Durante arredor dunha década, primeiro dende a oposición e despois dende o Goberno, Alberto Núñez Feijóo e o PP galego fixeron súa a promesa de trasladar a factoría de ENCE fóra da ría de Pontevedra e, preferentemente, "dentro da comarca" pontevedresa. "Non cabe a posibilidade de manter ENCE na ría", resumía daquela Feijóo, agregando que a súa aposta pasaba, ao mesmo tempo, por retirar a pasteira do dominio público marítimo-terrestre de Lourizán e preservar o o emprego e a actividade noutro lugar.
En vésperas das eleccións municipais de 2015, Feijóo e a formación política que encabeza mudaron o discurso, retornando á súa posición tradicional a prol de ENCE na ría. O traslado, pasou a defender o presidente da Xunta, era "inviable" e avogar pola saída da factoría da localización que ocupa dende mediados do século XX era un exercicio de "ambigüidade e demagoxia".
Esta veu sendo a posición oficial do PP e da Xunta mentres se dirimiu o procedemento xudicial que, a pasada semana, desembocou na sentenza na que a Audiencia Nacional anula a prórroga concedida a ENCE polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións. Aquel permiso, outorgado en 2016, daba o seu visto e prace para que a pasteira seguise no dominio público ata 2073. Pero o tribunal atendeu os recursos do Concello de Pontevedra e de Greenpeace e ditaminou unha anulación na que a Xunta dixo ver a consecuencia das accións políticas do PSOE e do BNG, acusou.
Non obstante, esas críticas non veñen soas. Este mesmo luns, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, manexou o traslado como unha posibilidade real. Fíxoo en tanto que reclamou ao Goberno de España que o financie a través dos fondos europeos de recuperación para a crise da COVID.
O vicepresidente Conde, que a pasada semana ligou a sentenza a decisións políticas de PSOE e BNG, asegura que, por "realismo", pide que o Goberno de España poida financiar "unha alternativa ao peche" de ENCE a través dos fondos europeos de recuperación
Asegura Conde que o que defende a Xunta é o "realismo" e que "se poida concretar unha alternativa ao peche". ENCE, asegura, debería formular os "requirimentos técnicos" precisos para o traslado e o Goberno de España, definir "condicións" para que "poida acceder ás axudas dos fondos europeos" e, a través deles, dar "unha alternativa a ENCE. Ese financiamento cos fondos comunitarios, defende, permitirían dar "continuidade aos postos de traballo" na propia factoría e "no sector forestal e loxístico".
O pasado marzo, antes da sentenza que anula a prórroga, o Goberno de España asegurou, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que está disposto a propiciar unha mesa de negociación para "buscar fórmulas que dean continuidade aos postos de traballo de ENCE en Pontevedra". Nese "espazo de diálogo", sinalou a ministra Teresa Ribera, poden participar tanto as Administracións implicadas como "o persoal da factoría, do sector dos transportes e forestal" e a propia ENCE.
A ministra realizara ese convite ao diálogo nun encontro con todas as partes implicadas na que, segundo fontes participantes, os fondos europeos tamén foron manexados como hipótese par ao futuro. Cos fondos europeos tamén sobre a mesa, ENCE indicara que ía escoitar "calquera posibilidade de futuro".