No verán de 2001, hai agora vinte anos, Ence daba os seus primeiros pasos como empresa integramente privada. O 20 de xullo daquel ano, o Goberno do PP de José María Aznar culminara a privatización da noutrora Empresa Nacional de Celulosa mediante a venda do 24,9% das accións que quedaban nas mans da Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI).
A sentenza que anula a prórroga concedida polo Goberno de Rajoy a Ence para seguir na ría ata 2073 chegou no vixésimo aniversario da súa privatización polo gabinete de Aznar, tras a que a papeleira tivo como primeiro presidente a José Luis Méndez, na altura director xeral de Caixa Galicia
Apenas tres días despois botaba a andar un novo consello de administración pilotado polas tres entidades financeiras que formaran o consorcio que quedara coa última parte pública da papeleira: Caixa Galicia, Banco Zaragozano e Bankinter. O novo órgano directivo pasaba a presidilo José Luis Méndez, director xeral da daquela gran caixa de aforros do norte de Galicia. Con el chegaban outros directivos como o financeiro Alberto Cortina, na súa calidade de vicepresidente do Banco Zaragozano.
Dúas décadas despois daquela operación, Caixa Galicia xa non existe. Méndez, que presidiu Ence ata 2006 e defendeu con intensidade a permanencia da factoría da celulosa na ría de Pontevedra, leva dous lustros fóra da vida pública -retirado xusto antes da fusión con Caixanova cunha xubilación millonaria que algunhas fontes cifraron nuns 18 millóns-. E a pasteira ten un pé fóra de Lourizán dende que, o pasado xullo, a Audiencia Nacional anulou a prórroga que lle concedera o Goberno de Mariano Rajoy en funcións para seguir na ría ata 2073. Só unha anulación da sentenza por parte do Tribunal Supremo, ao que a empresa anunciou que acudirá cun recurso de casación, lle permitiría seguir adiante na ría.
Importantes financeiros e mais membros dos gobernos de Aznar e Fraga
Dende que o Estado abandonou o accionariado de Ence, por el pasaron algúns dos nomes máis acaudalados da economía española. Ao tempo, no seu consello de administración foron entrando algúns cargos que antes figuraran nos organigramas dos Gobernos galego e español do PP en áreas especialmente sensibles para unha compañía instalada nun espazo público de dominio público marítimo-terrestre á beira dunha ría: medio ambiente e augas. Todos, por condutos estritamente legais, pero que o resto de forzas políticas galegas veñen sinalando como mostra de conivencia dos populares coa empresa.
O paso de ex-cargos dos gobernos de Aznar e Fraga polo consello de Ence dende a súa privatización é sinalado por outras forzas políticas como mostra de conivencia do PP coa compañía
Méndez foi substituído na presidencia en 2006 por Juan Luis Arregui, que chegaba ao posto sendo xa fundador da eólica Gamesa, dirixente de Iberdrola e segundo principal accionista da propia Ence xunto con Alcor Holding, o grupo dos coñecidos como Los Albertos, Alberto Cortina e Alberto Alcocer. Este grupo empresarial estaría no consello de Ence ata finais 2017. A súa saída formalizárase coa dimisión como conselleiro do economista Pascual Fernández, que representaba a Alcor en Ence e que antes, na lexislatura da privatización definitiva da papeleira, fora Secretario de Estado de Augas e Costas co Goberno de Aznar (2000-2004).
Fernández non foi o único ex-cargo do Executivo de Aznar que pasou por Ence como empresa privada. Outro caso significativo foi o de Carlos del Álamo, que ademais de enxeñeiro de montes foi director xeral de Conservación da Natureza no Goberno de Aznar (1996-1997). Antes ocupara altos cargos na Xunta de Fraga, na que fora director xeral de Montes e de Medio Ambiente e onde regresou en 1997 para ser conselleiro de Medio Ambiente, cargo no que se mantivo ata a súa destitución en plena crise do Prestige, en 2003.
Del Álamo continuou na directiva de Ence ata este mesmo 2021, cando tivo que abandonar o consello. Como informou a propia compañía aos seus accionistas, "non podería ser reelixido coa categoría legal de independente ao acadar os 12 anos como membro" deste órgano.
A ex-ministra Isabel Tocino segue na directiva da empresa neste momento clave para o seu futuro en Pontevedra, cuxo traslado foi prometido durante anos por Feijóo, que agora se opón á saída da ría porque, di, sen unha inxección de cartos públicos como a dos fondos europeos implicaría o peche
Quen si segue no consello da papeleira é Isabel Tocino, histórica dirixente do PP que fora ministra de Medio Ambiente no primeiro Goberno de Aznar, isto é, na derradeira lexislatura completa con Ence como empresa con participación estatal (1996-2000). Baixo o seu mandato como ministra foron directores xerais tanto Pascual Fernández como Carlos del Álamo. Está no consello dende 2013 e, segundo a información que mantén publicada a propia empresa neste 2021, posúe 10.312 accións directas de Ence.
A estas presenzas da actualidade e do pasado de antigos dirixentes do PP no consello de administración de Ence veñen aludindo, nas últimas semanas, organizacións contrarias á presenza da pasteira na ría, caso da APDR, así como a oposición parlamentaria galega ou o goberno local de Pontevedra. Mentres, dirixentes populares encabezados polo propio Alberto Núñez Feijóo -que durante anos prometeu o traslado da fábrica- veñen reiterando que a súa oposición á saída da ría vén motivada por que implicaría o peche e a perda de empregos. Cuestión diferente, aseguran, é se o Estado financia un eventual traslado con fondos europeos.