O Consello Consultivo considerou “viable” a proposta da Xunta de que a factoría se inclúa en terreos portuarios amparado nun informe da Autoridade Portuaria que a considera un “uso portuario” polo seu efecto sobre as súas propias contas
“Dado o importante impacto económico negativo que produciría no resultado económico da Autoridade Portuaria a perda do tráfico de pasta de papel [esta] previsiblemente verase obrigada a modificar á alza os coeficientes correctores das taxas [...] e reducir as bonificacións previstas”. Esa ameaza de subir taxas a outros barcos ou mercadorías se Ence deixa de empregar o porto de Marín tras anular a Audiencia Nacional a súa concesión en Lourizán está incluída nun informe emitido pola Autoridade Portuaria de Marín e empregado polo Consello Consultivo de Galicia para considerar “viable” que a factoría se considere terreo portuario e siga así no seu emprazamento actual.
Tras a anulación o pasado verán por parte da Audiencia Nacional da concesión que permite a Ence ocupar terreos públicos costeiros en Lourizán, e á espera de que o Tribunal Supremo resolva o recurso presentado pola empresa, a Xunta propuxo que ese espazo pase a formar parte da veciña Autoridade Portuaria de Marín, presidida por José Benito Suárez, marido da ex-ministra Ana Pastor e defensor tamén desa idea. Para avalar esa súa postura, que o Estado rexeita como responsable último de supervisar ás autoridades portuarias -vén de apuntar a un traslado ás Pontes ou Cerceda- e que a empresa nin mencionou aos seus accionistas, a Xunta pediu o pasado outubro un informe específico ao Consello Consultivo de Galicia.
En só sete días, e cunha fin de semana polo medio, o Consultivo emitiu o informe que lle pediu a Xunta considerando “viable” cumprir todos os condicionantes legais necesarios para que Ence pase a formar parte do porto de Marín. O Consultivo concluíu entre outras cuestións que os portos quedan fóra do ámbito da Lei de Costas que tombou a prórroga da concesión a Ence, que os terreos portuarios non teñen por que ter unha continuidade física ou que cada porto é autónomo para ordenar os seus propios terreos. Así, considerou “perfectamente viable realizar a dita inclusión [de Ence no porto de Marín] mediante a modificación desa zona de servizo”, pero engadindo xusto a continuación un matiz: “sempre que eses terreos sexan necesarios para o desenvolvemento dos usos portuarios” que establece a lei.
O consultivo admite "o caracter limitado" da súa propia análise xa que non avaliou se Ence se adecúa aos requisitos da Lei de Portos, senón os argumentos que deu o Porto de Marín asegurando que si, entre eles o de que perdería ingresos e tería que subir taxas
Sobre esa última condición, a Lei de Portos do Estado considera no seu artigo 72 “usos portuarios” os directamente ligados ao transbordo de mercadorías a barcos, os pesqueiros, os náutico-deportivos e os “usos complementarios ou auxiliares dos anteriores, incluídos os relativos a actividades loxísticas e de almacenaxe e os que correspondan a empresas industriais ou comerciais cuxa localización no porto estea xustificada pola súa relación co tráfico portuario, polo volume dos tráficos marítimos que xeran ou polos servizos que prestan aos usuarios do porto”. Pero o Consultivo non avalía el mesmo se Ence se adecúa a eses requisitos senón que analiza os argumentos cos que a Autoridade Portuaria xustifica que Ence cumpriría esas condicións.
O Consultivo analizou para iso un informe “subministrado á Xunta pola Dirección do porto de Marín” e insiste en que se considera “xustificada” esa opción é “en atención ao exposto pola Dirección do porto de Marín [...] e desde o carácter limitado da nosa análise”. E o que expón a Autoridade Portuaria de Marín para xustificar que Ence ten un uso portuario é que a desaparición dos seus tráficos poría en perigo o Plan de Empresa do propio porto.
A Autoridade Portuaria, di o Consultivo, argumenta “a incidencia que no tráfico portuario podería ter a desaparición do tráfico de pasta de papel xerado pola empresa Ence”, de xeito que “nun estado de estancamento de tráficos no Porto, como o actual, a corto ou medio prazo acorde coa previsión realizada no último Plan de Empresa, significaría non saír dun resultado negativo no período que abarca o mesmo”.
