia de reducirlle as taxas a ENCE polo seu uso do porto de Ribadeo permite que a empresa manteña na vila lucense un tráfico de mercadorías que podería ter marchado a Asturias. Porén, ENCE non está en condicións técnicas de poder abandonar Ribadeo, polo que a Xunta outorgoulle beneficios a cambio de que non fixese algo que segue sen poder facer. Segundo o presidente, o texto responde a unha petición "da sociedade de Ribadeo".
O convenio asinado en 2011 por Portos con ENCE, en vigor ata 2020 e desvelado en exclusiva por Praza.gal, inclúe unhas cláusulas que supoñen rebaixarlle as taxas faga o que faga a empresa. Por unha banda, a rebaixa non é a cambio de que non marche a Asturias senón “ata” que non teña operativa a vía férrea que lle permita facelo, para a que arrincou fondos públicos ao Principado de Asturias e Feve. Por outra, cando iso ocorra, queda nas mans de ENCE levar todos os tráficos, deixalos ou repartilos, e en calquera caso seguirá a contar coa mesma rebaixa das taxas.
Feijóo defende que a rebaixa permite manter na vila lucense o tráfico de ENCE, que actualmente non ten máis opción técnica que ficar alí
En Asturias a visión que hai é a de que ENCE, tras reclamar axudas públicas para esa conexión ferroviaria e empregala á súa vez para ameazar á Xunta, agora obstaculiza a execución das obras porque lle sae máis rendible seguir operando en Ribadeo coas taxas rebaixadas. Un xogo a dúas bandas posible grazas a que a Xunta lle rebaixou as taxas de xeito incondicional, desvíe ou non parte dos tráficos. Mentres, nestes cinco anos, sen outro sitio a onde ir ENCE, a Xunta leva perdida a metade dunhas taxas que podería ter cobrado de xeito íntegro.
A Administración autonómica leva perdida a metade das taxas que lle podería ter cobrado integramente á pasteira
A Feijóo preguntóuselle na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves se entende que outras empresas poidan sentirse discriminadas por non gozar das mesmas vantaxes que a Administración lle outorga a ENCE, tal e como revelou este diario. O presidente eludiu a pregunta sobre o libre mercado, dixo que non coñecía de primeira man o convenio e limitouse a defender que “había e segue habendo un acordo de non desprazar os tráficos de Ribadeo cara Asturias”. Segundo dixo, “o obxectivo das institucións de Ribadeo, dos sectores sociais de Ribadeo e de toda Galicia, era non desprazar cargas” fora da comunidade.
O propio expresidente do ente, José Manuel Álvarez-Campana, informou no seu momento ao Parlamento de Galicia de que a “oferta” realizada á empresa incluía unha importante bonificación” nas taxas que pagaba
Pola súa banda, Portos de Galicia asegura agora que ENCE non se está beneficiando de ningunha bonificación superior á que ten dereito calquera outro operador de mercadorías nos portos galegos. Porén, o propio expresidente do ente, José Manuel Álvarez-Campana, informou no seu momento ao Parlamento de Galicia de que a “oferta” realizada á empresa incluía unha importante bonificación” nas taxas que pagaba, “unha oferta desde o punto de vista económico moi atractiva, supón prácticamente reducir á metade as taxas para o tráfico de mercadorías da actualidade”. Esas verbas, repetidas en varias roldas de prensa por Álvarez-Campana, plasmáronse un ano despois nun convenio que di que Portos “procederá á aplicación de bonificacións” a calquera mercadoría que ENCE mova en Ribadeo entre 2011 e 2020. O convenio de Portos está feito tan á medida do que queira facer ENCE en cada momento que mesmo parece redactado pola propia empresa e non pola Xunta cando fala da “nosa factoría de Navia”.