O traslado da factoría de ENCE fóra da ría de Pontevedra figurou explicitamente en dúas ocasións no programa electoral do PPdeG: en 2009, cando logrou a maioría absoluta que precisaba para desbancar o Goberno de coalición de PSdeG e BNG, e en 2012, cando alargaron esa maioría malia perder votos. Este mércores o presidente da Xunta veu afirmar que as súas promesas eran inviables.
Pontón censura que, tras prometer o traslado da pasteira, o presidente "se comportase como conselleiro delegado de ENCE" tras decidir o Goberno de España non seguir defendendo a prórroga nos tribunais
Non foi ata 2015, en vésperas das eleccións municipais, cando o propio Alberto Núñez Feijóo escenificou un cambio de rumbo para devolver o PP a onde estivera durante os gobernos de Fraga, a defensa de ENCE na ría. Renunciaba así ao que o propio Feijóo definira como "decisión persoal" de seu, xa que "non cabe a posibilidade de manter ENCE na ría", afirmara en xuño de 2009. Das súas verbas deste 27 de marzo de 2019 cabe deducir que, en realidade, a proposta nunca fora lanzada coa intención de ser trasladada á realidade.
Aquela vella promesa regresou este mércores ao pleno do Parlamento, onde a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reprochou ao presidente que, tras decidir o Goberno de España non seguir defendendo a prórroga de ENCE ante a Xustiza, se "comportase como o conselleiro delegado" da pasteira, no canto de "liderar" o seu traslado fóra da ría. Pasou de prometer ese traslado, reprochou a líder do Bloque, a "saltar como unha hidra ante a decisión da Avogacía do Estado" que abre a porta á saída da ría.
Feijóo resalta que a súa promesa implicaba trasladar a factoría "dentro da comarca de Pontevedra", onde non hai ningún outro punto que reúna as "condicións" de proximidade a peiraos, consumo de auga e electricidade, matiza
Entre continuas mencións a "Batasuna", denominación da desaparecida formación abertzale que Feijóo emprega dende hai semanas para reprochar ao BNG a súa coalición con ERC e EH-Bildu nas eleccións europeas, o presidente da Xunta cargou con dureza contra o Goberno central polo que considera unha "decisión irresponsable". El, admitiu, levou o traslado de ENCE no programa electoral, pero co matiz de que ese traslado fose "dentro da comarca de Pontevedra". E non hai ningún punto na contorna pontevedresa que reúna as "condicións" de proximidade a peiraos, consumo de auga ou consumo eléctrico que require a pasteira, xustifica.
O presidente erixe o PP en "única alternativa" para manter ENCE na ría e Pontón ínstao a "liderar o traslado, cumprir a lei e non quedar como un fariseo"
"Con estas condicións seguimos traballando" mentres o BNG "está en Pontevedra, ricamente, fumándose un puro", descualificou, para afirmar que a "única alternativa" para manter "os 5.000 empregos" que, di, están ligados á factoría "é o PPdeG". Para Pontón, Feijóo debería aclarar "cando enganou aos galegos", se "cando dicía en 2009 que non cabía a posibilidade de manter a ENCE", "en 2012, cando volveu presentarse co mesmo programa" ou agora.
En calquera caso, a líder do Bloque asegura ter claro que "os únicos responsables" da situación actual "son a pasteira e o PP, porque quixeron saltar a lei" coa prórroga concedida polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións. A Xunta, di, debera apostar por "que se cumpra a lei". "Lidere o proceso de traslado da pasteira, que aí é onde ten competencias, cumpra a lei e non quede como un fariseo". Deste xeito, considera, "recuperamos a ría e gañamos en saúde das persoas".