Ante esa situación, di o informe do porto, “en aras de garantir o principio de autosuficiencia económico-financeira que lle resulta esixible normativamente, a Autoridade Portuaria previsiblemente verase obrigada a modificar á alza os coeficientes correctores das taxas do buque (T-1) e da mercadoría (T-3), e reducir as bonificacións previstas [na Lei de Portos] para os tráficos considerados como estratéxicos, sensibles ou prioritarios o que suporá irremediablemente unha perda de competitividade cos portos da contorna, especialmente do eixo atlántico, afectando a outros operadores e sectores económicos da zona de influencia do Porto de Marín”.
Tras reproducir esa argumentación da Autoridade Portuaria, o Consultivo di que “en atención ao exposto, e desde o carácter limitado da nosa análise ao que antes se aludiu, estima este Consello Consultivo que cabería considerar xustificada a necesidade de ampliación da zona de servizo do porto con destino a usos complementarios [...] relativos á localización de empresas que permitan un importante incremento do tráfico portuario, tendo en conta tanto as necesidades actuais xa presentes no porto como a eventualidade futura de diminución do tráfico portuario que se derivaría dunha hipotética supresión do tráfico de pasta de papel xerado pola empresa Ence”.
O Consultivo remata considerando válida a argumentación do Porto de Marín porque di que non a considera “irrazoable, arbitraria ou ilóxica”
Expresións como “en atención ao exposto”, “á vista do exposto” ou “carácter limitado da nosa análise” son repetidas en varias ocasións polo Consultivo para referirse ás súas conclusións a respecto do “uso portuario” de Ence en función dos argumentos ofrecidos pola Autoridade Portuaria. O Consultivo remata considerando válida esa argumentación porque di que non a considera “irrazoable, arbitraria ou ilóxica”.
O informe do Consultivo foi empregado pola Xunta para considerar avalada xuridicamente a súa proposta de incluír Ence no porto de Marín, o que levou á Asociación pola Defensa da Ría a reclamar a pasada semana ao Consultivo que se desmarcase publicamente do que considerou unha “manipulación” do seu documento por parte do Goberno galego. Sen entrar en se o seu documento valida ou non a postura da Xunta, este mércores o Consultivo emitiu unha nota de prensa sinalando que o seu Pleno “desestima realizar declaracións públicas sobre informes emitidos”. Tamén asegura actuar “con absoluta independencia” e lembra que “os seus cinco compoñentes, elixidos polo Parlamento de Galicia e polo presidente da Xunta de Galicia, non están sometidos a mandato imperativo algún”.
A ameaza de ter que subir taxas a outros buques ou mercadorías se Ence deixa de utilizar as súas instalacións xa foi insinuada indirectamente pola Autoridade Portuaria tras coñecerse as sentenzas contrarias a Ence do pasado verán. O seu presidente dixo daquela que a mercadoría que move Ence no porto é “estratéxica e se un eventual peche conleva que se perda ese tráfico, moitas outras cousas van estar en xogo directa e indirectamente”. Suárez salientou que o tráfico de pasta de papel de Ence supón máis dun cento de barcos ao ano e 120 movementos de camión por cada barco. As súas 400.000 toneladas ao ano, di a Autoridade Portuaria, son o 19% do tráfico portuario total.
Hai unha década a Xunta pactou con Ence un convenio a medida para perdoarlle taxas no porto autonómico de Ribadeo, empregado pola factoría asturiana de Navia
Por outra parte, a suba de taxas coa que ameaza a Autoridade Portuaria de Marín se Ence marcha da zona contrasta coa rebaixa de taxas que a Xunta pactou hai unha década coa empresa por empregar o porto autonómico de Ribadeo para a súa factoría asturiana de Navia. Daquela a Xunta chegou a mudar unha lei para poder asinar un convenio á medida das necesidades da empresa baixo a ameaza de que senón levaría os seus tráficos ao porto de Xixón, unha operación a varias bandas que foi criticada polo Tribunal de Cuentas estatal.