Naquel final de xaneiro de hai máis de dous anos, o Goberno de Rajoy atopábase en funcións. Por sorpresa, e sen urxencia ningunha de prazos, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente outorgáballe a ENCE unha prórroga de 60 anos na concesión que lle permite ocupar os terreos de Lourizán, na ría de Pontevedra, de onde loitan por sacala hai tempo a veciñanza organizada, o Concello e outras administracións. Pode así a empresa, e segundo pretendeu o Executivo do PP, ficar na súa actual localización ata 2073, contando desde a presentación da solicitude. 54 anos máis desde hoxe.
A viraxe do Goberno central abre a porta á marcha de ENCE de Lourizán logo de que a modificación da Lei de Costas polo Executivo de Rajoy permitise activar a prórroga, concedida anos máis tarde
A viraxe do Goberno central, con Pedro Sánchez na Moncloa, fíxose efectiva este xoves, ao coñecerse que renuncia a defender esa prórroga, desmárcase da decisión de Rajoy e desbota opoñerse, como estaba facendo, aos procedementos xudiciais abertos polo Concello, Greenpeace a a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) na Audiencia Nacional e que pretenden a nulidade da medida. Abre así a porta á marcha de Lourizán de ENCE, que cría ter asegurada unha prórroga impulsada ao abeiro doutra decisión do Executivo do PP.
Foi posible grazas á reforma da Lei de Costas impulsada polo gabinete de Mariano Rajoy no verán de 2012 malia o rexeitamento dos colectivos contrarios á ENCE ou do Concello e da Deputación de Pontevedra. Nunca da Xunta, que se moveu sempre ao rego que marcaba o PP en Madrid. Mesmo para cambiar a opinión manifestada polo partido en Galicia nos seus programas.
Con aquela mudanza, as concesións para a ocupación do dominio público marítimo terrestre existentes e outorgadas antes da entrada en vigor da nova norma podían ser prorrogadas “a instancias do seu titular”. ENCE solicitouno en 2013. Malia que a concesión non remataba até 2018 e a pesar de que o Executivo estaba en funcións --polo que debía limitar a súa xestión ao “despacho ordinario dos asuntos públicos” agás “casos de urxencia”--, deulle para adiante á prórroga de 60 anos, poucos meses antes da celebración dunhas novas eleccións xerais. Aquela medida provocou mesmo que Rajoy, veciño tanto tempo da cidade, fose declarado “non grato” en Pontevedra polo pleno municipal.
Agora o Estado, a través da súa Avogacía, acaba de desmontar a xustificación do Goberno do PP para a prórroga e de botar abaixo a súa argumentación, advertindo que aquela concesión non foi “conforme a dereito”. Baséase fundamentalmente en dous aspectos: en que non se pode estender a súa localización tanto tempo e en que non ninguén pode dicir que non poida mudarse a outro lugar.
A Avogacía do Estado desmonta a argumentación do Goberno do PP e aclara que a prórroga é excesiva e "non conforme a dereito" e que non se xustificou que ENCE non poida mudarse a outro lugar
Déixao claro a Avogacía do Estado no escrito remitida á Audiencia Nacional, e ao que tivo acceso Praza.gal, para desistir na defensa da medida. Alude a un ditame do Consello de Estado que fixou o “prazo máximo” dunha concesión en 75 anos, pero desde que se estableceu nun inicio. Xa que logo, e dado que a ENCE foille dada en 1958, esta caduca en 2033. De aí que a prórroga non sexa “conforme a dereito”.
Ademais, o escrito lembra tamén que a normativa de Costas advirte de que “unicamente se poderá permitir a ocupación do dominio público marítimo-terrestre” naquelas instalacións que “pola súa natureza non poidan ter outra localización”. Así, lembra que “non queda xustificado” por parte do Goberno central que a situación da pasteira sobre este dominio público marítimo-terrestre “non poida ter outro emprazamento”.
“Non se trata dun estaleiro que precisa estar ao lado do mar”, reaccionou a tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, que cre que a viraxe do Executivo central “abre unha porta de esperanza a que a prórroga non se efectivice, cando ENCE pensaba que o tiña todo atado”. Respecto ao futuro, di que “se verá”, pero cre tamén que agora hai máis posibilidades de que marche de vez da ría unha empresa que, dixo, “está afeita a manexarse dentro do goberno do PP”.
Precisamente, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, coincidiu na súa reacción con moita da feita pública por ENCE e censurou a decisión “unilateral” do Goberno central, ademais de alertar de que as consecuencias poderían deixar sen emprego 5.000 persoas e “sen ingresos” a máis de 80.000 familias galegas.
Feijóo lamenta que o Estado non lle comunicase a decisión tras enterarse a Xunta da prórroga de Rajoy polos medios; e carga contra a posible marcha de ENCE logo de defender o seu traslado durante anos
“Esa decisión non foi comunicada á Comunidade Autónoma; non tivemos ningunha información nin directa nin indirecta”, algo que cualificou de “falta de respecto sen precedentes ao Goberno de Galicia”. Todo malia que a propia Xunta recoñeceu que se enterara tamén hai dous anos da prórroga concedida por Rajoy a ENCE pola prensa. “A tramitación dentro da Administración central é competencia da Administración central, eu sei como respondería a Xunta”, dixera a daquela conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.
Feijóo cargou contra o Executivo central e confiou en que a decisión non fose “irrevogable”. Advertiu de que defenderá os postos de traballo “con todas as competencias” que ten a Xunta e acusou o PSOE de “tomar a broma o país”. Desta volta, o presidente galego sitúase contra o traslado de ENCE, unha opción, a de que marchase, que prometeu tanto en 2009 como en 2012 no programa co que se presentou ás eleccións.
Desde a APDR, pola contra, amosaron a súa “satisfacción” pola decisión do Estado ante unha prórroga que considrean “irregular, inxusta e mesmo ilegal”. “Trátase dunha decisión de carácter técnico, que debería supoñer o freo ás pretensións da empresa pasteira de permanecer até 2073 e que abriría as portas á recuperación da ría para o que é a súa vocación natural, que non é outra que o marisqueo, a pesca e o turismo sostíbel”, din, ademais de considerar este “un primeiro paso para conseguir a fin da actividade de ENCE en Lourizán”.
Greenpeace, o outro colectivo que acudiu á vía xudicial contra a prórroga, “celebra” a medida levada a cabo polo Executivo central e que “recoñeza o valor deste terreo público e as demandas realizadas nos últimos anos”. “Confiamos en que a xustiza e o Estado de Dereito resolvan en favor da preservación do medio ambiente”, dixo Pilar Marcos, responsable da campaña de Biodiversidade da asociación. A decisión final é dos tribunais, pero sen o Estado a defender a ENCE.