A Xunta pactou con ENCE un convenio á medida para perdoarlle impostos

Instalacións de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

A Xunta asinou en 2011 un convenio con ENCE co que lle rebaixou ata un 60% a taxa por usar o peirao de Ribadeo, titularidade de Portos de Galicia, para embarcar a pasta de papel que produce na súa factoría asturiana de Navia. A empresa viña de asinar outro convenio co Principado de Asturias e Feve para conectar por ferrocarril esa fábrica co porto de Xixón e ameazaba con deixar de usar o de Ribadeo, polo que o Goberno galego argumentou que a bonificación permitiría que parte deses tráficos quedaran en Galicia e non marcharan a Asturias. Pero o texto do convenio, ao que tivo acceso Praza.gal, di algo ben distinto.

A rebaixa, vixente ata finais de 2019, non é a cambio de que ENCE non marche a Xixón senón “ata” que ese traslado de tráficos estea “operativo”, e máis alá sempre que a empresa queira beneficiarse do desconto galego. Cinco anos despois, sen que ENCE teña aínda dispoñible esa opción asturiana, e polo tanto siga atada a Ribadeo, a rebaixa das taxas estalle supoñendo a Portos unha merma que oscilaría entre os 300.000 e os 500.000 euros anuais, entre o 2% e o 3% dos ingresos ordinarios do ente público.

A recente ampliación polo Goberno en funcións da concesión para que ENCE siga a operar na ría de Pontevedra outros 60 anos vai acompañada dunha xustificación da Xunta alertando do movemento económico que se perdería se a empresa pecha. Ese mesmo argumento foi o empregado hai cinco anos polo Goberno galego para xustificar os descontos e os investimentos realizados no porto de Ribadeo en beneficio de ENCE.

Portos rebaixoulle máis da metade a taxa por usar o peirao de Ribadeo co argumento de que senón marcharía ao de Xixón

En 2010 a empresa, o Principado de Asturias e Feve comprometeron fondos públicos para construírlle a ENCE un ramal de 2,5 quilómetros que conectase a súa factoría de Navia coa rede ferroviaria asturiana e poder dar así saída cara ao porto de Xixón á produción que ata entón, e aínda agora, move fundamentalmente a través do porto de Ribadeo. Tras varios meses de negociacións, o 15 de xuño de 2011, un mes antes de ser cesado, o entón presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, asinou un convenio con ENCE polo que lle rebaixou, con efectos dende o 1 de xaneiro anterior, ata un 60% as taxas polo uso do peirao de Ribadeo. A Xunta publicitouno asegurando que así se garantía que, aínda que parte dos tráficos de ENCE se derivasen a Xixón, “entre 1 e 1,5 millóns de toneladas de pasta de celulosa seguirán saíndo polo porto de Ribadeo ata o ano 2020”.

O convenio, ao que tivo acceso Praza, permite a ENCE beneficiarse da rebaixa ata 2020, marche, fique ou compaxine ambos portos

O texto do convenio, agora desvelado, di algo ben distinto. Di que os movementos de calquera tipo de mercadoría de ENCE en Ribadeo que terán taxas rebaixadas son, en primeiro lugar, os “movementos necesarios ata a implantación operativa do proxecto que ENCE acordou con Feve e o porto de Xixón para o transporte por ferrocarril de mercadorías con orixe ou destino na nosa factoría de Navia”. Isto é, a rebaixa non foi a cambio de que ENCE non leve todas as súas mercadorías a Xixón en tren senón mentres non o fai. E mesmo aínda que o faga, xa que o seguinte punto do convenio di que a rebaixa será de aplicación tamén ás “mercadorías adicionais que non fosen transportadas polo medio sinalado anteriormente por calesqueira razóns”. Mercadorías de todo tipo, non só pasta de papel, senón tamén madeira ou equipamentos, o que dificulta o cálculo exacto do que a Xunta está a perdoar a ENCE.

Parte do convenio asinado pola Xunta con ENCE CC-BY-SA Praza Pública

ENCE, beneficiada en calquera circunstancia

As cláusulas do convenio benefician a ENCE en calquera circunstancia. Por unha banda, fronte aos “entre 1 e 1,5 millóns de toneladas” anunciadas por Portos, a empresa só se comprometeu a mover por Ribadeo no total de 9 anos de vigor do convenio, e “por decisión unilateral”, 675.000 toneladas. Esa cantidade supón pouco máis do que produce en Navia nun só ano e, segundo os datos oficiais de Portos, superouna xa a metade de 2012. Isto é, se entón estivese xa dispoñible o ramal ferroviario asturiano, a empresa podería ter deixado Ribadeo tras beneficiarse do desconto durante un ano e medio. Hoxe a obra asturiana aínda non está rematada, polo que xa leva aproveitados cinco anos de rebaixas. E se a obra remata mañá, nada impedirá á empresa mudar todos os seus tráficos a Xixón.

O texto fala en primeira persoa da factoría de Navia, como se o convenio o redactase a propia empresa e non a Xunta

Pero a realidade é que a conexión ferroviaria asturiana está atascada e non ten prazo de finalización. Así que mentres, ENCE seguirá gozando da rebaixa que lle fixo a Xunta malia que non ten outro porto onde ir. E aínda que o atope, ten na súa man decidir as cantidades que quere seguir movendo por Ribadeo ata 2019 coa taxa rebaixada. A redacción do convenio é tan favorable a ENCE que mesmo parece elaborado pola propia empresa e non pola Xunta, xa que fala en primeira persoa da “nosa factoría de Navia”.

O responsable directo do convenio foi contratado o pasado setembro polo PP de Arteixo como "xestor eficaz de recursos"

Pero a rebaixa non foi a única concesión que fixo a Xunta a Ence en Ribadeo. Tras a ameaza de deixar Galicia por Asturias, a Xunta investiu 2,2 millóns de euros en mellorar o porto lucense, obras que o propio Feijóo vinculou ás necesidades da empresa na súa inauguración en xullo de 2012. “ENCE ten unha capacidade de instalación, movemento de mercadorías e atraque duplicada”, dixo entón.

Así as cousas, entre as rebaixas comprometidas ata 2019 e as obras executadas a Xunta podería estar beneficiando a Ence en Ribadeo co 10% dos 61 millóns que a empresa asegura que vai investir en mellorar a súa fábrica de Pontevedra logo de serlle prorrogada a concesión. O responsable directo daquel convenio e das obras, o expresidente de Portos José Manuel Álvarez-Campana, foi contratado o pasado setembro polo goberno local de Arteixo, do PP, co cargo oficial de “xestor eficaz de recursos”.

Feijóo, presentando as obras do peirao de Ribadeo a prol de ENCE, en 2012 © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.